COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta vernáculos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta vernáculos. Mostrar todas las entradas

domingo, 22 de septiembre de 2013

Desenfeitizando ao gado de Antioquía:Cara a cara co Bruión.

Despois dunha breve parada para falarmos do caimán do Barbaña, que por certo non apareceu nunca, imos continua-la historia do gado enfeitizado de Antioquía.

Desta volta imos a analizala historia de Lita un pouco pormenorizadamente, facendo unha achega á mitoloxía e lendario limiao comparándoa con outros casos similares, dende un punto de vista en parte criptozoolóxico e en parte antropolóxico.

Denantes de continuar, quixera aclarar que a historia de Lita, esa especie de "Heidi limiá", é totalmente fictícia, pero serviu coma fio narrativo para contar unha lenda que eu mesmo escoitei da boca dun vello limiao cando tiña 8 anos.

Como ben sabedes a bisbarra da Limia, tivo un mar interior no seu corazón chamado Antela, a lagoa de Antela máis ben, ou lago Bión. O bión é o nome limiao que se lle daba a unha certa clase de xuncos (Scirpus lacustris) moi apreciados na bisbarra coma "cama" para o gando.

Como calquera lagoa que se precie a lagoa de Antela non é só un mar de auga doce, senón unha fonte inesgotable de lendas nas que habitan multitude de seres coma si dun Olimpo palustre se tratara. Por desgracia, a desecación da Lagoa de Antela supuxo o desafiuzamento non só da súa biodiversidade, senón tamén dos seus habitantes imaxinarios.

Unha das lendas máis coñecidas da zona é a que fai referencia á cidade asulagada de Antioquía, esta cidade sufriu esta sorte de inundación mediante castigo divino, disque por adorar un galo, galo que aínda a día de hoxe fica orgulloso no escudo da vila de Xinzo de Limia, cabeceira da comarca.





 A lenda da cidade asulagada de Antioquía ten a súa orixe ao parecer en certos restos arqueolóxicos visibles nas épocas de seca, na que a cota da lagoa baixaba de nivel espècialmente. Ditos xacimentos consistían nos cimentos dunha sorte de "castros acuáticos" coñecidos coma palafitos. Ademáis non debemos esquecer que os romanos conqueriron deseca-la lagoa por espacio duns centos de anos.A eles se lle atribúen certos restos coma "camiños empedrados", interpretados no seu momento coma estanques para a piscicultura. Distos xacimentos foron destruidos pola maquinaria encargada das labouras de desecación da lagoa.

Sen embargo Antioquía non é a única cidade asulagada de Galicia, temos varios exemplos. Así en na lagoa de Carregal (Riveira-A Coruña), atopámola cidade asolagada de Reiris ou Valverde, nas súas augas habita un bruxo enfeitizado polas súas propias malas artes, que seica ficou convertido en boi e brua pola noite, e que é coñecido polo nome de "boi bruón".

Na Lagoa de Cospeito (Lugo), atopáse a cidade asulagada de Veria ou Valverde, nela tamén se conta unha lenda relacionada co gado, neste caso unha "vaca pantasma" que brua no mais profundo da lagoa, e que non pode ser vista.

Temos que dicir que o gando vacún, por razóns evidentes, foi sempre adorado nos tempos antigos, tamén coma un transportador de ánimas entre este mundo e o máis alá. Ditas crenzas son comúns á certas culturas tanto mediterráneas como atlánticas. Non é de extrañar, polo tanto, que o gando vacún protagonice multitude de lendas como animáis totémicos que foron para os antergos. Por outra banda, non debemos esquecer a importancia económica que as vacas e os bois tiveron para o agro galego. Ata tal punto que a riqueza familiar se medía non en cartos, senón no número de cabezas de gando que a unidade familiar posuía. Como anézdota gráfica, contaremos que cando un mozo lle ía pedi-la man da moza ao pai, o seu futuro sogro, éste lle sometía a un profundo interrogatorio, sendo unah das preguntas de obrigada resposta "¿e tí, cantas vacas tes?".

Se fixeramos unha análise da lenda do gado da auga galega dende unha prespectiva criptozoolóxica severa e pouco flexible, agora mesmo comezariamos a debatir sobre a supervivenci e posteiro extinción, dunha sorte de memífero acuático nas augas doces galegas, seguro que agora estades a rir, pero non é tan incerto o que digo...

Lendas similares á de Antela se producen por numerosos puntos do continente europeo.Estas lendas falan de "Touros acuáticos", principalmente nas illas Británicas. En Irlanda, onde atopamos ao touro ou vaca de auga, que disque habita un lago chamado Dubh, que se traduce coma "Lago negro", e onde a tradición criptozoolóxica dí que habita o "Hipopótamo irlandés" quizáis un supervivinte dos hipopótamos que durante a prehistoria habitaron o continente, coma Hipopotamus major, Hippopotamus antiquus e outros.

Esta mesma interpretación se lle dá ao touro de auga de Escocia, coñecido localmente coma "Elf bull" ou "Tarbh Usiage", e parece ser un compañeiro de viaxe do máis que coñecido "Nesi" ou "Monstro do Lago Ness", que curiosamente tamén ten o seu equivalente en Antela. 
Nas terras altas de escocia atopamos a goado acuático coñecido coma "Crobh Mara", existindo ademáis sendos touros acuáticos nos lagos Awe, e Rannooch, situados nas illas do oeste escocés.
Na illa de Man habita o "Tarroo-Ushtey".
En Inglaterra, tamén atopamos gando vacún acuático no lago Barfod.

Unha vez dito esto direivos que en realidade nos atopamos, quizáis en todos os casos nomeados, entre unha mistura de mitoloxía castrexa,bretona, gaélica e algo máis, coa propia observación da natureza.

Nas zonas palustres europeas habita unha sorte de ave, da familia das garzas, cuio reclamo asemella vagamente ao urro dun boi. Este feito serviu para bautizalo coma avetoro en castelan, abetouro en portugués e Botaurus stellaris na nomenclatura científica. Segundo teñen recollido Antonio Villarino, Felipe Bárcena e Serafín González no seu libro "Vertebrados da Limia, dende a lagoa aos nosos días", ed. Limaia, os limiaos deron en chamarlle a este animal "Bruión" ou "Brullón".

Este nome vernáculo, trátase dun nome onomatopéico, que fai referencia ao reclamo do animal, sen embargo, como ocorre en ocasións neste tipos de animais e nomes vernáculos, non todo o mundo ten unha imaxe na cabeza para asocia´lo nome co aspecto do animal. Dando polo tanto orixe a certo tipo de crenzas ou lendas, que ao mesmo tempo son herdeiras das partixas do mal chamado paganismo anterior á chegada do cristianismo a Galicia. Esto ocorre tamén con outro tipo de animais que posúen nomes vernñaculos onomatopeicos, coma Bufo calamita ou sapo corriqueiro, coñecido en certas partes de Ourense coma "Rairo", oero que en ocasións é descrito coma un reptil, un lagarto ou mesmo unha serpe.

A lenda do gado enfeitizado de Antioquía, fai referencia polo tanto á presenza histórica do abetouro (Botaurus stellaris) na lagoa de Antela, extinto na actualidade aínda se producen avistamentos de aves migrantes na Limia ocasionalmente. Os autores antes nomeados recomendan o uso de Brullón ou bruión, coma nome oficial galego, opinión que comparto a cen por cen, xa que como vimos, non só e utilizado na Limia, que segundo ales debeu albergar unhas das máis importantes poboacíons nidificantes da especie en Galicia, senón que existen referencias por tres das catro provincias galegas ao mesmo vernáculo, ou moi similar.

Dicir, que hoxe en día o bruión ñé un dos animais máis ameazados de extinción na Península Ibérica, e destrozos coma os de Antela, axudaron e moito a que hoxe esta especie se atope nesta situación.

POr último sinalar o alto coñecimento popular que o bruión tiña na bisbarra da limia, xe que existía un refrán que diciá: "Este ano non hai bión que non canta o bruión". Como xa dixemos ao principio o bión era moi apreciado na Limia...pena que para algúns non fose razón suficiente para salva-lo noso mar....




miércoles, 8 de junio de 2011

Do escáncer ao escouparón: Da Limia ao Val do Támega




Durante as xa mencionadas xornadas formativas do programa SARE, os asistentes acudiron prestos, despois da calurosa estancia na Depresión Ourensá, á bisbarra da Limia onde se atoparon durante o transecto nocturno polas Areeiras da Limia de Sandiás con este curioso réptil, o escáncer tridáctilo (Chalcides striatus), nada facía presaxiar que ao día seguinte se repetiría ata en tres ocasións máis a visión desta especie, desta volta no concello de Monterrei.

A voltas co tema dos nomes vernáculos, como xa sabedes os siareir@s deste blogue, achegarémonos ao complexo vernacular dos réptiles integrantes dos xéneros Anguis, Chalcides e Blanus.

Xeralmente as especies galegas pertencentes aos devanditos xéneros reciben un nome común que pode ser segundo a zona escárcer, cancer, esgonzo, escouparón, escoupolo, escouparín ou viverón, sen que popularmente se fagan distincións entre as diferentes especies.

No caso da da bisbarra da Limia o nome máis extendido é escáncer ou cáncer, como xa comentamos noutras ocasións, vernáculo ámplamente extendido non só por terras ourensás, senón tamén por outras provincias da Galiza.

Chegados ao Val do Támega (bisbarra de Monterrei) o vernáculo máis extendido parece ser escouparón, seguido de escóupolo e viverón (que pode ser exclusivo para Blanus). Os primeiros coinciden sensiblemente co vernáculo recollido na bisbarra da Baixa Limia, escouparín, que coincide asemade cun topónimo homónimo (Escouparín) rexistrado no concello de Muiños a carón do encoro das Cunchas.


martes, 24 de mayo de 2011

A Ladra, un habitante da Capital Herpetolóxica da Galiza.



Ladra ou lasca son os únicos nomes vernáculos recollidos na fala galega viva para referirse ao réptil coñecido polos científicos co nome de Tarentola mauritanica, estes vernaculos foron recollidos no Val do Támega, pero coidamos que son os máis válidos para referirse á especie en galego, e así recuperar un nome autóctono para a especie.

Ata non fai moitos anos a ladra era un réptil prácticamente descoñecido na capital da provincia, non foi ata os anos 90 do pasado século cando se produciron os primeiros rexistros na cidade, concretamente ao Norte da capital herpetolóxica. Co paso dos anos a especie foi afianzando a súa presenza na zona, expandíndose pola práctica totalidade dos barrios urbáns situados ao Norte do río Miño.

Moitos eramos os que agardabamos prestos a expansión da especie cara o Sur, xa que o río Miño, parecía estar exercendo un efecto barreira sobre a expansión da especie cara núcleo máis urbán de Ourense. Non foi ata o ano pasado cando se produxeron os primeiros rexistros da especie nos distritos os barrios do Centro e As Lagoas.

Despois de máis de 20 anos de asentamento nos barrios de A Chavasqueira, Peliquín, A Ponte e O Vinteún, as ladras cruzaron o río Miño por algunha das numerosas pontes que o atravesan ao seu paso pola cidade. Concretamente, tendo en conta a localización dos novos rexistros, todo parece indicar que as vías de dispersión utilizadas polas ladras foron o Viaducto do ferrocarril, A Ponte Nova e a pasarela de acceso ao Centro Comercial Pontevella.

Estes novos rexistros, xa con indicios de reproducción abre a porta á expansión da especie cara novos territorios hacia o Sur, xa que apenas existen barreiras xeográficas ou arquitectónicas que poidan limitar o avance destas novas poboacións.

Onte mesmo, 23 de maio de 2011, puiden fotografar este exemplar, posiblemente subadulto, no barrio das Lagoas, imaxe que proba xa o nacemento de exemplares na pasada tempada de cría da especie na zona.

lunes, 18 de abril de 2011

En recordo á Pita do Monte (Tetrao urogallus)


"Tódalas guerras son santas, desafíovos a que atopedes un belixerante que non crea ter ao ceo da súa parte" - Jean Anouilh (1910-1987)- Escritor francés.

Por tod@s é sabido a especie de paranoia que invadiu últimamente o meu senso no tocante á iconografía relixiosa zoomórfica das igrexas ourensás, como unha clara referencia a unha fauna incógnita e agachada entre as pedras da arquitectura senlleira, agardando pacientemente para ser descuberta.

Recentemente topeime unha suxerente imaxe na portada da igraxa da Santísima Trinidade de Ourense, esta igrexa é un sobrio templo gótico construído a cabalo entre os séculos XII e XII, con remodelacións posteriores que lle outrogaron o actual aspecto fortificado.

Na Portada Norte do templo, entrada principal do mesmo, atópanse representadas duas aves que recordan bastante á desaparecida pita de monte (Tetrao urogallus), coñecida como "urogallo" en español, unha ave gallinácea tristemente extinta non só na nosa provincia, sinón tamén desaparecida de todo o territorio galego.

Sexa certa ou errónea a miña impresión, este figura pétrea vainos valer coma excusa para tocar o tema da extinta pita do monte, ou galo montés, como a especie era coñecida en partes do ameazado Macizo Central Ourensán.

Facendo memoria sabemos que até o século XVIII, a pita do Monte estaba presente na Serra do Xurés, no macizo Central Ourensán, No Macizo de Trevinca, e, probablemente na confluencia das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra. unha distribución histórica que coincide sensiblemente coa distribución histórica doutra especie tamén tristemente desaparecida, o Urso ou oso pardo (Ursus arctos). No século posterior a especie desaparece da serra do Xurés.

As derradeiras citas históricas da pita do monte en territorio Ourensán ocorren oficialmente na época da postguerra, así os derradeiros animais foron cazados arredor do ano 1946 na Serra de San Mamede e nas estrivacións de Pena Trevinca, sen embargo sabemos a día de hoxe que a extición definitivamente da especie debeu producirse unha década máis tarde, entre os anos 50 e 60 do século XX, a tenor de testemuñas de cazadores da zona, e persoas que por esa època aínda comían galo de monte como un manxar, dato tamén reflectido na obra do escritor galego Álvaro Cunquero "Viaje por los montes y chimeneas de Galicia".

A pita do monte caracterízase por un complexo ritual nupcial, na que os machos atraen ás femias dende árbores siruadas perto de craros nas fragas. Sabemos a día de hoxe que as pitas de monte son fieis anualmente eses lugares, denominados cantadeiros. Dato tamén coñecido polos cazadores, que asexaban á especie na época adecuada nos cantadeiros, aproveitándose da "cegueira nupcial" da especie. O feito de que os macho fosen cinexéticamente máis valorados que as femias fixo que os derradeiros exemplares observados nas poboacións relictas galaicas fosen femias, xa que os macho eran perseguidos con maior saña, un feito que coíncide cos datos obtidos para a cabra montés lusitana (Capra pyrenaica lusitanica), se sufriu tamén unha forte persecución, antes da súa definitiva extición a finais do século XIX. Os cantadeiros usados pola especie para as súas paradas nupciais eran coñecidos na provincia de Ourense coma "Campos de gallada", en referencia á cópula das gallináceas, e aínda a día de hoxe se conserva algún topónimo con ese nome no Macizo Central.

Con posterioridade á extinción oficial da especie na provincia de Ourense, rexistráronse referencias sobre a presencia da especie na anterga área de distribución histórica, que non foron confirmadas con posterioridade mediante a recollida de probas científicas propiamente ditas. Aínda así faremos referencia a estes datos, indicando a suposta observación de exemplares da especie nas serras limítrofes coa provincia de Zamora a finais do século XX, así como a caza de varios exemplares nunha serra limítrofe con Pontevedra a mediados do mesmo século.

Unha vez dito isto, apuntamos á caza coma causa directa da extinción da especie na provincia, acrecentada por un incremento da actividade cinexética en Ourense nos anos da postguerra debido ás carencias alimenticias da poboación local, xa que esa época é coñecida popularmente como "o tempo da fame", nese tempo a caza supuxo un alivio en ocasións para un pobo cheo de fame, cheo de carencias de liberdade e de cultura. E sobrado de man dura, e da "Letra con sangre entra".

miércoles, 30 de marzo de 2011

Gardafontes ibéricos en Ourense.





Gardafontes ou limpafontes é o nome con que en certos puntos da provincia de Ourense se coñecen a certos anfibios urodelos (con cola), das tres especies que podemos atopar na provincia o gardafontes ibérico (Lissotriton boscai), é o máis frecuente.

O nome e gardafontes venlle dado pola crenza popular de que estes anfibios son quenes de limpa-la auga na que habitan, ou de ser un indicador de que a calidade das augas onde podemos observalos é axeitada para o consumo humán.

E algo de certo hai nesta crenza, non por que sexan estes animais unhas depuradoras naturais de baixo custe, senón por que nos atopamos perante uns seres exixentes ca calidade das augas nas que habitan. Este feito ten unha dobre lectura, xa que podemos usar aos gardafontes como efectivos bioindicadores da calidade das augas continentais, pero é tamén un feito que a calidade das augas é un imperativo para a conservación non só dos gardafontes senón tamén do resto dos anfibios.

Nos derradeiros tempos temos varios problemas engadidos á contaminacións das augas doces de Ourense, como son a introduccións de diversas especies alóctonas no medio natural. Destas certas especies de peixes como as carpas ou as percas americanas, o cangrexo roxo americano ou o visón americano, son as que mostran un maior índice de depredación sobre as nosas especies de anfibios, tanto sobre os adultos, como sobre as postas e larvas dos mesmos.

Nas imaxes varios exemplares fotografados recentemente na bisbarra de Ourense.

martes, 29 de marzo de 2011

Lagartas no cristal.






"Só hai un ben: o coñecimento
só hai un mal: a ignorancia"

Sócrates (470-399 a. C) filósofo grego.

Existe un lugar, a cabalo entre os concellos de Sandiás e Vilar de Santos, chamado o Alto do Seixo. Queridos lectodes debedes saber algo, seixo é o nome dunha pedra, e esa pedra é a que en castelán se chama "cuarzo", mineral do que os humanos sacamos o cristal. e mailo vidro. Así, este topónomos indíacanos que no lugar exite este mineral.Polo tanto recoméndovos encarecidamente que cando queirades traducir esta palabra o fagades de maneira correcta. O seixo en un mineral abundante na Galiza, polo menos localmente, esta abundancia deu como resultado a aparición de numerosos topónimos, entre eles Seixalbo, unha localidade do concello de Ourense. Así que si algún día queredes traducir, nada de "Seijalbo", cuarzo blanco si acaso.

Pero tranquilos especuladores, o cuarzo do alto do seixo non é de suficiente calidade para que vós cheguedes cas vosas paleadoras a escarallalo todo, xa o analizástedes nunha ocasión, e seica non vos vale, agradecido ao resultado das análises!.

Pero sigamos que xa me estou perdendo polas ramas para variar, o Alto do Seixo caracterízase por unha combinación de monte baixo, foresta caducifolia alternado con penedías. Entre a fauna do lugar destaca a herpetolóxica, e entre ela unha especie, a lagarta galega (Podarcis bocagei).

E diredes, pero este que dí, lagarta!, non rapac@s non é un insulto, voume explicar:

O pobo máis achegado ao Alto do Seixo chámase Cerredelo, e pertence ao concello limiao de Sandiás, neste pobo, aos réptiles que noutros puntos chaman lagartixas ou lagartiñas, lle chaman lagartas, non é máis que un vernáculo, ou o que é o mesmo, un nome local para denominar a unha especie determinada.

A lagarta/lagartixa/lagartiña galega é un réptil endémico do Noroeste peninsular, abondosa en toda a Galiza, na nosa provincia atópase ben distribuída. Chegando a ser localmente abondosa, como no caso que nos ocupa, esta especie evita certas zonas de maior influenza mediterránea das bisbarras máis quentes de Ourense.

viernes, 25 de marzo de 2011

Rairos en Pereiro de Aguiar.











Rairo é un nome vernáculo bastante extendido na provincia de Ourense para denominar ao sapo corriqueiro (Bufo calamita). Trátase dun vernáculo onomatopeico que fai alusión ás vocalizacións da especie durante a época reproductora. En ocasións este vernáculo é asociado somentes ao ruido proiducido polo animal, existindo xente que considera que o ruido o produce un réptil. Sen embargo aquelas persoas consultadas ao respecto que teñen un contacto ca natureza máis extreito, e quizáis tamén maior idade, identifican sin ningún xénero de dúbida ao rairo como unha clase de sapo.

Nas imaxes uns cantos rairos (Bufo calamita) atopados a pasada fin de semana no concello de Pereiro de Aguiar, pertencente á Depresión Ourensá, é tamén un dos lugares herpetolóxicos máis interesantes do Occidente da provincia Ourensá.

martes, 22 de marzo de 2011

O coucho, un nome ourensán para Alytes obstetricans






Nalgunha ocasión temos falado do sapiño comadrón (Alytes obstetricans) como unha especie frecuente na provincia de Ourense, feito que contrasta coa situación que atravesa esta mesma especie noutros puntos do país.

O sapiño comadrón, denominado en castelás sapo partero e en português sapo-parteiro, reciva este nome polo curioso comportamento reproductivo da especie, común ao resto de especies integrantes do xénero, catro en total en España.

Trátase dunha especie de hábitos eminentemente terrestres, que copula e fertiliza os ovos en terra, ao contrario que a maioría de especies de anfibios anuros presentes na Galiza. Unha vez realizada a fertilización dos ovos é o macho o que carga ca posta nas patas traseiras, onde completarán o seu desenrolo embrionario ata que emerxan dos ovos os cágados (renacuajos), momento no que sarán depositados na auga.

Nunha das imaxes que acompañan o presente post podedes apreciar un macho desta especie portando os ovos, fotografado na Depresión de Ourense en xornadas pasadas.

É esta e non outra a razón pola que a especie recive o nome de sapiño comadrón ou parteiro, sen embargo, recentemente, foi recollido un nome vernáculo propiamente ourensán para esta especie. O nome en cuestión foi recollido no concello de A Peroxa, situado no NO da provincia, e foi sinalado por un agricultor da zona de forma inequívoca á especie. Segundo este home, "os couchos" eran frecuentemente atopados portando as postas no inicio de certas tarefas agrícolas, como a sacha, que coincide no tempo co inicio da época reproductora da especie.

Temos polo tanto un novo nome para a especie, coucho, ou sapiño coucho se o preferides, coma maneira intensamente ourensá para referirse ao nome latino de Alytes.