COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta Limicolas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Limicolas. Mostrar todas las entradas

sábado, 30 de agosto de 2014

Arieiro grande no encoro de Cachamuiña.

O arieiro grande (ou píllara) (Charadrius hiaticula) é unha ave limícola que parece en pequeno número durante os pasos migratorios, principalmente durante o paso postnupcial, que é o que nestes días está tendo lugar, e no que as aves migradoras se despazan entre os seus lugares de cría no Norte e os seus cuarteis de invernada máis ao Sur.

Durante estes longos desprazamentos, de cando en vez, hai que repor forzas, parando nalgún lugar para alimentarse, e así poder continuar a viaxe.

O arieiro grande das imaxes, fotografado o pasado día 23 de agosto de 2014, decidiu que o lugar apropiado para repor forzas era o encoro de Cachamuiña, situado no concello de Pereiro de Aguiar, e do que, a veces, se abastece de auga potable a cidade de Ourense.

Parte deste encoro posúe unha área lamacenta, que é apropiada para a observación de aves limícolas durante os pasos migratorios, sempre en números moi reducidos.












domingo, 13 de octubre de 2013

Bilurico bailón no río Barbaña.

O bilurico bailón (Actitis hypoleucos) pasa por ser unha das aves limícolas máis frecuentes nos ambientes acuáticos do interior, sendo tamén por esta cuestión polo tanto, unha das limícolas máis frecuentes e de observación máis sinxela da nosa provincia. Durante os pasos migratorios e no inverno parece onnipresente en moitos dos ambientes acuáticos de Ourense, coma ríos, regatos, encoros e lagoas.

Neste caso amósovos un exemplar fotografado o pasado día 19 de setembro de 2013 no río Barbaña ao seu paso pola cidade de Ourense.




lunes, 12 de septiembre de 2011

O arieiro grande e o pilro común nas areeiras da Limia.






arieiro e o nome co que se coñecen na provincia ás aves integrantes do xénero charadrius, desta volta estamos perante a un arieiro grande (Charadrius hiaticula), e un pilro común (Calidris alpina), ambas aves limícolas (que se alimentan en áreas de limo ou lamacentas).

Durante as pasaxes migratorias (arestora estamos inmersos na pasaxe postnupcial) poden producirse curiosas asociacións de aves, que frecuentan áreas de alimentación similares. Así pode ocorrer con diferentes tipos de paseriformes, ardeidas e limícolas. Neste caso, parece que sedimentaron dous exemplares, segundo Diego Rodriguez Vieitas, días antes eran algñun máis, quedando rezagados dos grupos.

O pasado día 2 de setembro de 2011 estas dúas aves facíanse compaña ante a ausencia de outros da mesma especie, movéndose e alimentándose xuntos nunha das barreiras das areeiras da Limia de Sandiás. Alleos ás miradas inquisidoras dun aprendiz de ornitólogo que andaba por alí, miradas indiscretas quizáis, imaxinarias, que logo puxeron banda sonora ao momento observado, e velahí esta a cantiga inspiradora...

miércoles, 7 de septiembre de 2011

As derradeiras avefrías da Limia, conícoras choromicas en perigo.






Onte mesmo festexabamos a volta dos galos de crista branca (Fulica atra) á Limia, pero a Limia, terra maltreita e castigada onde as haxa, ofrece sempre, na honra ao seu chan, unha de cal e outra de area, para todo aquel que sexa capaz de apreciar a natureza no seu conxunto, como un corpo, enfermo ou san, composto de órganos vitais e imprescindibles para o seu correcto funcionamento.

Así, se hay especies que nos derradeiros anos aumentaron as súas poboacións, caso das cegoñas, ou regresan despois de anos de ausencia, como os galos de crista branca. Hai outras que se nos escapan, paseniño e silenciosamente, como a area das barreiras da Limia se escapa entre os dedos de quen a colle, e como a auga centenaria da Lagoa de Antela se escapou pola canle cara ao mar.

Unha destas especies é a avefría (Vanellus vanellus), especie invernante, tanto máis abondosa como frío veña o ano. A avefría é, asemade unha especie nidificante na Limia, contou sempre cunha poboación, tan importante, que chegou a ser a maior da Península Ibérica. A desecación de Antela supuxo un duro golpe que non chegou sen ambargo a acabar coa significante poboación nidificante da especie, que, anque mermada, continuou a ser a máis importante do país. Foron non embargante as concentracións parcelarias as que derón un golpe mortal á esta singular poboación. Xa que supuxeron a desecación das Veigas que a especie usaba para nidificar, os cambios no uso do solo, a merma do gado, coa conseguinte diminución de pasteiros, supuxeron tamén un problema engadio, ao que hay que sumar, por si fora pouco, a caza.

Na Limia, como recolleron González, Villarino e Bárcena na obra Vertebrados da Limia, e como aínda recordan os veciños do meu pobo, Castelaus (Vilar de Santos), as avefrías eran coñecidas como cunícoras, conícoras ou choromicas, en clara alusión ao reclamo da especie, que recorda a un lonxano lamento.

Un lonxano lamento, que fora das datas invernais se torna cada día máis dificil de escoitar, a exígua poboación da conícora esta a desaparecer, e os seus choros, xa non os escoita ninguén, porque unha cousa é ouvir, e outra escoitar o son dos lamentos dunha especie que está a desaparecer. Escoitar o lamento da choromica, o laio da conícora supón por os medios necesarios para que a especie non remate por deixar de críar, nesta a nosa terra limiá.

Cando as conícoras nidificantes da Limia rematan o período de cría, reúnense, quizáis para lamentar xuntas os tempos pasados, para , cual plañideiras, chorar a memora das que cada ano deixan de acudir á reunións posreproductora. Quizáis, algún día as conícoras choren de alegría, ao alcanzar de novo os vellos tempos, e ser máis de 10 parellas, as que hoxe hai. E ser máis que un pequeno punto máis na poboación invernante, aínda abondosa.

lunes, 25 de abril de 2011

Píldora das dunas nas areeiras da Limia.





Boa xornada, siareir@s, voltou o "vertebrator" ourensán, despois deste pequeno e máis que merecido descanso por terras limiás. Como suporedes traio novas frescas da terra que me viu nacer, e como non podía ser doutra maneira, vounas compartir con vós.

O pasado día 23 de abril de 2011 compartín co ornitólogo limiao Diego Rodríguez Vieites e a súa encantadora parella. Comezada a xornada acudimos ao lugar fetiche para todo limiao adorador das aves, as areeiras da Limia, situadas a cabalo entre os concellos de Vilar de Santos e Sandiás.

Xa o día anterior Diego fixera un descubrimento sorprendente, un exemplar de píldora das dunas (Charadrius alexandrinus) fixera unha parada técnica neste espazo natural incluído dentro da Zepa da Limia, quizáis canso no medio da pasaxe migratoria prenupcial. Esta observación é, moi provablemente, o primeiro rexistro para a especie na provincia, alomenos en tempos recentes. unha excelente nova para todos aqueles que vemos na Limia o lugar con maior potencial ornitolóxico da Galiza.

A píldora das dunas é unha especie escasa na Galiza, e incluída no catálogo galego de especies ameazadas. Existindo moi poucas citas no interior galego. Sen embargo a especie posúe algunha poboación reproductora no interior peninsular (La Macha húmeda) e europeo (Danubio).

En próximas xornadas dareivos conta doutras novidades que traio gardadas no peto, vertebrando unha vez máis, no compromiso claro da divulgación da fauna vertebrada de Ourense.

miércoles, 8 de septiembre de 2010

Pilro peitoral en Pereiro de Aguiar.





Estas fotos que vos presento teñen a súa historia, resulta que o pasado día 4 de setembro de 2010, na compaña de Rafa Vázquez, Vero de Noa, estivemos no encoro de Cachamuiña, entre as aves observadas había un grupo de catro limícolas que eu identifiquei por erro como liorteiros (Philomachus pugnax), cando me dispuxen a subir as fotas ao blog non me setín seguro da correcta identificación destas aves, así que lle enviei as imaxes ao ornitólogo Cosme Damián Romai, quen me informou de que en realidade se trataba doutra especie, o pilro peitoral (Calidris melanotos).

O pilro peitoral é unha especie divagante orixinaria de Siberia e Norteamérica que en ocasións chega accidentalmente ao Oeste de Europa, se a memoria non me falla esta sería a terceira ocasión na que se observa esta especie na provincia, sendo as duas citas anteriores da bisbarra da Limia. A primeira de Esteban Solleiro corresponde a un exemplar observado o 12 de xuño de 2008, a segunda foi realizada por José Ramón Gomez o 14 de setembro do mesmo ano.

martes, 7 de septiembre de 2010

Píldora de colar en Pereiro de Aguiar.




A píldora de colar (Charadrius hiaticula) é unha limícola que se presenta, en número escaso, na provincia durante os pasos migratorios. A maioría das citas da especie acumúlanse na bisbarra da Limia.

Nestas imaxes podedes observar dous exemplares detectados no encoro de Cachamuiña (Pereiro de Aguiar), o pasado día 4 de setembro de 2010, na compaña de Rafa Vázquez, Vero e Noa, sendo a primeira observación persoal realizada desta especie nesta parte da provincia.


viernes, 3 de septiembre de 2010

Bilurico bailón en Sandiás.





O bilurico bailón (Actitis hypoleucos) é a limícola máis frecuente da provincia, con moitísima diferencia, xa que se pode atopar na maioría dos cursos fluviais durante todo o ano. É sin embargo durante os pasos migratorios e durante a invernada cando a especie se observa con maior facilidade. A pesar do dito anteriormente, as confirmacións de cría desta especie en Galicia son moi escasas.

O exemplar que aquí se presenta foi capturado para anelamento, en terreos do concello limiao de Sandiás, por Emilio Martinez Sabarís, o pasado día 15 de agosto de 2010, nas imaxes podedes apreciar os detalles da plumaxe, difícilmente detectables nunha observación combencional a golpe de prismáticos.

Bilurico alinegro en Sandiás.






O bilurico alinegro (Tringa ochroropus) é unha limícola relativamente frecuente durante os pasos migratorios nas grandes depresións fluvias da provincia de Ourense.

O pasado día 14 de agosto de 2010, o anelador Emilio Martinez Sabarís capturou para anelamento un exemplar desta especie en terreos do concello limiao de Sandiás.

A bisbarra da Limia é, sin dúbida algunha, o punto ourensán onde o bilurico alinegro é máis sinxelo de observar, recoméndovos que visitedes o espazo natural das Areeiras da Limia, para a observación desta e doutras moitas especies de aves acuáticas.

Se aceptades a recomendación non dudedes en avisar, así teredes un guía local e por riba, gratuito.

martes, 5 de enero de 2010

Chorolitos dourados en Sandiás.






O pasado día 2 de xaneiro de 2010 foi detectado un grupo de chorolitos dourados (Pluvialis apricaria), nas parcelas do concello de Sandiás situadas ao Norte das Areiras da Limia, o grupo en cuestión constaba de 226 indivíduos.

Avefrías na Limia.








A bisbarra da Limia é unha importante zona de invernada para as avefrías (Vanellus vanellus), de feito supón o principal cuartel de invernada para a especie na provincia.

Durante a pasada ponte de fin de ano foron detectados divarsos bandos e grupos da especie en distintos concellos limiaos, o maior detectado superaba os 500 indivíduos e foi observado o día 3 de xaneiro de 2010 nas Veigas de Ponteliñares, en Rairiz de Veiga.