Amosando publicacións coa etiqueta xerais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xerais. Amosar todas as publicacións

1.4.25

Encontro con Berta Dávila


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 1º e 6º de primaria mantiveron un encontro con Berta Dávila autora de O libro grande dos números pequenos e O Concurso dos Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos)

Entre poesía e narrativa a escritora foi respondendo a todas as preguntas, que non foron poucas, arredor dos dous exemplares que forman parte dos títulos incluídos no Plan Lector 2024-25 do centro.

Ao tempo, asinou todos os exemplares de cada nen@ para que tanto os que iniciaron etapa de primaria como os que a rematan conten na súa biblioteca persoal cun libro de calidade en lingua galega e... asinado pola autora!

Agradecer a Xerais que nos facilitara o encontro e a Berta a súa dispoñibilidade e amabilidade para compartir o seu tempo c@s nen@s e profes do Milladoiro.

13.3.25

Encontro con Sabela Fernández

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, o alumnado de 5º de primaria asistiu ao Encontro con Sabela Fernández Trelles, autora de A miña avoa, a miña heroína.

O exemplar, que forma parte dos títulos do Plan Lector 2024-25, reflicte os medos de Laura e a tan necesaria rede de apoio na que a súa avoa é a súa heroína. Un relato altamente emotivo no que algunha das alumnas lectoras se viron reflectidas.

Sabela dinamizou o encontro con diversos materiais cos que foi dando tratamento aos puntos clave da súa aventura literaria, fantástica ou real foi unha das preguntas, a que a autora respondeu que algo de realidade persoal tamén había na historia.

Agradecemos a editorial Xerais a posibilidade de contar con Sabela Fernández, e a escritora por regalarnos un relato tan noso: as nosas raíces, as relacións familiares, o benestar emocional...

O encontro pechouse coa entrega dun pequeno agasallo para que recorde este primeiro encontro na biblioteca do noso cole, así como coa sinatura de libros da que recollemos a seguinte frase de Sabela:

Vive e soña sen medo!

Grazas Sabela, esperamos novas aventuras literarias para volver... encontrarnos, emocionarnos!

23.4.24

Encontro con Eva Mejuto: "O día que choveron gatos"

Damos continuidade ao noso Mes das Letras 2024 co encontro entre o alumnado de 6º de primaria e a autora Eva Mejuto, facilitado pola editorial Xerais.

O título do Plan Lector Anual da aula de 6º de primaria, "O día que choveron gatos", motivou o encontro para coñecer, en persoa, a escritora do libro. Ao tempo, Eva respondeu a todas as preguntas en relación co libro e con moitos outros títulos da súa autoría: a súa traxectoria vital e literaria.

Encontro con Eva Mejuto

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecemos a Eva a súa dispoñibilidade e amabilidade, o alumnado quedou encantado de coñecela e presentarlle as súas creacións artísticas ao redor do libro, mesmo puido levar un borrador da segunda parte do mesmo, escrita por Alejandro García, para a exposición de aula.

Encontro con Eva Mejuto

Achegamos o podcast gravado en Radio Balea, partindo dalgunhas das preguntas-respostas realizadas na biblio, para que o seu paso polo noso cole perdure en... escrita, imaxe e son.

Estaremos atent@s a próximas publicacións da autora.

1.6.21

Encontro en liña con Ledicia Costas

E chegou o esperado encontro con...Ledicia Costas!

O alumnado de 5ºA, 5ºB e 6º de Primaria quedaron encantad@s da videoconferencia mantida coa escritora, que dende o primeiro minuto lles amosou a súa calor humana fronte á frialdade das pantallas.

Contestou a todas as preguntas que @s nen@s tiñan preparadas, entre todas as respostas foron coñecendo que...acaba de facer a cuarta entrega da colección Os Minimortos que xa está en edición, o seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta fala coreano, un dos personaxes favoritos entre todos os seus títulos é a Señorita Bubble ou que, como Ledicia lles confesou na presentación inicial, encántalle o chocolate en todas as súas formas. 

Picando na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos e vídeos curtos do encontro.

Agradecer a Ledicia a súa amabilidade por encontrarnos, unha vez máis, no Milladoiro e a Edicións Xerais pola súa mediación para que a xuntanza virtual se materializase.

O vindeiro curso esperamos poder contar con encontros en vivo. Ata entón...quedámonos co doce sabor literario de Ledicia Costas!

11.5.21

Yolanda Castaño fala de Xela Arias

Dende Edicións Xerais de Galicia remítennos o enlace a este vídeo no que podemos desfrutar escoitando e vendo á escritora Yolanda Castaño falándonos de Xela Arias.

Recordar que contamos na exposición Leo le...LETRAS GALEGAS! co exemplar escrito por Yolanda Castaño Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias.

A seguir conectando con Xela, festexando as nosas Letras!

13.6.10

Primeiras entrevistas

As escritoras gañadoras dos Premios Merlin concederon as súas primeiras entrevistas despois de ter recibido os galardóns.
Queres escolitalas/lelas?


Iolanda Zúñiga para La Voz de Galicia e Faro de Vigo, a través de Xerais

Premios Xerais 2010: En feminino


Onte á noitiña falláronse os Premios Xerais 2010 na Illa de San Simón.

As gañadoras foron dúas mulleres nacidas no ano 75: Iolanda Zúñiga e Teresa González.

A primeira, nacida en Vigo, obtivo o galardón dotado con 25.000 € coa súa novela Periferia

A segunda, nacida no Grove, levou o Merlín de literatura infantil , dotado con 10.000€, pola súa obra A filla do ladrón de bicicletas.

Como salientan hoxe varios diarios que se fan eco da noticia, é de resaltar que ambas son moi novas, recibiron clases de Galego na escola e leron a colección Merlín cando eran pequenas. Albíscase, pois, un cambio xeracional na literatura que promete novas ides, novos enfoques, novo sangue... Unha nova xeración plagada, por que non dicilo, de mulleres escritoras.

Benvidas elas, e benvida a súa obra da que esperamos disfrutar por moitos anos.

11.12.08

Como unha novela


Autor: Daniel Pennac
Editorial: Edicións Xerais de Galicia

Aló polo ano 96, cando comezamos co proxecto da nosa biblioteca escolar actual, casualmente caeu nas miñas mans este libro. Nunca agradecerei abondo aquela casualidade
E agora que andamos ás voltas co da Hora de Ler e o PLSS, tal vez sexa oportuno que quenes xa o limos, volvamos a el e os que non o fixeron se acheguen a este libro.


"Como unha novela" é unha reflexión sobre a literatura e a súa relación co ser humano que non só interesa en calidade de educadores senón tamén como lectores.
Ao final do libro Pennac establece os dez dereitos do lector. Dereitos obvios cando pensamos en nós como lectores pero que quebrantamos cando se trata dos nen@s lectores:

1. O dereito a non ler. A liberdade de escribir non debe ir acompañada do deber de ler. Evitarase considerar a priori a calquera individuo que non le, un bruto potencial ou un cretino contumaz.

2. O dereito a saltar as páxinas. Un pode saltar perfectamente os parágrafos, páxinas ou partes do libro que non lle interesan.

3. O dereito a non terminar un libro. Hai 36.000 motivos para abandoar unha novela antes do final: a historia non interesa, sensación de tela lido antes, non gusta o tema... Un libro cáenos da man? Que caia.

4. O dereito a reler. Pódese reler simplemente polo pracer da repetición, a ledicia do reencontro.

5. O dereito a ler calquera cousa. Pódense ler malas novelas. A certa idade poden estimular o saudable vicio da lectura.

6. O dereito ao bovarismo. A satisfacción inmediata e exclusiva das sensacións. Non porque unha moza coleccione novelas rosas acabará tragando unha culler de arsénico.

7. O dereito a ler en calquera lugar. Un exemplo vale máis que mil palabras: o soldado Fulano preséntase voluntario para limpar as letrinas. É un traballo despreciable pero rápido. Un cuarto de hora de limpeza permítelle ler as obras completas de Gógol.

8. O dereito a pasar follas sen máis. Coller calquera volume da biblioteca e pasar as follas. Pódese abrir Proust, Shakespeare ou Chandler por calquera parte; seguro que proporciona cinco minutos interesantes.

9. O dereito a ler en voz alta. Ler en voz alta para un mesmo ou para os outros é un exercicio estimulante.

10. O dereito a calar. Absoluto dereito a non opinar sobre o que se leu.

Daniel Pennac. Como unha Novela
(Ver artigo en Solodelibros)
Visto en ratoMik