Amosando publicacións coa etiqueta be-leolab. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta be-leolab. Amosar todas as publicacións

21.5.26

Lectura e Familias 2025-26

Un curso máis, e xa van catro, desenvolvemos o programa Lectura e Familias: educa-tribo.

Un programa que permite a lectura compartida coas familias e entre iguais, así como sesións formativas.

Achegamos listaxe das actividades que se inclúen no programa:

  • Hoxe le..., sesións de lecturas compartidas entre iguais.
  • Educa-tribo, sesións formativas impartidas polas familias: lámpadas de lava, calceta, pintura e flores con lazos.
  • Concerto de Pakolas, As máis molonas!, programado para pechar o curso escolar.

Agradecid@s a toda a comunidade pola súa colaboración e implicación na implementación do programa, que inclúe actividades xa sistematizadas na nosa biblioteca.

Felices lecturas!

14.10.25

Proposta de actividades 2025-26

Premer na imaxe para acceder ao documento

Presentamos a proposta de actividades en relación co novo Proxecto Documental Integrado que inicamos no presente curso, "Marabillarte". Unha proposta que recolle actividades anuais e trimestrais, entre as cales destacamos as propostas de cada ciclo en relación con conmemoracións varias.

Actividades como os nosos Laboratorios de Aprendizaxe, nos que o uso de espazos e recursos creativos da Biblioteca Escolar-LeoLab son un privilexio ao que non podemos renunciar: metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes, non sendo o libro de texto a única fonte de consulta nin a aula ordinaria o único espazo educativo.

Ao tempo, a proposta acolle actividades sistematizadas e que nos son propias: dinamizando a linguaanimando á lectura, á escritura, a creación de producións propias e facilitando/favorecendo a búsqueda, tratamento e comunicación ética da informaicón, xunto co coñecemento e uso dos fondos da nosa biblio (novidades, teatro, banda deseñada, ensino...), entre outras.

Un novo curso para seguir lendo, escribindo... informándonos!


22.9.25

Plan Anual de Biblioteca-Leolab 2025-26

 
Premer na imaxe para acceder ao documento

Presentamos o Plan Anual de Biblioteca-Leolab (PAB) para o curso que iniciamos. Un plan que muda de nome (ata o presente curso Plan Lector Anual), mais segue reflectindo a esencia do que somos e facemos no CEIP Milladoiro, coa súa Biblioteca-Leolab como recurso imprescindible ao servizo do currículo e da comunidade.

O PAB completa o trío documental da Biblioteca-Leolab xunto co Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información (PLEA) e o Plan de Biblioteca-Leolab (PB), aos cales podedes acceder desde o apartado Documentos da columna dereita do presente blog.

O PAB, que será integrado nas Programación Didácticas de Aula, acolle obxectivos, actividades, organización espazo-temporal e itinerarios lectores, entre outros apartados. Itinerarios que se reforzan cos títulos do Plan Lector 2025-26.

Premer na imaxe para acceder ao documento

Ao tempo, iniciamos unha nova aventura competencial co PDI "Marabillarte", incluído no PAB, na procura de máis lectura, información e aprendizaxe arredor dun centro de interese que nos une: as 7 artes.

Leo anímate a... MARABILLARTE! 

Novo curso... novos retos, novas aventuras!

20.6.25

Un PDI... do máis natural!

Chegamos a porto, unha nova singradura chega ao seu fin. Presentamos un resumo audiovisual do PDI que nos ocupou os dous últimos cursos escolares: experiencias de vida do máis naturais.

Agradecid@s a toda a comunidade, pola súa implicación en cada actividade, polas responsabilidades individuais e colectivas, dentro e fóra do horario lectivo, para que a nosa escola bibliotecaria continúe a senda da educación de calidade, pública e rural, por e para tod@s.

29.5.25

Clausura BE-Leolab 2024-25

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un curso máis realizamos a clausura da Biblioteca Escolar-Leolab facendo entrega dos recoñecementos, máis que merecidos, a alumnado e aulas: voluntariado solidario, lectura, radio, reciclaxe, actividades lúdicas e deportivas.

Un mar de experiencias vividas e compartidas ao longo dun curso no que finalizamos un novo PDI e valoramos o esforzo, a implicación e a solidariedade da nosa pequena comunidade, como se reflicte no seguinte vídeo co que pechamos o acto de clausura: lectura, información e aprendizaxe ao servizo do currículo e de tod@s, compensando as desigualdades de partida.

Clausura BE-Leolab 2024-25 de bemilladoiro

Despedir o curso rememora vivencias e emocións compartidas, e o noso "ATA PRONTO E FELIZ TRAVESÍA" vai dirixido ao alumnado de 6º de primaria que pecha unha etapa para iniciar outra, mais ben saben que esta sempre será a súa escola bibliotecaria.

Continuará!

Feliz verán lector!

26.5.25

Formación Radio na biblio

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 4º e 5º de primaria desenvolveron a formación de Radio na biblio con Damián Alonso, de Ponte... nas Ondas!

As/os biblioaxudantas/es de Radio na biblio (5º de primaria) e o alumnado que os sucederá o vindeiro curso (4º de primaria) traballaron técnicas de expresión oral xunto coa edición dun guión e a súa posterior gravación.

O vindeiro curso, máis (in)formación!

22.5.25

Lectura e familias: educa-tribo

Un curso máis, e xa van tres, desenvolvemos o programa Lectura e Familias: educa-tribo.

Un programa que permite a lectura compartida coas familias e entre iguais, así como formación para toda a comunidade.

Achegamos enlaces ao álbum de fotos das lecturas compartidas e das formacións, premer en cada título para acceder:

  • Hoxe le..., sesións de lecturas compartidas entre iguais.
  • Nadal en familia! impartido por diversas familias, baixo a organización de cada titoría.

Agradecid@s a toda a comunidade pola súa colaboración e implicación na implementación do programa, que inclúe actividades xa sistematizadas na nosa biblioteca.

O vindeiro curso máis lectura e familias!

 

9.5.25

AS NOSAS LETRAS!: poesía popular oral

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do curso, a exposición AS NOSAS LETRAS! seguiu adicada a escritoras/es galegas/os e homenaxeadas/os nas Letras Galegas: Concha Blanco, Rosalía de Castro e as cantareiras e pandeireteiras.

Exposición que foi mudando cada trimestre, renovando exemplares e facilitando novos códigos QR para acceder a recursos en liña.

Nas imaxes podemos ver a última exposición do curso, no noso Mes das Letras, e a cartelería en homenaxe á poesía popular oral. Homenaxe que a Real Academia Galega celebrará no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños o vindeiro sábado 17 de maio, por ser o concello natal das Pandereteiras de Mens; tal e como se recolle na programación do Concello de Malpica que podedes ver na seguinte imaxe.

Agradecemos ao Concello de Malpica de Bergantiños a doazón que, como cada curso escolar, realiza polo Día das Letras Galegas. Na imaxe podedes ver os exemplares doados, que pasarán a formar parte do catálogo da nosa biblioteca:

A lingua galega soa e resoa na nosa escola, divulgando, dinamizando, valorando o noso rico patrimonio inmaterial: coidado, preservación e transmisión da lingua todos os días do ano.

5.5.25

Premiad@s: VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio

 

Estamos en hora boa, o podcast de 5º de educación primaria resultou premiado no VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio cunha produción propia, "A nosa herdanza", que recolle entrevistas a diversos membros da comunidade ou alleos á mesma e que gardan relación directa coa poesía popular oral, a que este ano se adica o Día das Letras Galegas 2025.

O podcast será difundido na páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio. A asignación do premio será destinada, tal e como recolle a convocatoria, a melloras no laboratorio de radio ou actividades relacionadas co seu funcionamento, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Premendo no seguinte enlace accederedes á publicación realizada no blog do 3º ciclo de primaria, para informarse, para saber máis:

A NOSA HERDANZA DE 5º DE PRIMARIA

PARABÉNS A TOD@S! Produción propia que xa forma parte da grella de programas de Radio Balea, a Radio na biblio do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.

25.4.25

Obradoiro creativo: "Monstr3s"

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 4º, 5º e 6º desenvolveron un obradoiro con Laura Parrula (Laura Sáez) e Óscar Villán, da editora Patasdepeixe.

O exemplar da súa autoría,  "Monstr3s", foi o elemento dinamizador para mergullarse na vida dos libros: partes dun libro, proceso creativo, texto, ilustracións, edición...

Un obradoiro creativo que permitiu coñecer ao alumnado a creación dun libro dende a idea inicial ata o produto final, pechando así a semana na que conmemoramos o Día Mundial do Libro 2025.

Agradecid@s a Laura e Óscar pola súa amabilidade e por dar vida aos tan necesarios libros en diferentes soportes e formatos.

27.3.25

Coñecendo a... Photon Robot!

O alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, grazas ao orzamento do Programa Innova, coñeceu e experimentou con Photon Robot, un novo recurso da nosa biblio creativa.

Da man de Flor, de Maker Store by Allknow de Carballo, programaron a Photon Robot para chegar a diversas emocións que foron descubrindo mediante un relato contado.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Seguimos ampliando recursos e formación en programación e intelixencia artificial para mellorar o ser e o saber... facendo!

 

19.12.24

Educa-tribo aulas: Nadal en familia!

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do mes de decembro e grazas á colaboración das familias, as aulas desenvolveron diversos educa-tribo para celebrar a chegada do Nadal... en familia!

Nos diversos blogs de ciclo aparecen os educa-tribo implementados, creatividade en acción: adornos, sobres, postais, pompóns, galletas, minilibros e ata teatro na biblio.

Agradecid@s a todas as familias colaboradoras: educa... a tribo enteira!

26.11.24

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos, que se irá incrementando

Ao longo do mes de novembro, seguindo a proposta de actividades en relación co PDI, todos os grupos-aula integraron nas súas programacións a experimentación, en galego, en relación co PDI e con contidos diversos: densidades, estados da materia, mesturas, enerxía, forzas, tecnoloxía...

Pechamos o mes visitando as exposicións de cada aula para experimentar e compartir aprendizaxes: a nosa escola bibliotecaria é... un gran laboratorio!

A ciencia na nosa lingua, en todas as linguas, para chegar ao coñecemento... este mes e todos os meses do ano!

22.11.24

Do Milladoiro a Albacete: XII Jornada de bibliotecas escolares y proyectos de lectura

BE-Leolab y su visión 3C: Comunicación, Ciencia y Creatividad de Fátima Romero Olveira

O pasado 20 de novembro asistimos á XII Jornada de bibliotecas escolares y proyectos de lectura que se celebrou en Albacete.

Unha xornada á que fomos invitad@s para falar sobre a nosa escola bibliotecaria: CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños, unha escola pública e rural que, en comunidade e con identidade, persegue, curso tras curso, a mellora da calidade educativa ao abeiro da súa BE-LeoLab.

Un pracer compartir experiencias educativas con compañeir@s de Albacete que uniron forzas, bibliotecas escolares e bibliotecas públicas, para facilitar formación de calidade a mestras/es, bibliotecari@s... Formación que, en Galicia, é unha realidade desde hai máis de 15 anos coas Xornadas e Encontros desenvoltos pola Asesoría BEGA.

Agradecid@s de que tiveran en conta o noso proxecto de escola bibliotecaria, só nos queda dicir que seguimos traballando con corazón, responsabilidade e humildade por e para unha educación inclusiva, equitativa e de calidade (obxectivo 4 da Axenda 2030)

7.11.24

Biblio creativa con... Anxo Fariña!

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos, que inclúe vídeo

No día de hoxe, visitounos Anxo Fariña para desenvolver a formación de biblioteca creativa:

  • "Divermonstros" foi o obradoiro dirixido ao alumnado de 6º de educación infantil, 1º, 2º e 3º de primaria. Pasárono... de medo!
  • "Cidade Violeta" foi o obradoiro dirixido ao alumnado de 4º e 5º de educación primaria. Creando e concienciando.
  • "Ilustración" foi o obradoiro dirixido ao alumnado de 6º de educación primaria. Técnicas e pequenos trucos para ser grandes ilustradores/as.
Agradecemos a Anxo o seu bo facer e o lote de libros que nos deixou a modo de agasallo para ampliar os nosos fondos; así como as súas ilustracións e dedicatorias.


Todo un éxito contar con profesionais tan expertos coma Anxo Fariña. Moita aprendizaxe creativa e divertida, repetiremos!

24.10.24

Día das Bibliotecas 2024: BE-LeoLab Milladoiro

Conmemoramos o Día das Bibliotecas co mural "Elas escriben... Teatro en Galego" para pór en práctica a formación de usuari@s e con este vídeo-resumo do inicio do curso na nosa Biblioteca Escolar-LeoLab Milladoiro.

Os recreos na biblio-leolab, o labor solidario de voluntari@s biblioaxudantes de 6º de primaria ou as diversas exposicións son protagonistas no día de hoxe,

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos
que se irá incrementando ao longo do curso

Ao lema do Día das Bibliotecas, Por un futuro sostible, só queremos engadir...

No que nunca nos falten...
as bibliotecas!

7.10.24

Proposta de actividades 2024-25

 

Premer na imaxe para acceder ao documento

Presentamos a proposta de actividades para o curso que nos ocupa. Unha proposta que recolle actividades anuais e trimestrais, entre as cales destacamos as propostas de cada ciclo en relación con conmemoracións varias.

Actividades como os nosos Laboratorios de Aprendizaxe, nos que o uso de espazos e recursos creativos da Biblioteca Escolar-LeoLab son un privilexio ao que non podemos renunciar: metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes.

Ao tempo, a proposta acolle actividades sistematizadas e que nos son propias: dinamizando a lingua, animando á lectura, á escritura, a creación de producións propias e facilitando/favorecendo o coñecemento e uso dos fondos da nosa biblio (novidades, teatro, banda deseñada, ensino...), entre outras.

Avante toda e... a seguir lendo, informándonos e aprendendo!



12.9.24

Plan Lector Anual 2024-25

 
Premer na imaxe para acceder ao documento

Iniciamos nova singradura, curso 2024-25, dando continuidade ao Proxecto Documental Integrado "Medicus curat natura sanat" e as actividades de biblioteca que serán integradas nas Programacións Didácticas de aula mediante o Plan Lector Anual.

Un plan que dá continuidade ao que somos e facemos no CEIP Milladoiro: lectura, información e aprendizaxe. Ao tempo, inclúe os diversos itinerarios lectores para ir incrementando a biblioteca propia e persoal do alumnado de educación primaria e que podedes ver premendo na seguinte imaxe:

A nosa BE-LeoLab favorece e facilita metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes, e só mediante a responsabilidade individual e as accións colectivas (familias, profesorado, comunidade...) podemos ofrecer unha educación de calidade, acorde ao tempo no que vivimos: unha escola bibliotecaria con corazón, un cole que facilita aprendizaxes de vida e para a vida.

Viñeta de Xosé Tomás en www.nosdiario.gal

Bo inicio de curso a tod@s!

19.6.24

IV Feira LeoLab

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe celebramos a IV Feira LeoLab realizando diversidade de actividades, grazas aos privilexiados espazos e recursos creativos cos que contamos.

Actividades que se realizaron por grupos internivel ata completar o Pasaporte LeoLab, unha xornada desenvolvendo robótica, makey-makey, scratch, pensamento computacional, oralidade, creatividade, producións sonoras...

Achegamos, en formato vídeo, unha escolma das producións propias creadas con moita imaxinación e recursos lúdicos e dixitais na actividade realizada na biblio: "Contamos?"

O vindeiro curso máis actividades creativas para tod@s.

10.6.24

Despedindo o curso: "Día da Familia"


O venres 21 de xuño, último día lectivo do curso 2023-24, invitamos a comunidade á Xornada de Portas Abertas para compartir xogos populares, en familia, e actividades creativas nos postos dos nosos Laboratorios de Aprendizaxe: produtos finais da implementación dos mesmos ao longo do curso e variedade de actividades e recursos creativos.

Se hai dispoñibilidade, non dubidedes en compartir a xornada c@s vos@s fill@s para despedir un curso de aprendizaxes vívidas e construtivas.