Amosando publicacións coa etiqueta 2024-25. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 2024-25. Amosar todas as publicacións

16.6.25

Receita refrescante_2ºB/3º EP

Co verán xa á porta e con estes días de calor apetecía refrescarse un pouco. Fomos a Aula de cociña para elaborar uns ricos xeados de amorodo recollidos en parte no noso horto escolar. 

Agardaremos á xornada de mañá para degustalos. Xa nos tarda! 

Deixámosvos algunha imaxe do proceso. 




12.6.25

2ºA_Receita... xeada!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Finalizamos o curso cunha receita... moi xeada!

Despois de recoller os amorodos do horto escolar, os cales plantamos no educa-tribo de horticultura, fomos á aula de cociña para lavalos ben e realizar unha última receita: xeados de amorodos e laranxas en moldes con forma de estrelas e gatos.

A vindeira semana despediremos o curso refrescándonos cun xeado do máis natural (aclarar que non puidemos resistirnos a probar a receita, tal e como podedes ver nas imaxes da galería de fotos)

11.6.25

2ºA_Aniversarios lectores (3º trimestre)

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos os aniversarios lectores que celebramos ao longo do 3º trimestre: 8 aniversarios coa voluntaria e inestimable colaboración das familias.

Lecturas compartidas e diversas en forma de agasallo para todo o grupo-aula e dentro do programa Lectura e Familias.

O vindeiro curso, máis lecturas compartidas en familia!

2ºA_Así son: animais e plantas

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Finalizamos o curso coa tarefa integrada "Así son: animais e plantas". Actividades diversas que nos permitiron investigar, plantar, observar, crear, xogar... Ademais dos libros da nosa biblio, tamén aproveitamos os exemplares da maleta naturalista do CEIDA para para saber máis.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Retos cumpridos, da presentación que nos remitiu Leo, a nosa serea lectora:

2ºA_Así son: animais e plantas de Fátima Romero Olveira

10.6.25

2ºA_Receitas... en familia!

Presentamos a última produción propia, grazas á colaboración das familias. Un receitario do máis diverso, receitas familiares propias que recollemos nun só documento para compartir con tod@s.

Animámosvos a que este verán... cociñedes en familia!

6.6.25

2ºA_Libros 3R

  
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos 

Presentamos a última actividade de centro relacionada co Día do Medio Ambiente: libros 3R.

Creatividade en acción, dando unha segunda vida aos libros expurgados: lapelas, transformación de ilustracións, novos elementos...

Reducindo, Reciclando e Reutilizando, todos os días do ano.

5.6.25

2ºA_Xogo de produción propia: TERRA

Premer na imaxe para acceder ao xogo

Celebrando o Día do Medio Ambiente presentamos o xogo de produción propia creado no 1º trimestre dentro da tarefa integrada "O noso universo".

Un xogo con casas especiais e casas-reto para desenvolver diversas aprendizaxes: Reducindo, Reciclando e Reutilizando.

Esperamos... vos divirta!

3.6.25

1º-2ºA-2ºB/3º_Labirinto de Breogán e Parque Atenea

1º-2º-3º_Labirinto de Breogán e Parque Atenea 

A última saída do curso foi do máis natural, visitando o Labirinto de Breogán (Vilarmaior) e o Parque Atenea (Arteixo)

Tod@s conseguimos chegar á torre central do labirinto, onde puidemos gozar das súas vistas e dos xogos tradicionais. Rematamos a xornada no parque, entre xantar e xogos compartidos.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Despedimos o curso na natureza, actividades de lecer ao aire libre entre compañeir@s.

20.5.25

2ºA e 2ºB/3º_Encontro con Antón Cortizas

O escritor Antón Cortizas, mestre xubilado, mantivo un encontro coas aulas de 2ºA e 2ºB/3º de primaria para falar sobre o seu libro, "Os versos da mariola", incluído no Plan Lector das aulas.

Unha xornada entre libros, brinquedos de papel e xogos de palabras que tan ben argalla Antón. Ao tempo, asinou os exemplares do alumnado, da biblioteca e entregounos un fermoso agasallo en forma de libro, "Tenrura", tamén asinado polo autor.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecid@s a Antón pola súa amabilidade e bo facer, así como a Edicións Embora que nos facilitou o encontro.

Todo un éxito de xornada na nosa lingua, entre libros e brinquedos!

17.5.25

2ºA_Festival das Letras 2025

Presentamos a nosa participación no Festival das Letras 2025 do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.

Atendendo ao Día das Letras Galegas, que homenaxea á poesía popular oral, ás cantareiras e pandeireteiras, a aula de 2ºA cantamos e contamos!

Grazas infindas a Tania, María, Suso e familias pola colaboración e participación para que a nosa actuación se materializara.

Valorando e preservando a nosa rica tradición oral e cultural, todos os días do ano.

Feliz Día das Letras Galegas!

15.5.25

2ºA_Natureza en Familia!

Conmemoramos o Día da Familia 2025 coas saídas, en familia, de cada un e cada unha de nós. Imaxes que forman parte do mural de centro, pechando o PDI que nos ocupou estes dous últimos cursos.

As imaxes falan por si soas, felices compartindo momentos en familia e se son na natureza... moito mellor!

Grazas familias, por compartir os vosos momentos con tod@s nós, e feliz día a todas!

12.5.25

2ºA_Galicómic: "Axolotes a lotes no Milladoiro"

Presentamos o noso cómic para o libro de produción propia de centro, Galicómic 2025, que garda relación co PDI.

Un cómic no que recollemos a nosa fascinación por un animal estraño e marabilloso: o axolote.

Ler para crer!

24.4.25

1º-2ºA_Lectura na rúa!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

As aula de 1º e 2ºA, seguindo a proposta de actividades relacionadas co PDI de centro, celebramos o Día Mundial do Libro saíndo á rúa para realizar a nosa Hora de Ler diaria.

Achegámonos ao parque de Seaia, camiñando, para xogar, logo merendar saudablemente arredor do gran mantel, voltamos xogar e pechamos a saída coa lectura dos títulos do plan lector de cada aula.

Unha xornada lectora e saudable!

11.4.25

2ºA_Aniversarios lectores (2º trimestre)

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos os aniversarios lectores que celebramos ao longo do 2º trimestre: 5 aniversarios coa voluntaria e inestimable colaboración das familias.

Lecturas compartidas e diversas en forma de agasallo para todo o grupo-aula e dentro do programa Lectura e Familias.

No 3º trimestre... máis aniversarios e lecturas!

27.3.25

1º-2ºA-2ºB/3º_Coñecendo a... Photon Robot!

O alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, grazas ao orzamento do Programa Innova, coñeceu e experimentou con Photon Robot, un novo recurso da nosa biblio creativa.

Da man de Flor, de Maker Store by Allknow de Carballo, programaron a Photon Robot para chegar a diversas emocións que foron descubrindo mediante un relato contado.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Seguimos ampliando recursos e formación en programación e intelixencia artificial para mellorar o ser e o saber... facendo!

26.3.25

1º-2ºA_Saída a Mens e San Adrián

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

As aulas de 1º e 2ºA realizamos unha saída a Mens e ao cabo de San Adrián de Malpica.

Unha xornada en contacto coa natureza, aproveitando o bo tempo despois de tantos días de chuvia, para celebrar a chegada da primavera, capturar imaxes para o Galicómic de 1º e gravar as pezas audiovisuais do DichoLeo de 2ºA.

Encantounos xogar e correr entre as flores, buscar minerais por San Adrián e mesmo ver algún barco faenando cerca das Illas Sisargas.

Un privilexio vivir e educarnos no rural, gozando da natureza e da paisaxe!

25.3.25

1º-2º-3º_Visitamos a Radio Galega e o Museo de Historia Natural

No día de hoxe as aulas de 1º, 2º e 3º de primaria visitamos a Radio Galega, grazas ao premio do VI Concurso de Podcasts-Radio na biblio que o pasado curso acadou o alumnado de 6º de educación infantil e que este ano cursa 1º de primaria.

Unha visita na que asistimos, en directo, ao programa "Galicia por diante" presentado por Kiko Novoa e Cristina García. Premendo no seguinte enlace poderedes escoitar, a partir de 1 hora e 48 minutos, a participación do noso cole:

Unha experiencia de radio en directo que nos encantou, así como poder coñecer as instalacións da CRTVG, que este ano celebra o seu 40 aniversario, e ao persoal que tan amablemente nos acolleu e ata nos despediu con agasallos: bolsa de tea... con libro incluído!

Ao tempo, aproveitamos a saída a Santiago de Compostela para visitar o Museo de Historia Natural da USC que foi un peche de xornada fantástico porque a tod@s nos marabillou o que vimos: animais, minerais, plantas...

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Unha saída a do 2º trimestre... do máis radiofónica e natural!

14.3.25

1º e 2ºA_Semana da Muller: Pandereteiras de Mens

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Atendendo á proposta de actividades anuais, as aulas de 1º e 2ºA realizamos a biografía das Pandereteiras de Mens para o mural de centro celebrando a Semana da Muller 2025.

Unha biografía que nos achegou ás Mulleres homenaxeadas o Día das Letras Galegas 2025: cantareiras e pandereteiras; cantando, contando, xogando na páxina web da Real Academia Galega:

Aprendizaxes cargadas de poesía popular oral, de Mulleres pioneiras que co seu tocar e cantar conservaron a nosa tradición para legarnos todo o seu saber e sentir.

Feliz Día da Muller 2025!

2ºA_C@ntando en Radio Balea

Presentamos o podcast que gravamos en Radio Balea, grazas a colaboración de Suso, María e Tania, dentro do programa Millainforma e conmemorando o Día da Muller e Letras Galegas 2025.

Un produto final onde recollemos a información que transformamos en coñecemento ao redor da poesía popular oral, das cantareiras e pandeireteiras, especialmente das nosas Pandereteiras de Mens.

Esperamos que vos guste, nós divertímonos aprendendo!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

8.3.25

2ºA_Día da Muller: Pandereteiras de Mens

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe conmemoramos o Día Internacional da Muller e na aula de 2ºA seguimos informándonos para redactar a biografía de cinco mulleres que abriron camiño a moitas outras co seu tocar e cantar, falamos das Pandereteiras de Mens.

Desde o Día de Rosalía ata o noso Mes das Letras, as Pandereteiras de Mens forman parte das actividades que desenvolvemos: recolleita de poesía popular oral, coñecer e cantar o "Maneo de Mens", organizar, coa axuda da nosa titora, toda a información para crear coplas e regueifar, tal como podedes ler na imaxe.

Actividades que nos permiten valorar e concienciarnos da importancia de coidar o noso patrimonio oral, a nosa lingua, e sentirse orgullos@s do legado que nos deixaron as nosas...

PANDERETEIRAS DE MENS

MULLERES PIONEIRAS,

de puño e sentimento.