COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta Sandiás. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sandiás. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de junio de 2015

A garza branca, un novo integrante da fauna Ourensá.

Moitas veces neste blogue temos falado da extinción ou do lamentable estado de conservación dalgunha das especies que integran ou integraron a nosa fauna, de tal xeito que parecemos algo pesimistas en ocasións. Por iso non está de máis, de vez en cando, dar boas novas para ver que existe e é posibel un futuro mellor para o meio natural da nosa provincia.

Vaiamos pouco a pouco e contestualicemos, na medida do posibel, esta entrada, xa que de vez en cando é preciso facer algo de historia...

Alá polo final do século XIX e o XX puxéronse de moda as plumas nos sombreiros das damas da alta sociedade Europea e Americana, estas plumas eran, habitualmente, aquelas que certas especies de garzas posúen na época de celo. Así produciuse unha presecución implacabel nas colonias de cría de ardeidos de toda Europa continental, que deu por resultado a desaparición de moitas delas. E polo tanto a diminución dramática en moitos casos das súas poboacións, que se tiveron que afrontar asemade, á destrucción do seu hábitat natural. Xa que durante o século XX foron desecadas multitude de zonas húmidas.

Co avance dos tempos, e o troco de conciencia ecolóxica, os ardeidos foron protexidos na maior parte dos países europeos, recuperándose gran parte das colonias Centroeuropeas de diferentes especies, que son, as que integran a maior parte do continxente invernante da Península deste tipo de especies.

Así, nos finais do século pasado a garza branca (Egretta alba) comezou a deixarse ver pola península Ibérica, chegando a críar pouco tempo despois. Nese tempo tamén comezaron a verse os primeiros exemplares invernantes na Galiza, pero non foi até ben entrado o século XXI cando se comezaron a ver os primeiros exemplares invernantes en Ourense, primeiro no val do Miño e , posteriormente na Limia.

Na actualidade a invernada desta especie na provincia de Ourense pode considerarse escasa aínda que regular, e en constante aumento, proba delo son os tres exemplares, como mínimo, que invernadon na ZEPA da Limia a pasada tempada.

Así o que estamos a contemplar na actualidade é a recolonización por parte desta especie, de parte do terreo que perdeu históricamente a causa da persecución directa por parte do home, e debemos festexar este feito, e desexar que se repita con outras das especies que se extinguiron pola mesma causa no noso entorno máis inmediato.

Nas imaxes podedes apreciar varios dos exemplares obervados entre o final de 2014 e o comezo de 2015 no espazo natural das Areeiras da Limia, a cabalo entre os concellos de Vilar de Santos e Sandiás.









martes, 26 de mayo de 2015

Unha cegoña anelada na limia.

Como xa observaríades, nos derradeiros meses a miña actividade blogueira foi bastante escasa, tanto por falla de tempo, como por falla de motivación, pero neste momento persoal de cambio e veolución, chegou o mento de dar saída ao arquivo fotográfico almacenado. 

Non fai falla dicir, seguramente, que a miña actividade bicheira se verá trasladada en breve á provincia de pontevedra, pero aínda non decidín como vou a facer con ese tema, aceitanse suxestións...

Vaiamos ao grao, que eu deseguida me vou polas polas....hahaha, seguro que tamén a vós vos soa ese xogo de palabras que o meu mestre de galego facía con esas verbas e aquelo do oso do oso....

O pasado mes de xaneiro recivín a visita de David Alvarez, autor do magnífico blogue "Naturaleza Cantábrica". Xa sabes David que agora agárdote en Vigo. Xuntos demos unha volta polo sempre sorprende espazo natural das Areeiras da Limia, incluído dentro da ZEPA da Limia, trátase dun conxunto de lagoas producidas pola actividade mineira de extracción de area, e que, naturalizadas con posterioridade, pasan por ser unha das zonas húmidas máis interesantes do interior galaico.

Ese día, o pasado 3 de xaneiro de 2015, atopamonos cun exemplar de cegoña branca (Ciconia ciconia), bastante maltreito por certo, anelado nunha das pistas a carón dunha das areeiras da Limia. Sei que esta información perde validez ao non dala no momento, pero bueno, ahí están as imaxes que testemuñan o encontro con este animal.








jueves, 5 de septiembre de 2013

Unha xornada de anelamento terapéutica na Limia.

A fin de semana pasada tivo lugar na Limia unha xornada de anelamento potagonizada polo anelador pontevedrés Pablo A. Sanmartín, que ven parecía que iamos ver ao propio santo en peregrinación, xa que á súa chamada chegaron moitos dos "bicheiros" que divagan por terras aurensás, ata 20 persoas (e un so anelador...) se xuntaron nas areeiras da Limia para ver os resultados da pasaxe postnupcial na Zepa da Limia. O resultado,  91 aves aneladas pertencentes a 18 especies diferentes. Tendes un resumo dos resultados da xornada no blog de Pablo se picades aquí.

Como ben dixo un dos presentes, ben se puidera confundior esta reunión cun cónclave ornitolóxico, sepades que nos fumos sen elixir Papa, polo que deberemos repetir a xuntanza para ver si hai fumata branca. Entre os que acudiron ás areeiras estaban colegas de fai tempo, Diego R. Vieites, o Propio Pablo, Mariño, Xosé Ramón Reigada, Paco Carballo, Encarna e Gustavo, e novos como Ramsés, Pepe Calleja ou Lucas, e algún máis do que non me lembro o nome.

Para un tío coma mín, que xa se prodiga máis ben pouco polo campo, e que nos derradeiros tempos arrastra unha saúdo algo precaria, foi máis que unha terapía de grupo o poder compartir con tan boa xente unha xornada de bicheo, que fixo, coma pr arte de maxia, que a miña cara que habitualmente reflicte un cansancio cuasi endémico; reflectise desta volta un aspecto luminoso, cando, xa de domingo, atravesei a porta do bar para enfrontarme de novo á realidade cotiá. Menos mal que siguen quedando amigos...aínda que pasen dous anos sen velos.

Ben, deixémonos de lerias que me estou pondo un pouco pastel e xa non teño idade...
 
O anelamento é unha práctica científica e ornitolóxica que consiste na captura de aves para colocarlles unha anela cun código alfanumérico, ao mesmo tempo se anotan datos de interese como complemento, como o tamaño, peso, sexo, idade, etc... Con posterioridade se sokta a ave, que con sorte será capturada noutra ocasión por outro anelador, quizáis noutro país, e asi cotexando datos poderánse obter datos de interese coma rutas migratorias e outros, xa que con cada captura os datos van a parar a unha base de datos.
 
A continuación tedes unhas imaxes da xornada de anelamento nas areeiras da Limia, en Sandiás, o pasado día 31 de agosto de 2013.













miércoles, 27 de febrero de 2013

A gralla pequena, a ave do ano 2013.

A Sociedade Galega de Ornitoloxía ven de elixi-la gralla pequena (Corvus monedula) como a "Ave do ano" para o presente 2013. Dito galardón é unha escolleita habitual nas asociaciópns ecoloxistas para chamala atención sobre a situación dunha especie en concreto, ben sexa pola súa escaseza, por que se veña detectando unha acusada diminución nas súas poboacións, ou por que sexa unha especie pouco coñecida no ámbito territorial desa asociación.

A gralla pequena ou corvo cereixeiro, é unha pequena especie de córvido de hábitos rupícolas e urbanos. En Ourense pode chegar a ser localmente frecuente, pero non parece que estexa especiealmente extendida, tendo sufrido extincións locais nos derradeiros anos, como parece ter acontecido en Montederramo.

Na actualidade a especie mantén poboacións de interese na bisbarra de Monterrei, na Limia (principalmente nas áreas cercanas á vila de Xinzo de Limia), en Valdeorras (no Parque Natural da serra da Enciña da Lastra). Ademáis nos derradeiros tempos ten aparecido na área metropolitana ourensá (capital da provincia) un pequeno continxente de exemplares que ten chegado a críar (1 parella polo menos hai uns anos) e que fai expedicións por concellos da veciñanza.



Nas imaxes unhas cantas grallas pequenas nunha área agrícola e gandeira do concello limiao de Sandiás fotografadas o pasado día 17 de febreiro de 2013.

lunes, 12 de septiembre de 2011

O arieiro grande e o pilro común nas areeiras da Limia.






arieiro e o nome co que se coñecen na provincia ás aves integrantes do xénero charadrius, desta volta estamos perante a un arieiro grande (Charadrius hiaticula), e un pilro común (Calidris alpina), ambas aves limícolas (que se alimentan en áreas de limo ou lamacentas).

Durante as pasaxes migratorias (arestora estamos inmersos na pasaxe postnupcial) poden producirse curiosas asociacións de aves, que frecuentan áreas de alimentación similares. Así pode ocorrer con diferentes tipos de paseriformes, ardeidas e limícolas. Neste caso, parece que sedimentaron dous exemplares, segundo Diego Rodriguez Vieitas, días antes eran algñun máis, quedando rezagados dos grupos.

O pasado día 2 de setembro de 2011 estas dúas aves facíanse compaña ante a ausencia de outros da mesma especie, movéndose e alimentándose xuntos nunha das barreiras das areeiras da Limia de Sandiás. Alleos ás miradas inquisidoras dun aprendiz de ornitólogo que andaba por alí, miradas indiscretas quizáis, imaxinarias, que logo puxeron banda sonora ao momento observado, e velahí esta a cantiga inspiradora...

miércoles, 7 de septiembre de 2011

As derradeiras avefrías da Limia, conícoras choromicas en perigo.






Onte mesmo festexabamos a volta dos galos de crista branca (Fulica atra) á Limia, pero a Limia, terra maltreita e castigada onde as haxa, ofrece sempre, na honra ao seu chan, unha de cal e outra de area, para todo aquel que sexa capaz de apreciar a natureza no seu conxunto, como un corpo, enfermo ou san, composto de órganos vitais e imprescindibles para o seu correcto funcionamento.

Así, se hay especies que nos derradeiros anos aumentaron as súas poboacións, caso das cegoñas, ou regresan despois de anos de ausencia, como os galos de crista branca. Hai outras que se nos escapan, paseniño e silenciosamente, como a area das barreiras da Limia se escapa entre os dedos de quen a colle, e como a auga centenaria da Lagoa de Antela se escapou pola canle cara ao mar.

Unha destas especies é a avefría (Vanellus vanellus), especie invernante, tanto máis abondosa como frío veña o ano. A avefría é, asemade unha especie nidificante na Limia, contou sempre cunha poboación, tan importante, que chegou a ser a maior da Península Ibérica. A desecación de Antela supuxo un duro golpe que non chegou sen ambargo a acabar coa significante poboación nidificante da especie, que, anque mermada, continuou a ser a máis importante do país. Foron non embargante as concentracións parcelarias as que derón un golpe mortal á esta singular poboación. Xa que supuxeron a desecación das Veigas que a especie usaba para nidificar, os cambios no uso do solo, a merma do gado, coa conseguinte diminución de pasteiros, supuxeron tamén un problema engadio, ao que hay que sumar, por si fora pouco, a caza.

Na Limia, como recolleron González, Villarino e Bárcena na obra Vertebrados da Limia, e como aínda recordan os veciños do meu pobo, Castelaus (Vilar de Santos), as avefrías eran coñecidas como cunícoras, conícoras ou choromicas, en clara alusión ao reclamo da especie, que recorda a un lonxano lamento.

Un lonxano lamento, que fora das datas invernais se torna cada día máis dificil de escoitar, a exígua poboación da conícora esta a desaparecer, e os seus choros, xa non os escoita ninguén, porque unha cousa é ouvir, e outra escoitar o son dos lamentos dunha especie que está a desaparecer. Escoitar o lamento da choromica, o laio da conícora supón por os medios necesarios para que a especie non remate por deixar de críar, nesta a nosa terra limiá.

Cando as conícoras nidificantes da Limia rematan o período de cría, reúnense, quizáis para lamentar xuntas os tempos pasados, para , cual plañideiras, chorar a memora das que cada ano deixan de acudir á reunións posreproductora. Quizáis, algún día as conícoras choren de alegría, ao alcanzar de novo os vellos tempos, e ser máis de 10 parellas, as que hoxe hai. E ser máis que un pequeno punto máis na poboación invernante, aínda abondosa.

martes, 6 de septiembre de 2011

A volta dos galos de crista branca.






"Os males que non teñen forza para acabar coa vida, non a terán para acabar coa paciencia"-Miguel de Cervantes (1547-1616)- Escritor Español.

Fai un tempo que o compañeiro Diego rodriguez Vieitez informou, a través do Noticiario Ornitoxeográfico Galego, da volta dunha especie a terras limiás, o galo de crista branca (Fulica atra). Cando o lin quixen ser partícipe da felicidade deste feito acudindo ao lugar para inmortaliza-la feliz presenza desta especie na bisbarra.

Pero vaiamos por partes e fagamos algo de memoria adentrándonos no que sabemos e na historia desta especie na Limia. En primeiro lugar o nome, en castelán "focha", en galego foron utilizados varios, coma "demo negro" ou "galiñola negra", Villarino, González & Bárcena, recollen, na súa obra "Vertebrados da Limia", de obrigada lectura, galo, ou galo de crista branca, recomendando o uso deste último. Este nome parece moi apropiado xa que o asemella á pita d´auga (Gallinula chloropus), parente próximo, e fai unha clara alusión aos detalles físicos da especie, como podedes ver nas imaxes.

O galo de crista branca (Fulica atra) foi en tempos de antela unha especie abondosa, os seus ovos recollidos para o consumo, e os adultos cazados para a cazola. A pesar da desecación a especie mantivo até os anos 90 do pasado século, un continxente reproductor de certa importancia na Limia. Ao mesmo tempos eran tempos nos que a poboación invernante chegaba a varios centos nos encoros da cunca do Miño-Sil, segundo se recolle nos censos.

Coa chegada do novo século XXI, comeza o declive da especie, a poboación reproductora chega case a desaparecer na provincia, e a invernante sofre unha drástica diminución. Varias son as causas que se postulan para tan dramáticos feitos. A caza, o cambio drástico do hábitat, a introducción de especies alóctonas (o visón americano) ou mesmo a proliferación do xabarín parecen estar detrás do problema.

Na Limia, contadas citas case sempre referidas a exemplares solitarios, parecen indicar que algunha parella puidera ter pasado desapercivida, pero non se ten constacia da reproducción nos derradeiros anos. Agora seis exemplares paracen ser a semente que algúns agardamos sexa o comezo da volta do galo de crista branca. Ninguén podía presaxiar que a estas alturas de século o galo de crista branca fose tan escaso xa para os ourensáns como en tempos o seu parente a "focha moruna" (Fulica cristata) o foi para o conxunto do estado, "cousas veredes" como din na miña terra. Mentras tanto, disfrutade destas testimoniais imaxes, que dan conta dunha boa nova.

miércoles, 8 de junio de 2011

Do escáncer ao escouparón: Da Limia ao Val do Támega




Durante as xa mencionadas xornadas formativas do programa SARE, os asistentes acudiron prestos, despois da calurosa estancia na Depresión Ourensá, á bisbarra da Limia onde se atoparon durante o transecto nocturno polas Areeiras da Limia de Sandiás con este curioso réptil, o escáncer tridáctilo (Chalcides striatus), nada facía presaxiar que ao día seguinte se repetiría ata en tres ocasións máis a visión desta especie, desta volta no concello de Monterrei.

A voltas co tema dos nomes vernáculos, como xa sabedes os siareir@s deste blogue, achegarémonos ao complexo vernacular dos réptiles integrantes dos xéneros Anguis, Chalcides e Blanus.

Xeralmente as especies galegas pertencentes aos devanditos xéneros reciben un nome común que pode ser segundo a zona escárcer, cancer, esgonzo, escouparón, escoupolo, escouparín ou viverón, sen que popularmente se fagan distincións entre as diferentes especies.

No caso da da bisbarra da Limia o nome máis extendido é escáncer ou cáncer, como xa comentamos noutras ocasións, vernáculo ámplamente extendido non só por terras ourensás, senón tamén por outras provincias da Galiza.

Chegados ao Val do Támega (bisbarra de Monterrei) o vernáculo máis extendido parece ser escouparón, seguido de escóupolo e viverón (que pode ser exclusivo para Blanus). Os primeiros coinciden sensiblemente co vernáculo recollido na bisbarra da Baixa Limia, escouparín, que coincide asemade cun topónimo homónimo (Escouparín) rexistrado no concello de Muiños a carón do encoro das Cunchas.


domingo, 1 de mayo de 2011

Gralla cereixeira na Limia.





A gralla cereixeira (Corvus monedula), tamén coñecida coma corvo cereixeiro, é un córvido de distribución escasa na provincia de Ourense, aínda que pode chegar a ser localmente frecuente, pola súa tendencia colonial e ao gregarismo. Así, nas zonas ourensás habitadas pola especie, pode dar a impresión de ser un ave abundante.

Pero a súa distribución xerál está bastante restrinxida, no caso da nosa provincia, a gralla ceireixeira está presente nas grandes depresións fluviais. Así podemos atopar a este curioso córvido nas bisbarras de Monterrei (Val do Támega), A Limia, A Depresión Ourensá e Valdeorras.

No tocante á bisbarra da Limia, a especie asentouse nas derradeiras dúas décadas, sen que se saiban, de momento, a orixe dos exemplares desta incipente colonia. Asentada nun principio na vila cabeceira da comarca, Xinzo de Limia, o número de exemplares foi medrando exponencialmente, a pesar da certa presión cinexética e da persecución por parte da administración, materializada na destrucción sistemática dos durmideiros da especie situados na Vila. a pesar de todo a especie está xa presente alomenos nos concellos limiaos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos e na parte limiá de Xunqueira de Ambía.

As imaxes, optidas en terreos da bisbarra da Limia, na compaña de Diego Rodríguez Viéites e a súa moza o pasado día 23 de abril de 2011, amosan un exemplar desta singular especie pousado nun poste da luz en terreos da tristemente desaparecida Lagoa de Antela.