COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta Triturus marmoratus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Triturus marmoratus. Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de septiembre de 2011

Fauna nun topónimo histórico de Xunqueira de Espadañedo.










Existe no concello de Xunqueira de Espadañedo un tópónimo de cuio nome quero e debo lembrarme, esté é o pobo de Niñodáguia.
Niñodáguia é coñecido pola súa cerámica, nesta localidade existen explotacións mineiras de extracción de arxila, que deron como resultado unha antiga tradición alfareira que se prolonga até o día de hoxe.

Niñodáguia é, asímesmo, un topónimo interesante, xa que o seu nome indica a localización dun niño de águia real (Aquila chyrsaetos), o cal non é raro xa que esta localidade se atopa nas estrivacións mesmas do Macizo Central Ourensán, en territorio histórico da especie. Sen embargo o deturpamento e castelanización dos topónimos galegos ía traer consigo un dos capítulos máis curiosos e absurdos, no que foi o intento de borrar a cultura galega da face do país.

Aqueles que descoñezades o significado da lingua galega, debedes saber que Niñodáguia en castelán correctamente traducido, viría a ser "Nido del Águila", sen embargo a traducción castelánizadora non foi outra que "Niño de la Guía", despoxando de significado o máis que interesante topónimo.

As barreiras resultantes da extracción de arxila de Niñodáguia, ao ser abandonadas, banse naturalizando pouco a pouco, constituindo un hábitat interesante para aves, anfibios, memíferos, que pouco a pouco van colonizando o enclave, velahí tendes unhas pequenas mostras do que atopamos a finde pasada, nun Niño de águia histórico...

Un raposo (Vulpes vulpes), nidos de cegoña (Ciconia ciconia), gardafontes verde (Triturus marmoratus), ra verde ibérica (Pelophylax perezi) entre outros...

martes, 26 de julio de 2011

Gardafontes verde no río Barbantiño.




















Moitas veces temos falado da riqueza herpetolóxica da capital de Ourense, sen embargo esta riqueza non só atinxe ao concello de Ourense, senón que tamén é un feito común á toda a bisbarra, ou mellor dito á depresión Ourensá e os montes que a circundan, que lle confiren unha climatoloxía fortemente influenzada polo mediterráneo.

Un dos lugares herpetolóxicamente máis interesantes son os diversos cursos fluviais que desembocan no pai Miño cando discorre pola depresión, moitos deles fortemente alterados e contaminados, existen pola contra outros que amosan un estado de conservación moi aceptabel. Entre eles atopamos ao río Barbantiño, que no seu treito final actúa coma límite municipal entre os concellos de Punxín e Ourense.

Este río, cunha cobertura vexetal de ribeira en bó estado e cun marco agrícola e rural na contorna, amosa unha riqueza salientable no que a hérpetos se refire.

Entre as especies presentes atopamos ao gardafontes verde (Triturus marmoratus) o maior dos gardafontes que podemos topar na Galiza, e quizáis tamén un dos anfibios máis chamativos da nosa fauna.

Desta volta amósovos uns cantos exemplares atopados a principios do presente mes a carón do río Barbantiño.

sábado, 26 de marzo de 2011

O gardafontes verde atleta.




Bos días lectores, seguiremos a falar de herpetos durante unhas cantas entradas máis. Recentemente puxemos de manifesto a extraordinaria riqueza herpetolóxica dunha zona en concreto da provincia de Ourense, a Depresión Ourensá, onde se asenta a capital da mesma. Esta riqueza é causada por diversos factores, e entre eles a climatoloxía, a situación xeográfica, pero tamén a historia xeolóxica da zona.

A depresión Ourensá estivo en tempos inzada de numerosas zonas húmidas a carón do Val do Miño, estas lagoas, algunhas temporais e outras permanentes tiñan diferentes orixes. por unha parte existían meandros abandonados do río, producto da erosión fluvial, a modo similar dos "Galachos do Ebro", por outro lado existían unha serie de lagoas temporais asociadas a surxencias superficiais do complexo entramado de augas soterráneas da zona, e existían tamén lagoas termais asociadas ao termalismo que tanto caracteriza a día de hoxe a nosa cidade.

Ca progresiva urbanización da cidade a maior parte destes curiosos hábitats perdeuse, e con eles a súa fauna e flora, unha pérdida que quizáis nunca sexamos quenes de recuperar.

Unha das zonas máis ricas neste tipo de hábitats foi o Barrio de As Lagoas, no que existiron ata 7 lagoas diferentes, que foron destruidas polo urbanización da zona entre os anos 60 e 70 do pasado século XX. Neste conxuntos de lagoas habitaban sapoconchos, cangraxos de río, e multitude de anfibios.

Fai uns anos, no Campus Universitario da Cidade de Ourense, dependente da universidade de Vigo, restaurouse unha charca, de caracter temporal, que chegou a contar ca presencia de especies de aves tan interesantes como a pita de río (Gallinula chloropus) ou a garza pequena (Ixobrichus minutus), sen embargo esta lagoa, que pasaba parte do ano seca, naceu con data de caducidade. Recentemente esa parte do campus foi alterada, vilmente, para a construcción dunha pista de atletismo, coa chegada da pista desapareceron as aves e os anfibios que alí habitaban.

O outro dia se me ocurriu a xenial idea de pasar por alí, para ver como respira agora esa zona, e puiden atopar, anexo á pista de atletismo que tamén vos amoso, este vello macho de gardafontes verde, que agora terá a obriga de facer deporte, ante a falla dun lugar adecuado para reproducirse, triste final para un dos anfibios máis fermosos da nosa herpetofauna.

martes, 14 de diciembre de 2010

O Gardafontes verde: Detalles.




"Mira duas veces para ver o exacto; mira unha soa vez para ver o fermoso"- Henri Frédéric Amiel (1821-18819- Filósofo e moralista suizo.

Nas imaxes aparece un macho de gardafontes verde (Triturus marmoratus), en fase acuática, atopado nunha fonte do concello de Paderne de Allariz o pasado día 6 de decembro de 2010, na compaña de MartiñoCabana e Anxos Romeu.

Nos detalles observaredes a beleza extrema deste anfibio ourensán, como é a franxa branca da cauda ou o xaspeado verde e negro do corpo.

Como unha imaxes vale máis que mil palabras, e xa levamos falado moito do gardafontes verde, deixovos tan só iso, imaxes...

miércoles, 10 de noviembre de 2010

Os gardafontes verdes novos e adultos.

Este é un macho adulto de gardafontes verde (Triturus marmoratus), atopado nunha poza do concello de Barbadás o pasado día 24 de Outubro de 2010, como vedes ten as características sexuais ben pronunciadas, como é a crista dorsal.




Os que seguen a continuación son exemplares xuveniles da mesma especie atopados o pasado día 24 de outubro de 2010 en terreos do concello de Calvos de Randín, na compaña de Anxos Romeu, Martiño Cabana, Rafa Vázquez e Xosé Ramón Reigada, observade que éstes posúen unha liña vertebral laranxa, característica común ás femias adultas dos gardafontes verdes.

lunes, 11 de octubre de 2010

Gardafontes verde en Entrimo.






O pasado día 3 de outubro de 2010, Rafa Vázquez, Vituca e este que vos escribe, atopamos este exemplar de gardafontes verde (Triturus marmoratus), en terreos do concello de Entrimo, pertencente á bisbarra de A Baixa Limia.

O gardafontes verde é un anfibio urodelo (con cola), frecuente na práctica totalidade da provincia, é asemade un dos nosos hérpetos máis vistosos, debido ás cores que o caracterizan.

viernes, 10 de septiembre de 2010

Gardafontes verde en Nogueira de Ramuín.



Despois de tanto cadáver vouvos dar unha tregua amosándovos estas imaxes de dous exemplares novos de gardafontes verde (Triturus marmoratus), obtidas nunha charca do concello de Nogueira de Ramuín, na compaña de Rafa Vázquez, Vero e Noa, o pasado día 4 de setembro de 2010.

A detectición das diferentes especies de anfibios é sempre unha boa nova, que demostra que non todo está perdido na intrépida carreira pola protección dos vertebrados ourensáns, montrándonos asemade a extrema riqueza desta terra na que gustamos de "bichear".

martes, 15 de diciembre de 2009

Atropelos de anfibios en Rairiz de Veiga



Ningún concello de Ourense está a salvo dos atropelos de vertebrados nas estradas e camiños, nestas imaxes podedes atopar un sapo cunqueiro (Bufo bufo), atopado nas Veigas de Ponteliñares, e un gardafontes verde atopado nunha estrada que one os concellos de Rairiz de Veiga e Vilar de Santos.

martes, 8 de diciembre de 2009

Gardafontes verde nas areeiras da Limia






Este é un gardafontes verde (Triturus marmoratus) que tivo a sorte de cruzarse con Xosé Ramón Reigada e comigo, xa que, o día 5 de decembro, cando xa estabamos de retirada, fomos apartando do camiño aqueles anfibios que atopamos, para evitar, que como tantos outros neste enclave, morrera atropelado.

martes, 24 de noviembre de 2009

O gardafontes verde, un integrante da comunidade herpetolóxica do Montealegre









Fai uns días que vos falei da riqueza biolóxica do Montealegre en Ourense, así, pouco a pouco vou ir subindo imaxes dos vertebrados atopados en tal punto, por que máis vale unha imaxe ca mil palabras...

No montealegre existe unha mina de auga que actúa como punto de reproducción para os anfibios da zona, un destes anfibios é o gardafontes verde (Triturus marmoratus).

O exemplar da imaxe procede desa mina de auga e foi localizado o día 22 de novembro de 2009, trátase dun macho adulto, xa en fase acuática, pero que acadou a auga en tempos recentes, xa que aínda non desenrolou os caracteres sexuáis típicos desta especie en fase acuática: a crista dorsal.

martes, 10 de noviembre de 2009

Gardafontes verde xuvenil en Vilar de Santos.






Pequeno exemplar xuvenil de gardafontes verde (Triturus marmoratus) atopado baixo un toro o día 8 de novembro de 2009 en terreos pertencntes ao concello limiao de Vilar de Santos.