
Corría o ano 1965. 18 de Xaneiro. Un tremendo temporal tirou o muro da Atalaia. A xente non daba créto. Ningunha desgraza persoal pero moitas nos barcos. E, en Malpica, os barcos fan parte da familia. Xa non se celebrou a Festa dos Casados que sería, coma sempre, o día de S. Sebastián.
Un ano despois, 1966. 20 de Xaneiro. Un tremendo temporal rompe o muro da dársena pouco antes de comezar a verbena. De novo non houbo danos persoais. De novo unha desfeita nos barcos.
A festa dos casados non se volveu celebrar durante moitos anos.
Tódolos mariñeiros de Malpica saben que o inverno, inverno ven entre xaneiro e febreiro. Agora tamén saben que se chama
cicloxénese explosiva.
De feito, aquí hai un refrán que di:
Se sae San Xulián, non sae S, Sebastián.
Para os non iniciados, direivos que S. Xulián celébrase o 8 de Xaneiro e S. Sebastián o 20 deste mesmo mes)
Así que xa sabedes como se chama o de hoxe...e tamén, ¡que non é nada novo! Preguntade na casa.
A min contáronmo: Choriña, Carlos o peluquero, Mucha da Atalaia e Tito de Peseta.
¡Ah! e non deixedes de visitar a páxina do
Museo do Mar e mirar as fotos con papá, mamá, os avós... eles iranvos explicando o que vedes.
Porque é importante saber de onde vimos para saber a onde imos.
Desa páxina provén a foto que ilustra esta entrada.