COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta Rairiz de Veiga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rairiz de Veiga. Mostrar todas las entradas

miércoles, 3 de septiembre de 2014

A historia das perdices antes comúns.

Cando eu era apenas un cativo, como na miña casa non había vacas, soía ir cunha veciña, "a tía Mercedes", que tiña duas vacas e unha burra branca moi mansa, ah e un can que se chamaba Roi.

A tía Mercedes ensinoume a face-los pisotes de moras no monte, a mirar de que charcas se podía beber, e xunto co seu marido,  "o tío Paco", ensináronme unha chea de nomes vernaculos de todo tipo de animais.

Unha das cousas que me gustaba escoitar de boca da tía Mercedes era cales eran os animáis que ela botaba en falla. así contaba como xa non quedaban lobos, que xa non había pernileiros, que unha vez vira un xuxa...

Un día, cando estabamos nun lameiro que chamaban A Labandeira", antes de que se fixeran as concentracións parcelarias, a tía Mercedes dei en contarme que antes, nese mesmo prado, víanse "currileiros de perdices", currileiros?- dixen, pois sí, nese recuncho da Limia onde medio me criei, nese pobo chamado Castelaos de Vilar de Santos, currileiro ten un significado. As xentes chamabanlle así á fila de pitiños nidífugos que segue a unha ave, como por exemplo á perdiz.

A especie de perdiz máis frecuente é a perdiz común ou bermella (Alectoris rufa). Antano estas perdices eran moi frecuentes en toda a provincia, sendo sustituidas por outras especies nas cotas máis altas das serras.

Hoxe en día, aínda que está presente en numerosos puntos da provincia, xa non se ven os grandes bandos postreproductores que segundo algunhas xentes podían estar compostos por máis dun cento de indivíduos. Na actualidade o máis habitual é velas en número moito máis pequeno, e incluso en pares ou nunha ducia como moito.

O declive da especie nos derradeiros corenta anos foi realmente dramático na maior parte do país. Detrás deste declive atópanse varias causas.

A primeira, a persecución por parte do home, xa que é unha peza de caza moi covizada.
A segunda, o troco dos usos agrícolas tradicionais, e cambio dos cultivos. a merma do cultivo de cereais de maneira tradicional, e a mecanización do campo mermou o seu hábitat potencial considerablemente. Lugares nos que se cultivaba cereal (centeo ou trigo) hay corenta anos, hoxe son piñeiraiis, ou macroparcelas sin sebas vexetais entre elas.
A terceira, o aumento da poboación de xabarín, que depreda sobre as postas da especie, a pesar de que se trata dunha especie moi prolífica.
A cuarta, a repoboacións con animais de granxa, ou con subespecies doutras latitudes, que merman a variabilidade xenética da poboación de perdiz autóctona.

A perdiz común, que de común xa non ten nada, é unha galiñácea de tamaño medio, que frecuanta cultivos e zonas de mato.

Especie de curioso comportamento reproductivo, unha  vez emparelladas a femia fai unha posta de entre dez e dezaseis ovos, que coidará o macho. Despois disto fai unha nova posta que coidará ela mesma.

Espallada irregularmente pola provincia, as súas poboacións son frecuentemente reforzadas polos cazadores mediante repoboacións cinexéticas, que moitas veces teñen unha orixe en granxas ou en zonas con outras razas da mesma especie.

As imaxes que acompañan este post foron obtidas en catividade no concello de Rairiz de Veiga.
















martes, 10 de septiembre de 2013

Lagarto d´auga nas Veigas da Limia.

Como xa vos dixen onte, o pasado día 31 de setembro de 2013, despois da xornada de anelamento fumos a dar unha volta polas veigas da Limia, espazo natural incluido dentro da ZEPA da Limia, neste caso no treito pertencente ao concello de Rairiz de Veiga.

Teño que confesarvos que As Vegas da Limia, ou de Ponteliñares, téñenme dado moitas alegrías sobre todo nun campo, no da herpetoloxía, por que co paso dos anos dinme conta do absoluto potancial desta zona, na que teño inventariadas a práctica totalidade dos hérpetos que aparecen na comarca, en densidades que non se dan en ningún outro punto da Limia.

Onte falabamos dos problemas que supuxeron a seca de Antela e as transformacións da paisaxe agraria  como consecuancia das nefastas concentracións parcelarias, sobre todo para as poboacións de hérpetos.

Unha das especies máis afectadas foi o lagarto d´auga ou das silvas (Lacerta schreiberi), un lacértido endémico da Península Ibérica. O lagarto d´auga é un réptil que depende especialmente dos regatos e os valados que tradicianalmente separaban as propiedades agrícolas da Limia, feito especialmente observable no sur da distribución da especie. Aínda que na Limia, debido á súa climatoloxía non é especialmente destacable a presenza da especie en relación aos cursos fluviais, sí é frecuente atolalo neles. Sí era moi frecuente atopalo nos valados fortemente vexetados da comarca, valados que foron completamente eliminados coas diferentes concentracións parcelarias, que supuxeron unha merma importantísima no hábitat dispoñible para a especie na bisbarra.

Nas imaxes un xuvenil de largarto dáuga atopada á veira do río Bidueiro o pasado día 13 de setembro de 2013, en terreos do concello de Rairiz de Veiga, na compaña dunhos cuantos colegas.


domingo, 8 de septiembre de 2013

Sapiño Raxado ou Rá da Veiga en Rairiz de Veiga.

O pasado día 31 de agosto como xa sabedes, estibemos de anelamento con Pablo Sanmartín na Limia, despois de xantar tocou ir dar unha voltiña polo espazo natural coñecido como "As Veigas de Ponteliñares" ou "Veigas da Limia", na parte das mesmas pertencente ao concello de Rairiz de Veiga.

Alí fomos afortunados de atopar moitos exemplares de rá da vaiga ou sapiño raxado (Discoglossus galganoi), moitos deles recén metamorfoseados e moi pequerechiños. E digo sorte por que esta especie non está pasando o seu mellor momento, xa que está a verse afectado por infección fúnxicas que masacran as súas poboacións, así como a un importante deterioro do seu hábitat debido ás transformacións agrícolas e á contaminación das derradeiras décadas.

No tocante á Limia a sítuaión é realmente alarmante, xa que se teñen producido extincións locais (en Xinzo, Trasmiras, Vilar de Santos, Sandiás e Sarreaus), causadas principalmente polas concentracións parcelarias que alteraron o seu hábitat principal, as Veigas, daspois da desecación da Lagoa de Antela.




lunes, 24 de enero de 2011

O faisán dourado, nova especie exótica en Ourense.

"A moral é unha ciencia que ensina, non como debemos de ser felices, senón como debemos chegar a ser dignos da felicidade"- Kant (1724-1804)- Filósofo alemán.

Fai máis ou menos un ano informeivos a través das páxinas deste blog, da presenza dunha nova especie exótica en Ourense, o pavo real (Pavo cristatus). Desta volta vouvos informar da solta dunha nova especie alóctona, o faisán dourado (Chrysolophus pictus), que ven de ser soltado en varios puntos da bisbarra da Limia durante a pasada tempada de caza, producíndose avistamentos, polo menos, en dous concellos limiaos durante a mesma, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos.

O faisan dourado é unha bela gallinácea de orixe asiática, a súa distribución orixinal abrangue as montañas do Centro da China, sen enbargo xa a comezos do século XIX, foi introducido en varios puntos das illas Británicas, onde hoxe está totalmente establecido. Tamén se produciron outras introduccións desta especie noutros puntos do continente, sen que polo momento se teña constancia que prosperaran poboacións estables no medio natural desta ave.

O agardable con este feito que aquí vos presento é que a maioría dos exemplares soltados con fins cinexéticas non prosperen. Ben por que son cazados no momento, ben por que perecen polas duras condicións climatolóxicas, ben por que son depredados por algún carnívoro da zona.

Móstrovos unhas imaxes dun macho de faisán dourado, para que vos fagades unha idea da súa apariencia, obtidas nunha colección privada en 2008, non cabe dúbida de que se trata dunha ave fermosa, e xa a segunda especie de faisán vista en Ourense.

lunes, 22 de noviembre de 2010

Sapo común en Rairiz de Veiga.




Como ben dixo Mário (Trepadeira) no post anterior, van sendo horas de ensinar animais vivos e coleando, xa que últimamente este blog mesmo se parece ás notas necrolóxicas.

Nesta acasión amósovos un exemplar de sapo cunqueiro (Bufo bufo), atopado baixo pedra en terreos do concello limiao de Rairiz de Veiga, o pasado día 1 de novembro de 2010.

O sapo cunqueiro ou común pasa por ser un dos anfibios anuros (sen cola) máis frecuentes da provincia, estando presente na maioría, senon toda, a súa superficie.

miércoles, 17 de noviembre de 2010

Píntega atropelada en Rairiz de Veiga.




Como non podía ser doutra maneira, vou abrir esta nova etapa cunha entrada sobre o meu bichiño favorito, a miña queridísima píntega común (Salamandra salamandra).

Por desgracia estouvos falando dun exemplar desta especie que atopei atropelado, nunha estrada do concello limiao de Rairiz de Veiga o pasado día 1 de Novenbro de 2010, a pesar diste feito aínda se aprecia claramente as tonalidades vermellas que posúen algúns dos indivíduos integrantes da subespecie endémica "gallaica", que é a subespecie de píntega común que habita as terras ourensás.

A pesar dos constantes atropelos por parte do tráfico rodado, a píntega común segue a ser un anfibio abondoso, o que me fai plantexarme unha cuestión: ¿durante canto tempo continuará a ser así?, ¿Canto tempo aguantarán as súas poboacións sometidas ao constante acoso por parte da especie humana, as súas infraestructuras e os seus medios de transporte?.

sábado, 13 de noviembre de 2010

Curuxa común atropelada en Rairiz de Veiga.


Ningún grupo de vertebrados é alleo á constante sangría de atropelos que se produce nas estradas ourensás.

Como vedes na imaxe que acompaña este artigo, obtida o día 1 de novembro de 2010 en terreos do concello limiao de Rairiz de Veiga, nela podedes apreciar un exemplar de curuxa común (Tyto alba), morta posiblemente por atropelo.

A curuxa común é unha das nosas aves rapaces nocturnas máis frecuentes, e realiza unha poderosa labor de control sobre as poboacións de micromamíferos, a pesar desta beneficiosa actuación, común ao resto de rapaces nocturnas, posúe unha máis que extendida mala fama, como portadora de desgrazas e anunciadora da morte, superstición que excusou durante séculos a persecución sistemática desta e dostras especies similares.


martes, 2 de noviembre de 2010

Cobra de auga viperina en Rairiz de Veiga.



Recentemente falabamos a través das páxinas deste blog sobre a variedade cromática da cobra lagarteira europea en Porqueira, pois ben hoxe falaremos doutra variedade cromática peculiar tamén noutra especie, a cobra de auga viperina (Natrix maura).

Por desgracia estouvos a falar dun exemplar atopado morto por atropelo nunha estrada do concello de Rairiz de Veiga o pasado día 23 de outubro de 2010, na compaña de Rafa Vázquez.

Dito exemplar posúe a peculiaridade de pertencer á variedade cromática "bilineata", esto quere dicir que o seu deseño caracterízase por posuir duas liñas vertebrais e paralelas que encerran o dibuxo en zig-zag, que habitualmente posúen os integrantes desta especie.

Este debuxo en zig-zag é un deseño moi carazterístico das víboras (vípera sp.) ás que, precisamente, tratan de asemellarse as cobras de auga desta especie; curiosamente, as víboras de seoane (Vipera seoanei), tamén teñen a variedade cromática bilineata.

miércoles, 13 de octubre de 2010

Papamoscas gris en Rairiz de Veiga.






O papamoscas gris (Muscicapa striata) é un paseriforme que se presenta na provincia habitualmente durante o paso migratorio postnupcial, existe sin embargo, unha pequena poboación reproductora asentada no Leste da provincia, quizáis a máis importante de Galicia.

A bisbarra da Limia é un deses lugares onde podemos detectar a presencia desta especie durante o paso migratorio, boa mostra deste feito foi a detección, o pasado día 10 de Outubro de 2010, dun pequeno grupo de papamoscas grises, composto por 5 exemplares, en terreos de concello limiao de Rairiz de Veiga.

viernes, 3 de septiembre de 2010

Rás de San Antón na Limia.










Para darvos unha tregua despois de tanto paxaro, vouvos ofrecer estas imaxes de diferentes exemplares de rá de San Antón (Hyla arborea), obtidas nos concellos limiaos de A Porqueira e Rairiz de Veiga o pasado día 14 de agosto de 2010, durante un pequeno paseo na procura de odonatos en compaña de Emilio Martinez Sabarís, Cristina Casalderrey Cánovas e Pablo A. Sanmartín Santiago.

E de xustiza poética a publicación de imaxes de rás de San Antón na Limia, xa que esta bisbarra, xunto ca de Monterrei, acolle unha das maiores poboacións galegas da especie.

Para información dalgún dos lectores deste blog direi que algunha das instantáneas proveñen dunha charca con Lepidurus apus, seguro que alguén se da por aludido....

jueves, 22 de julio de 2010

Variedade cromática dunha poboación de rás verdes en Rairiz de Veiga.













A rá verde común é quizáis o anfibio máis frecuente da provincia, posúe asemade unha alta tolerancia ás alteracións do seu hábitat e móstrase como unha eficaz colonizadora de novas áreas.

A ra verde presente na nosa provincia, Pelophylax perezi, é unha especie endémica (exclusiva) da Península Ibérica, aínda que se atopa estreitamente emparentada con especies de fisonomía similar presentes no resto do continente Europeo.

O pasado día 17 de xullo de 2010 foi realizada unha pequena prospección a unha charca próxima á capital municipal do concello limiao de Rairiz de Veiga, onde habita unha nutrida poboación desta especie.

O obxetivo principal sa visita era obter o material fotográfico necesario para amosar a alta variabilidade cromática da especie, tomando como exemplo varios exemplares pertencentes a esta poboación, nas imaxes que acompañan este post tedes o resultado conquerido, que agardo sexa do voso agrado.

O atopar diferentes exemplares de ra verde de cores dispares non significa que pertenzan a especies distintas, senón que amosa a a variabilidade cromática propia da especie e común a outras especies de hérpetos.