Mostrar mensagens com a etiqueta xoán lobo vieira. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta xoán lobo vieira. Mostrar todas as mensagens
sexta-feira, 22 de abril de 2011
O po sobre os libros
Pasaba o furabolos polo po que cubría os libros e admirábao non arrepiarse ao contacto, admirábao sobre todo comprobar que o dedo non deixara marca ningunha na pátina apagada que se depositara en todos os obxectos do cuarto... e nin así arrepiarse. Foi á cociña e do caixón máis próximo ao fogón quitou un farrapo branco limpo, que sacudiu para domealo, para que adquirise algunha elasticidade. Nas raiolas oblícuas do sol matinal que se filtraban a través das físgoas da persiana navegaban estrelas diminutas que escaparan doutras galaxias, creadas á medida de seres invisbles. Volveu ao cuarto, tentou retirar o po dos libros co pano. Foi en balde. O po persistía nos libros e o pano persistía na brancura. Xoán Lobo Vieira levantou a persiana, abriu a fiestra e só viu noite fóra. Mirou para as súas mans e o pano era unha labareda azul que non queimaba. Pousouno no beiril à espera de que unha picaraza se achegase a namorar con el. Despois notou terra entre a lingua e os dentes e decidiu dar un paseo.
terça-feira, 14 de dezembro de 2010
De costas ao infinito
Talvez esa noite o tempo se detivo sobre o escritorio en que redactaba as súas memorias inventadas. Cando o día se espreguizou, non canxaba a luz de fóra coa das cifras que indicaba o espertador desconectado. Xa perdera a conta das horas que levaba morto... ou eran anos? Xoán Lobo Vieira achegouse á fiestra a descorrer as cortinas. Nin lle feriu a claridade nos ollos sen pálpebras, desasombrados. Que facer?, dixo en voz alta (e sooulle á pregunta mítica). Sobre a cama que xa non usaba estendíanse dezasete camisas lavadas, engurradas coma a súa pel antes do óbito. Pasar o ferro sempre lle parecera unha perda de tempo absurda. Por iso, foi ao cuarto dos trastes, colleu a táboa e o ferro, volveu ao dormitorio e de costas ao infinito, estirounas ben estiradiñas, unha tras outra, devagar e con esmero, coma se o mundo fose acabar.
quinta-feira, 25 de novembro de 2010
A noite que había de vir
Os ollos regalados para a eternidade, fose o que fose a eternidade. Era isto tamén: estar sempre atento ao movemento ou a quietude das cousas. E aínda do outro lado se falaba en sono, sono eterno! Que saberían eles, os vivos, da frialdade que se estendía polo tutano dos ósos como fíos de luz branca e aguzada, da mirada presa aos pormenores, do calcar dos pés nas sombras que crepitaban sen as sentir ninguén? A inmensidade acosaba por calquera flanco sen que coubese a parálise. Por iso, cando Xoán Lobo Vieira se detivo ante o trinque que exhibía material de deportes, o desexo se lle instalou nunhas botas de camiñar. "Se tiveses unhas desas", soproulle o pensamento ao ouvido, "andarías o mundo para distraeres o silencio dos días". Entrou na tenda, que aínda estaba fechada, sen parar mentes ás grades e o vidro que se resistían cunha inconsistencia maleable e líquida. Unha corrente de ar. Varreu as paredes punteadas de zapatos desemparellados á busca da bota que vira desde a rúa. Tomouna na man, sopesouna: era leve coma a lembranza dunha voz, só que non era o seu número. Mandou vir do almacén aos seus pés a caixa que contiña o par perfecto, asimétrico, equidistante. Extraíu senllas bólas de papel e enfiou cadanseu pé, con moita cautela para non escangallar a arquitectura primorosa e delicada das falanxes. Ergueuse. Afincouse contra a solidez imaxinaria do chan, protexido. Deu unha volta en círculo. E mais outra invertendo o sentido. Estas, asentiu.
Aínda, antes de saír, lembrouse de escoller un par de pantuflas, azuis, o forro mol de pelo artificial suave, para mellor acompañar as lecturas que ningunha lareira iría aquecer. Logo, saíu á rúa como entrara, sen reparar nos límites. E púxose a camiñar, os ollos regalados e atentos aos instantes, en dirección á noite que había de vir.
Aínda, antes de saír, lembrouse de escoller un par de pantuflas, azuis, o forro mol de pelo artificial suave, para mellor acompañar as lecturas que ningunha lareira iría aquecer. Logo, saíu á rúa como entrara, sen reparar nos límites. E púxose a camiñar, os ollos regalados e atentos aos instantes, en dirección á noite que había de vir.
quarta-feira, 27 de outubro de 2010
O sorriso da bolboreta
Non é imaxe, senón corpo que se procura nas saudades. Isto é: non se ve. Asómase tentando sorprender o espelho, pero o vidro cala sen revelar nada. Nada? Nada que interese, digo, a quen pretende desvendarse nel. Porén, os intereses poden ser creados. Xoán Lobo Vieira centra entón a vista nun punto e aparece ela, bolboreta arredor da luz da lámpada apagada nun sensentido de direccións ocultas, as cores abafadas, as asas que axitan o mundo (disque) e o silencio... Alguén reparou no silencio do voo das bolboretas, como non querendo alertar a morte tan próxima da súa presenza? Nisto matina XLV, porque sabe que a morte non distingue cores: a bolboreta no espelho esplende fábulas dun ollar incompleto.
Ao fundo está o cepillo de dentes, o tubo compañeiro, contraído, como unha cobra atropelada sobre o asfalto, mármore negro, sangue branco, espeso, espuma. E XLV sorrí, que aínda conserva para iso os dentes, todos, intactos e descarnados: limpeza bionecrolóxica. A borboleta confunde cepillo con flor e desenrola a trompa: absorbe o néctar mentolado e move as patas, repetidas veces, para as impregnar de pole-sarrio. Sae a voar pola fiestra fechada para iniciar a posta de ovos e o ocaso, mentres XLV continúa parado, pasmado, ante o espelho, imaxinando o sorriso que virado para fora, non obstante, vese por dentro apenas.
E o corpo? Non está senón deitado. Por iso o espello, nun plano (nin cóncavo nin convexo) superior , o desencontra. (Hai en toda horizontalidade terrestre unha curva-parábola á que ninguén, nin sequer durante o sono, foxe.) A bolboreta, en tanto, petrifícase en pé, repregadas por última vez a trompa (sabor ao mentol aínda) e as asas, libro que se fecha abertamente. XLV sae a camiñar pola mesma fiestra e apaña con delicadeza no ar a bolboreta morta, póusaa no ombro nu e sorrí.
Ao fundo está o cepillo de dentes, o tubo compañeiro, contraído, como unha cobra atropelada sobre o asfalto, mármore negro, sangue branco, espeso, espuma. E XLV sorrí, que aínda conserva para iso os dentes, todos, intactos e descarnados: limpeza bionecrolóxica. A borboleta confunde cepillo con flor e desenrola a trompa: absorbe o néctar mentolado e move as patas, repetidas veces, para as impregnar de pole-sarrio. Sae a voar pola fiestra fechada para iniciar a posta de ovos e o ocaso, mentres XLV continúa parado, pasmado, ante o espelho, imaxinando o sorriso que virado para fora, non obstante, vese por dentro apenas.
E o corpo? Non está senón deitado. Por iso o espello, nun plano (nin cóncavo nin convexo) superior , o desencontra. (Hai en toda horizontalidade terrestre unha curva-parábola á que ninguén, nin sequer durante o sono, foxe.) A bolboreta, en tanto, petrifícase en pé, repregadas por última vez a trompa (sabor ao mentol aínda) e as asas, libro que se fecha abertamente. XLV sae a camiñar pola mesma fiestra e apaña con delicadeza no ar a bolboreta morta, póusaa no ombro nu e sorrí.
segunda-feira, 9 de agosto de 2010
Ante un ermo vasto (10)
Cando terminou de ler as Memórias póstumas de Brás Cubas, quedou a pasmar un bo anaco. Entre tanto íalle abrollando a golpes suaves e ondulados unha idea que apenas uns séculos depois, xa consciente dela, había qualificar de fabulosa. El tamén ía escribir de morto! Que ocorrencia xenial! Acelerado polo entusiasmo, Xoán Lobo Vieira dirixiuse á casa galgando vila através sen desviarse ante paredes nin mirar aos lados para cruzar as rúas, sen pedir paso aos veciños que cumprindo a tradición se xuntaban ao luscofusco nas terrazas para falaren da calor e enxotaren en comuñón a impertinencia teimuda dos mosquitos. Non ben chegou, considerou oportuno ao decorado colocar un malte seco nun canto do escritorio. Deseguida librou o espazo de papelada, colleu unhas poucas de cuartillas limpas dunha resma xa mediada e sentou, na man dereita a pluma, entre o furabolos teso e o gordo da esquerda pousado moi intelectualmente o queixo, pronto a acometer a maior obra literaria nunca escrita: o relato da súa existencia real no alén. A brancura do papel foise tinguindo de amarelo mentres nun remuíño zoaba o baleiro da atemporalidade.
(Nunha dimensión diferente os deuses, parados ante un ermo vasto suspendido na eternidade por columnas xónicas cuns repoludos querubíns trompeteiros a modo de capiteis, continuaban a debater un proxecto á medida do soño humano: un xardín abundante en regatos e maceiras, con conexión wifi.)
(Nunha dimensión diferente os deuses, parados ante un ermo vasto suspendido na eternidade por columnas xónicas cuns repoludos querubíns trompeteiros a modo de capiteis, continuaban a debater un proxecto á medida do soño humano: un xardín abundante en regatos e maceiras, con conexión wifi.)
Etiquetas:
literatura,
non é conto,
opinión críptica,
superlativo,
xoán lobo vieira
sábado, 20 de fevereiro de 2010
Acosado, case querido (9)
Xoán Lobo Vieira sentou no banco da alameda, non por cansazo, pois é sabido que os mortos se algún privilexio teñen sobre os vivos é o do descanso eterno, máis ou menos pacífico. Sentou porque lle petou, porque era sábado e de sempre soñara con sentar nun xardín, sábado de mañá, sen máis perspectiva nin expectativa ca a da contemplación minuciosa dun vasto mundo-acuario en calma que o circundase a el, o espectador visitante, involuntariamente alleado.
Non lle tardaron en pousar sobre os ombros as pombas, a petiscar na foula que lle punteaba de faíscas apagadas a negrume lampa do traxe. Aturoulles, inadvertido, os bicos ansiosos a peteirar polo pano, o batucar rengo e desacompasado de pata enteira e mais toco que os seguía, o bafío acedo que expandía o bater de ás, tarabelear sucinto. Estaba ben a gusto e deixábase conquistar, abdicado como estatua de bronce, idoliforme. Pareceulle mesmo gorentoso verse así acosado, case querido, non fose polas cagadas.
sábado, 26 de dezembro de 2009
Treboada (8)
De madrugada, instalado no ultramundo, mentres os lóstregos fendían o firmamento e agardaba o estalo que lle acelerase o corazón ausente, síndrome do membro amputado en corpo ningún, Xoan Lobo Vieira recuou á infancia. Fascinábano as treboadas.
Naquel país, era o vento cálido de agosto o que traía o primeiro sinal: recendo á terra húmida que pairaba na atmosfera, invadindo o olfacto de prognósticos:
-Vai chover!
-Vai mesmo.
E caían chuzos de punta que se quebraban contra a secura do solo corteado. Xoán Lobo Vieira gabeara á ancha meseta da cociña para contemplar pola fiestra o espectáculo gratuíto de auga e luces. Tanto lle tiña a frialdade do mármore nos xeonllos cartografados de cicatrices. Estaba cos ollos presos no patio alagado, no fume de vapor abrancazado que se erguía sobre a terra quente, coma nos contos que lle aliviaban o camiño á escuridade nocturna. Pingas que rebotaban e ascendían para caer de novo, pingas que repenicaban contra o metal do canalón, pingas que batían contra as tellas e as baldosas, e as outras, silandeiriñas, sobre o barro branco calcario, construían unha orquestra de tamborileiros discordantes contra o remusmús fungón das oracións á santabárbarabendita de fondo con que as vellas, coñecedoras do poder destrutor dos raios, escorrentaban os temores, tecendo un tapiz de roncón gregoriano.
Plin! cantou a derradeira gota na lata de galletas, bebedoiro de galiñas e aves residentes. O meniño Xoán Lobo Vieira recuou dun pincho para baixar da meseta e bateu no medio e medio das canelas contra o bordo do mármore. Ao recordalo quixo tragar cuspe e engulir as bágoas, pero os mortos carecen de corpo en que albergar líquidos derramables. Da ferida fonda que se lle formou na perna dereita abrollaba sangue e dor; na esquerda había apenas unha raspadela nin merecedora dun salouco. O don Braulio, o médico, que vivía ao lado, fíxolle logo a cura e colocoulle unha venda, leu o ABC e dixo, como era o seu costume, cen veces adeus antes de marchar. Daquel concerto quedoulle para a vida na pel apegada ao óso unha marca en forma de triángulo e unha coviña leve, coma a entrada nun diario.
domingo, 20 de dezembro de 2009
As aparencias (7)
Xoán Lobo Vieira mirouse no espello. Naturalmente non se viu. O que viu foi o eido que había tras a parede que había tras o espello. Viu as árbores e tras as árbores, os montes; tras os montes, o mar; tras o mar, un continente, mar e máis mar, outras terras, estrelas punteando un lonxe infindo en que o día xa era noite. Do que el fora, transparencias só. Tivo que se imaxinar, definirse o contorno, os ollos rebuldeiros, o sorriso ausente nas comisuras caídas da boca desdentada, perplexo. Até que...
Achegouse á mesa de cabeceira. Estaba alí aínda. Colleu o vaso e volveu para o cuarto de baño. Baleirou a auga choca polo sumidoiro da pía. Abriu a billa e lavouna ben lavada. Logo colocouna no sitio como se aínda existise sitio onde colocala. Virouse de novo para o espello, viuse ao cabo. Era só dentes sustentados na nada do corpo distraído contra a paisaxe de froiteiras, cumes, océanos, américas e asias, universos. Entón ocorréuselle unha idea. Quitou do armario o traxe dos domingos e vestiuno, calzou os zapatos novos e as luvas de coiro, axeitou, escorándoo, o chapeu de feltro por onde fora a cabeza. Abriu a porta da rúa, a inseguridade a preceder os pasos. Os farrapos da primeira nevada do ano pousáronlle nos ombros coma bolboretas brancas, xarelas. E púxose a camiñar finxíndose xente, perseguido por un rastro ben nítido de pegadas.
quinta-feira, 3 de dezembro de 2009
As mans (6)
Ao Xoán Lobo Vieira só houbo dúas persoas que o quixesen. Un foi un mariño mercante ao que coñeceu nos 17 anos seus, home feito, enxuto, de todas as barbas, bonitiño e limpo, a manicura esmerada, educado e coñecedor de mundos e mares. E cariñoso: unha alfaia que até para xenro de prol daba se houbese sogra que o pretendese. O Xoán Lobo Vieira, no seu adolescente pensar, perdeuse de amores por el e foi correspondido, de facto, en perdición de amores polo mariño, o mariño mercante, o seu Sinbad, náufrago de mil illas-palabras.
Un día de finais de verán ou principios de outono, coa maré alta, o mariño colleu un avión rumbo a ninguén se lembra onde para embarcar rumbo a quen sabe xa. O Xoán Lobo Vieira, no estudio de Vilamormallo, aprendiz da vida, escribiulle unha carta chea de verbos, adverbios e substantivos escollidos un por un, agarimados, bolboretas prendidas con alfinetes crueis ao papel. El respondeu cos tópicos que lle aprenderan na escola dos poucos saberes, alfabeto e arimética, comas coma vómitos: "Pola presente, espero, que esteas ben, de saúde..." O Xoán Lobo Vieira non continuou a ler, coa desilusión esganándolle o alento. Decidiu que para a próxima había namorar cun poeta. E botou ao lixo a carta e a paixón.
Anos despois, de regreso a Vilamormallo, cruzouse por acaso co poeta e recoñecéronse nos ollos brillantes de timidez e un punto de alcol. Era bo mozo, alto, de barbas tamén (que andazo!), moreno e falangueiro, do seu tempo. Escribíanse cartas e namoraban á distancia habitándoa de superlativos. Por fin quedaron para se encontraren. El petou na porta do estudio, sentou no sofá, falaron de literatura e tomaron café con leite e torradas. Ao Xoán Lobo Vieira, entre recitados, esguellóuselle a vista para os dedos do poeta: mudoulle a expresión e a conversa. O poeta nunca soubo por que partiu as peras con el. O Xoán Lobo Vieira nin morto esqueceu a terra negra acubillada nas uñas do poeta.
No cuarto de baño o espectro contempla os dedos que xa non ten, recorta as uñas e límaas devagar sen barullo, mentres repasa no itinerario abandonado da vida, as mans delicadas dos poetas todos que amou sen que o amasen.
Un día de finais de verán ou principios de outono, coa maré alta, o mariño colleu un avión rumbo a ninguén se lembra onde para embarcar rumbo a quen sabe xa. O Xoán Lobo Vieira, no estudio de Vilamormallo, aprendiz da vida, escribiulle unha carta chea de verbos, adverbios e substantivos escollidos un por un, agarimados, bolboretas prendidas con alfinetes crueis ao papel. El respondeu cos tópicos que lle aprenderan na escola dos poucos saberes, alfabeto e arimética, comas coma vómitos: "Pola presente, espero, que esteas ben, de saúde..." O Xoán Lobo Vieira non continuou a ler, coa desilusión esganándolle o alento. Decidiu que para a próxima había namorar cun poeta. E botou ao lixo a carta e a paixón.
Anos despois, de regreso a Vilamormallo, cruzouse por acaso co poeta e recoñecéronse nos ollos brillantes de timidez e un punto de alcol. Era bo mozo, alto, de barbas tamén (que andazo!), moreno e falangueiro, do seu tempo. Escribíanse cartas e namoraban á distancia habitándoa de superlativos. Por fin quedaron para se encontraren. El petou na porta do estudio, sentou no sofá, falaron de literatura e tomaron café con leite e torradas. Ao Xoán Lobo Vieira, entre recitados, esguellóuselle a vista para os dedos do poeta: mudoulle a expresión e a conversa. O poeta nunca soubo por que partiu as peras con el. O Xoán Lobo Vieira nin morto esqueceu a terra negra acubillada nas uñas do poeta.
No cuarto de baño o espectro contempla os dedos que xa non ten, recorta as uñas e límaas devagar sen barullo, mentres repasa no itinerario abandonado da vida, as mans delicadas dos poetas todos que amou sen que o amasen.
Etiquetas:
anxos sen ceo,
non é conto,
xoán lobo vieira
Disfuncións incorpóreas (5)
Entrou no cuarto de baño por rutina: é ben complicado desprenderse dos modos de proceder con que nos civilizan os instintos. Así que sentou no váter coma quen cumpre cunha necesidade ineludible mentres matina sobre o enigma esencial da humanidade, de onde vimos e a onde imos, para descubrir, chafado, que acaba de despexar a última parte da incógnita.
—Así que nisto consistía a morte? Que o café non caia ben no estómago, por exemplo, ou sentar a obrar sen gana? Se o sei antes!
—Así que nisto consistía a morte? Que o café non caia ben no estómago, por exemplo, ou sentar a obrar sen gana? Se o sei antes!
sábado, 28 de novembro de 2009
Os pés (4)
Despexadas as escaleiras, a soas por fin na casa e no mundo, Xoán Lobo Vieira subiu ao dormitorio. No maxín demorábaselle preguiceira a sensación que noutrora lle producira a calidez dos chanzos de piñeiro. Ignoraba aínda as avantaxes que en atallos e desatrancos lle ofrecía o seu inestado recente para deambular (roldar, diríanlle agora os vivos ao itinerario circular dos pasos rasantes sobre a terra, distinguíndoo así do deles: recto, plúmbeo e sonoro) e confiaba nos pés que tivera —brancos, case translúcidos, coma os do escritor estadounidense asentado em Portugal que se deixaba fotografar descalzo e distendido nun sofá—, certísimo, e a partes iguais enganado, da inabdicable condición destes.
Tiña unha eternidade para desaprender.
Tiña unha eternidade para desaprender.
segunda-feira, 9 de novembro de 2009
A liberación da carne (3)
Xoán Lobo Vieira vladimirouse na espera dos días anoitecidos. Os veciños, era sen tempo, alarmados pola súa ausencia e os latidos dos cans, chamaron ao 112 —como se dixo topicamente na nota concisa que ao día seguinte publicou a prensa comarcal—, e así presentouse unha patrulla de municipais e outra de protección civil nun fulgor delirante de sirenas que travestiu o barrio en carrusel de feira. O ensumido habitante da casa, ao ouvir o batifondo, receando machadas a violentar a intimidade mansa do lar, entreabriu a porta. Por iso, o primeiro que asomou da comitiva foi a man osuda coa marca dunha alianza incumprida pincelada no moreno esvaído da pel do cabo Magrelas, vítima ou beneficiario dun dos divorcios que se producían cada tres minutos e medio no mundo. O axente, pola súa banda, encontrouse de caras co desconxuntamento inerte en que se convertera o finado —o pé dereito preso nun dos barrotes da varanda, machucada a cabeza contra a baldosa, un brazo que escochara ao rebater un contorsionismo extraordinario—, coa propia rixidez global de óbito certificado. E silencio, un silencio mesto de nin moscas zunindo, malia os tusidos carraspentos con que o testante involuntario porfiaba en transcender ao ámbito do aquén. En balde. Desconectados os ouveos fulxentes dos vehículos en sinal de dó e cumprindo coa normativa autonómica de emisións acústicas e luminosas, os exteriores da casa foron engordando de ruxerruxes, de ollos axexantes e ouvidos en aguzada espreita, de conxecturas que se espallaban pola contorna con garantía de veracidade cuñada, mentres o xuíz de primeira instancia sacudía do xersei uns farelos de croissant e procedía, ditante, a levantar acta e cadáver.
Xoán Lobo Vieira experimentou un levedecer no ánimo cando os empregados da aseguradora a que encomendara as súas exequias cotizando puntual e mensualmente durante anos colocaron os restos con agarimo nun cadaleito chapeado de madeira nobre e empuñaduras bañadas en ouro, que logo lle chumbaron un arreguizo de lámina de aceiro xélido contra as costas ao pronunciaren a palabra autopsia.
—El non está á vista que me matei sen querer? Que necesidade hai de me escarpear nos interiores, carafio?! —comediuse no improperio.
Nin caso, a maquinaria burócrata asoballaba desatendendo as razóns do espírito. Xa ía trancar a porta, iracundo ar en torbeliño, co desacougo propio das almas penadas, cando o invadiu un desapego incorpóreo. Ollouse na súa inmateria e, lúcido de improviso, desentendeuse da carne en vías de putrefacción. Logo, nun bolboretar obnubilado de sombras, despediuse do que xa non era desprevendo saudades.
(E quen sabe? Se cadra continúa, depende...)
sexta-feira, 6 de novembro de 2009
O morto triste (2)
Hai moito morto inconsciente por aí andando. Pásalles como aos vivos que non se decatan de que fan anos e anos, teimando nunha adolescencia mal desenvolvida, como é o meu caso, ás veces, nin que os ósos renxan coma porlóns que descoñecen a lúbrica suavidade do aceite e/ou a tintura do pelo disimule mal o ton cincento das ideas que recobren. Abundan, como digo, os mortos que non asumen o seu desestado, mortos que nas áfricas chaman nzumbis (xa falei dalgún nesta paraxe), fantasmóns que presumen de vitalidade sendo nin fume, ar que se traspasa coma um bo malamor.
Foi iso mesmo o que lle aconteceu ao Xoán Lobo Vieira, que coñecemos xusto antes de se espatelar escaleiras abaixo. Non se sabe ben se foi porque aínda non lle espertaran os sentidos todos cando a espichou, o caso é que non deu tomado conciencia da súa novísima condición de defunto e aínda non arrefecera, cando se ergueu —un algo aloulado pola esnafrada descomunal, dígase— cunhas pingas de sangue a escorrer polo nariz abaixo, que limpou nun xesto mecánico coas puntas do furabolos e o gordo da man dereita, e un parietal do cranio esmagado. Nada grave... para quen xa morreu.
E así, coma quen que segue adiante pola rutina da vida, entrou na cociña a preparar un café, cunha tristura inexplicable a ensombrecerlle a paisaxe sobrenatural que lle regalaba a amañecida a través dunha vidreira innecesaria.
(Continuará... talvez)
quinta-feira, 5 de novembro de 2009
Do mal o menos (1)
Xoán Lobo Vieira esperta coa boca seca. Incorpórase con esforzo, busca ás apalpadelas o vaso de auga que deixa cada noite na mesa de cabeceira e bota un grolo. Pétalle un obxecto duro nas enxivas. Merda! Xa se confundiu outra vez! Bebeu do da dentadura. Aínda ben, é súa. Un inicio de arcada asómalle á gorxa ante o espectro noxento dunha dentadura allea. Respira fondo e acouga. E se non houbese outra auga que beber, matina, bebíaa? Bebía, abofé. Iso e até augas peores. Prende o piloto do espertador para ver a hora e é a hora. Os dentes sorrinlle á luz azulada cun brillo de entruido. Toma as pastillas e bebe a rego cheo do vaso bo, sen dentes. Déixase caer outra vez na cama, estrica e encolle os dedos das mans. O medio da dereita estálalle, polo que repite o xesto até que consegue un movemento uniforme e limpo do artello. Do andar de abaixo sobe o latexar lento do reloxo de parede. O ritmo cardíaco acompásase de tal xeito que por uns instantes non distingue un do outro. Lémbralle que leva unha semana sen lle dar corda, vaise parar se non lle dá corda! Érguese, calza as pantuflas e precipítase escaleiras abaixo. Precipítase.
Unha milésima de segundo antes do que tras a autopsia o forense deu en diagnosticar como morte por traumatismo cranio-encefálico, aínda murmurou, menof mal, non vou partir of dentef.
(Isto non termina aquí.)
Unha milésima de segundo antes do que tras a autopsia o forense deu en diagnosticar como morte por traumatismo cranio-encefálico, aínda murmurou, menof mal, non vou partir of dentef.
(Isto non termina aquí.)
Subscrever:
Mensagens (Atom)