Amosando publicacións coa etiqueta radio balea. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta radio balea. Amosar todas as publicacións

5.5.25

Premiad@s: VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio

 

Estamos en hora boa, o podcast de 5º de educación primaria resultou premiado no VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio cunha produción propia, "A nosa herdanza", que recolle entrevistas a diversos membros da comunidade ou alleos á mesma e que gardan relación directa coa poesía popular oral, a que este ano se adica o Día das Letras Galegas 2025.

O podcast será difundido na páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio. A asignación do premio será destinada, tal e como recolle a convocatoria, a melloras no laboratorio de radio ou actividades relacionadas co seu funcionamento, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Premendo no seguinte enlace accederedes á publicación realizada no blog do 3º ciclo de primaria, para informarse, para saber máis:

A NOSA HERDANZA DE 5º DE PRIMARIA

PARABÉNS A TOD@S! Produción propia que xa forma parte da grella de programas de Radio Balea, a Radio na biblio do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.

16.5.24

Premiad@s: VI Concurso de Podcasts-Radio na biblio

Premio VI Concurso Podcasts-Radio na biblio

Estamos en hora boa, o podcast de 6º de educación infantil resultou premiado no VI Concurso de Podcasts-Radio na biblio cunha produción propia a modo de concurso que percorre a biografía de Luísa Villalta e co acompañamento do acordeón de Suso Moreira.

O podcast será difundido na páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio e a asignación do premio (1.250 €) será destinada, tal e como recolle a convocatoria do concurso, a melloras no laboratorio de radio ou actividades relacionadas co seu funcionamento, sempre vinculado á biblioteca do centro. Escoitade con atención se a Luísa Villalta queredes coñecer e ata podedes probar, a ver se sodes quen de respostar:

Acceso a memoria do proxecto  👉 MEMORIA ¨XOGANDO CON VIOLINOS¨

A aula de 4º de primaria tamén presentou ao concurso o seu podcast "Luísa Villalta, nós tamén somos activistas", que a modo de entrevista fantástica destaca a figura de Luísa Villalta, a súa implicación social e gran activismo; o mesmo que demostra o grupo de 4º desenvolvendo diversas tarefas e proxectos relacionados co coidado do medio, a reciclaxe... mellor escoitalos, porque teñen moito que contar:

PARABÉNS A TOD@S! Producións propias que xa forman parte dos programas de Radio Balea, a Radio na Biblio do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.

23.4.24

Encontro con Eva Mejuto: "O día que choveron gatos"

Damos continuidade ao noso Mes das Letras 2024 co encontro entre o alumnado de 6º de primaria e a autora Eva Mejuto, facilitado pola editorial Xerais.

O título do Plan Lector Anual da aula de 6º de primaria, "O día que choveron gatos", motivou o encontro para coñecer, en persoa, a escritora do libro. Ao tempo, Eva respondeu a todas as preguntas en relación co libro e con moitos outros títulos da súa autoría: a súa traxectoria vital e literaria.

Encontro con Eva Mejuto

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecemos a Eva a súa dispoñibilidade e amabilidade, o alumnado quedou encantado de coñecela e presentarlle as súas creacións artísticas ao redor do libro, mesmo puido levar un borrador da segunda parte do mesmo, escrita por Alejandro García, para a exposición de aula.

Encontro con Eva Mejuto

Achegamos o podcast gravado en Radio Balea, partindo dalgunhas das preguntas-respostas realizadas na biblio, para que o seu paso polo noso cole perdure en... escrita, imaxe e son.

Estaremos atent@s a próximas publicacións da autora.

13.2.24

Día Mundial da Radio 2024

 

No presente curso iniciamos a denominada ¨Semana da Radio¨ que consistiu nunha rolda de entrevistas a distintos membros da comunidade educativa que colaboraron na elaboración dun podcast co gallo do Día Mundial da Radio (13 de febreiro). Este sinalado día cadrou este ano co martes de entroido, por isto, dende Ponte...Nas Ondas! propuxeron a elaboración dun podcast que xirase arredor do entroido, facendo así unha dobre homenaxe.

Comezamos os preparativos convidando a Alberto Ordóñez, que veu darnos unha charla sobre o xornalismo, sendo posteriormente entrevistado no noso estudio polo alumnado de 6º de Educación Primaria. 

Despois desta entrevista, visitáronnos diversas persoas que de maneira directa ou indirecta participan ou participaron no entroido malpicán. Todas as visitas foron entrevistadas en Radio Balea polo alumnado de 5º de Educación Primaria. 

O primeiro día, Charo Lema tratou o entroido de Cerqueda (Madamitos e ghuardineros), o segundo día Roberto Pardo contounos en qué consiste o Enterro de Faustino e por último, Suso do Becho compartiu as súas lembranzas sobre o extinto Xogo das vacas.

Compartimos as entrevistas realizadas polo alumnado do terceiro ciclo:

O podcast resultante é unha recompilación dos momentos máis interesantes destas entrevistas e que axudan a amosar e entender en que consiste o variado, único e orixinal entroido malpicán. Premendo no seguinte enlace accederedes ao mesmo, publicado en Escolas nas Ondas:

ENTROIDO MALPICÁN

Só nos queda desexarvos, a todas e todos, un...

 FELIZ DÍA MUNDIAL DA RADIO!!

22.5.23

Mes das Letras: audiopoemas (Lab. de Son EI e 1º ciclo EP)

Os máis cativiñ@s do Milladoiro gravaron no Laboratorio de Son diversos poemas, entre eles "Coplas" de Antonio G. Teijeiro, que son pura emoción nas súas tenras voces.

Festexando o Mes das Letras, o Día da Poesía, na nosa lingua.

Que nunca nos falte a poesía, os versos d@s referentes das Nosas Letras.



11.5.23

LETRAS GALEGAS: 6º de EI

Xa queda pouco para celebrar o Día das Letras Galegas, e polo tanto para o noso Festival das Letras 2023.

Para ir abrindo boca deixamos un podcast dunha das actuacións que veremos no noso Festival. Un podcast creado polo alumnado de 6º de Educación Infantil en formato 1, 2, 3... responda outra vez!

Esperamos que vos guste!!







24.4.23

Radio na Biblio: ler teatro na radio


No día de hoxe, o alumnado biblioaxudante de Radio na Biblio estivo formándose con Charo Pita na lectura de pequenas pezas teatrais.

Un obradoiro para enriquecer a competencia comunicativo lingüística, ao tempo que atesouran unha nova experiencia radiofónica; tal e como se pode escoitar nos podcasts gravados.

Radio na Biblio: formación

Radio na Biblio: formación

Agradecemos a Charo Pita o seu bo facer: teatro lido en Radio Balea, un pasiño máis dentro do programa Radio na Biblio.

13.2.23

Día Mundial da Radio 2023

Seguindo a proposta de actividades do 2º trimestre, conmemoramos o Día Mundial da Radio gravando en Radio Balea o noso conto de produción propia, o cal ideamos entre todas e todos, ao longo do 1º trimestre, coa máquina de escribir como protagonista e dentro da actividade NÓS... tamén escribimos!

Asemade, participamos na convocatoria feita por Ponte... nas Ondas! baixo o lema Radio e Paz, proposto pola UNESCO, co podcast creado polo alumnado de 5º e 6º de EP: Rap pola Paz e que podedes escoitar a continuación.

Felicitar a todas e todos polo gran traballo desenvolto, uns podcasts contado e cantado para celebrar.

Feliz Día da Radio, hoxe e todos os días do ano.

2.12.22

Radio Voz Escolar - Radio na Biblio: Radio Balea

Antía Leal de Radio Voz
Nen@s de 5ºEP en Radio Balea

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A comezos do mes de novembro recibimos un correo da Asesoría BEGA comunicándonos que o noso colexio fora proposto pola Consellería de Educación para o programa Radio Voz Escolar: proxecto de Radio Voz en colaboración coa Consellería de Educación.

A nosa escola, como centro LIA.2, promove mediante os diversos laboratorios de aprendizaxe que nos son propios o coñecemento e uso responsable da información en múltiples formatos. Laboratorios que son implementados nos diversos espazos creativos que conforman a nosa BE-LeoLab, así é o caso do Laboratorio de Son que se desenvolve na nosa Radio na Biblio: Radio Balea.

No día de hoxe recibimos no cole a Antía (xornalista de Radio Voz) e Sonia (xefa técnica). Antía deu unha breve charla ao alumnado de 5º de E. Primaria, no presente curso biblioaxudantes de Radio na Biblio, para logo gravar no estudio de Radio Balea o programa MillaInforma, que se pode escoitar premendo no seguinte enlace:

Radio Voz: Radio na Biblio

Ademais da parte teórica e técnica da radio tamén conectaron en directo con Radio Voz Bergantiños, saudando a Fran o seu locutor, como se pode ver no seguinte vídeo.

Unha nova experiencia de vida, un agasallo de Nadal adiantado, que seguro @s nen@s non olvidarán; así como os bos consellos para a mellora na emisión de podcasts que lles deixaron Antía e Sonia, as cales agradecemos a súa amabilidade e bo facer.

A informarse... escoitando o podcast final!Seguiremos informando desde Radio Balea, a radio nas ondas!


17.6.22

Aprender a Investigar: AS NOSAS LETRAS!

Imaxe CEIP Milladoiro. Malpica

O alumnado de 6º de Primaria despide a súa andaina escolar no CEIP Milladoiro presentando o podcast MillaInforma: AS NOSAS LETRAS!. Programa no que, grazas ao traballo desenvolto ao longo do curso na área Aprender a Investigar, nos resumen a vida e obra de diversos autores galegos e autora galega.

Desexámosvos unha nova travesía chea de aprendizaxes de vida, sen olvidar as vosas raíces: Galicia.

Feliz singradura nen@s e parabéns pola vosa última produción en Radio Balea, a Radio na Biblio.

11.5.22

Radio Balea: novo sitio!

Radio Balea
Presentamos novo sitio para a nosa Radio na Biblio: Radio Balea (premendo na imaxe accederedes a el)

Un repositorio dixital onde navegar polas diferentes páxinas do seu menú e coñecer o que imos facendo cada curso escolar: programas, recursos, formación, galería e novas.

As páxinas estáticas dos blogs do centro que aloxan a Radio Balea, nacidas todas elas no curso 2019/20 en pleno confinamento, xa recollen o novo sitio ao igual que o logo Radio na Biblio situado na columna deste blog. 

Radio Balea segue gozando de moi boa saúde e, con tempo e no seu tempo, foi evolucionando, adaptándose aos novos tempos a través do Laboratorio de Son: espazo creativo ao servizo do currículo, da comunidade e a cargo do equipo de Radio na Biblio.

Seguimos comunicando nas ondas... Radio Balea, a Radio na Biblio!

Axenda 2030

8.3.22

8M: tarefa de TOD@S!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Conmemoramos o Día Internacional da Muller, de TODAS e... de todos porque a igualdade de xénero é tarefa de TOD@S!

Coa exposición Leo le... 8M! divulgamos lecturas arredor de Mulleres que se fai necesario valorar, iluminar e de valores de igualdade tan necesarios... aínda a día de hoxe.

No corredor do 2º andar o alumnado de 6º de Primaria, coa súa titora Uxía guiando, elaboraron o mural Muller tiña que ser!. Un mural para investigar, para documentarse sobre diversas Mulleres protagonistas da historia e relacionar diversas imaxes (obxectos, ideas...) coa ilustración de cada unha delas.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Agradecemos a colaboración da titora e o seu alumnado para sumar, para compartir recursos con tod@s nunha data moi especial.

Asemade, ao longo deste mes estamos implementando o Laboratorio de Son arredor do noso PDI e o Día da Muller, Oficio e tradición... en feminino! Mulleres e oficios en forma de entrevista escrita e realizadas na nosa Radio Balea para valorar a nosa tradición, visibilizando o relevante papel das nosas Mulleres.

Rememorar a actividade desenvolta no 1º trimestre arredor do Día das Escritoras e Día das Bibliotecas, implementando o Laboratorio Documental a través do cal puxemos cara a

18 ESCRITORAS GALEGAS. Mulleres para coñecer, para ler!

Por e para unha educación en igualdade de xénero hoxe e todos os días do ano.






13.2.22

Día Mundial da Radio: Teresa dos Cucos

Hoxe celebramos o Día Mundial da Radio 2022 sumándonos a iniciativa de Ponte... nas Ondas!: a Radio do Patrimonio, que este ano garda estreita relación co noso PDI de centro.

Felicitar ao alumnado de 5º de E. Primaria que coa orientación de Breogán, o seu titor, e o apoio do Equipo de Radio realizaron un fabuloso traballo de investigación, documentación e comunicación entrevistando a Teresa dos Cucos, Mestra da Memoria 2021.

Imaxe de www.axendacultural.aelg.gal
Feliz Día da Radio a tod@s!

12.4.21

Visita de Kalandraka: premio!

 

Comezamos abril, mes dos libros e...agasallos!

O pasado venres, 9 de abril, recibimos a visita de Kalandraka, representada por: Ricardo Rodríguez do Departamento Comercial, Bea Campos (reporteira) e J.M. Sagüillo (cámara) do equipo de Kalandraka TV

A visita tivo como principal motivo agasallar a cada neno/a cun libro e un lote de libros para a Biblioteca polo heroico traballo reflectido no vídeo Entroido 2021: SH Milladoiro! que realizamos entre tod@s para festexar un entroido "diferente" ao ritmo da canción "Superheroe, superheroína" de Paco Nogueiras, canción incluída no seu último libro-CD Extra! editado por Kalandraka.

Todos os libros-agasallo que repartiron entre o noso alumnado viñan seleccionados por idades lectoras, así: 

  • E.Infantil recibiu Janosch (libro-puzles)
  • 1º e 2º de Primaria recibiu Unha festa sorpresa de Pat Hutchins
  • 3º e 4º de Primaria recibiu  Allumette de Tomi Ungerer
  • 5º e 6º de Primaria recibiu O tesouro agochado de Paul Maar

As biblioaxudantes de 6º de Primaria exerceron de anfitrioas para guialos polos diferentes espazos do colexio, namentras gravaban: entrega de agasallos, espazos creativos BE-LeoLab...

O alumnado de 5º de Primaria, biblioaxudantes de Radio na Biblio, entrevistaron a Ricardo para coñecelo e coñecer un pouco máis o mundo do libro. Unha entrevista moi ben preparada polo alumnado, mais sorpresa para o entrevistado que non sabía que ía ser o proragonista do día en Radio Balea.

Agradecer a amabilidade de Bea, Sagüillo e Ricardo, equipo Kalandraka, con tod@s.

Picando na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos do día.

Parabéns a nosa comunidade educativa, non participamos en ningún concurso ou certame; mais é de agradecer o recoñecemento feito por Kalandraka ao traballo realizado con ilusión, motivación, esforzo e colaboración, á educación con corazón.

Seguimos...lendo, construíndo, vivindo!

11.2.21

Día Mundial da Radio: Radio Balea

O vindeiro 13 de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio e para conmemoralo unímonos á proposta feita por Ponte...nas Ondas!: preséntasnos a radio do teu centro?

As/os biblioaxudantes de 5ºB: Daniela, Antía e Pablo, foron as/os encargadas/os de locutar esta marabilla de podcast no que narran moi ben como naceu e se foi conformando Radio Balea, a nosa Radio.

Parabéns polo fantástico resultado!

Seguimos comunicando, emocionándonos...nas ondas de Radio Balea.



21.2.20

Cuña publicitaria. Xornada de portas abertas 2020



O xoves 27 e venres 28 de febreiro o noso colexio abre as súas portas a todas aquelas familias que queiran vir a coñecernos.
Facilitaremos ás familias interesadas toda a información necesaria para o período de admisión de alumnado de cara ao vindeiro curso 2020/21 que se abre do 1 ao 20 de marzo e a posterior formalización de matrícula. Toda esta información tamén estará dispoñible na nosa páxina web.
Esta cuña publicitaria foi realizada polo grupo 4 do Laboratorio de Son dos máis peques do cole na nosa Radio Balea. Parabéns polo traballo realizado!

Vide ao Milladoiro!