Amosando publicacións coa etiqueta boas novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta boas novas. Amosar todas as publicacións

4.5.12

Ciencia e tecnoloxía

Hoxe inaugúrase na Coruña o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología) despois de sucesivos aplazamentos na data.
Trátase dun novo museo construido pola deputación provincial e cedido para o seu uso á rede de museos do Ministerio de Educación e Ciencia.
Está no barrio de Labañou e son cinco mil metros cadrados para albergar unha colección que non está ben definida pois serán pezas itinerantes.
Conta cun robot, Pepexán, que é o encargado de guiar as visitas, entre outras cousas. A este personaxe vanlle facer unha compañeira que se vai chamar Marilú , no máis puro estilo da historia de Eva e Adán.
Pepexán conta xa co seu propio blog e perfil nalgunhas redes sociais.
Esperemos que aprenda idomas porque, de momento, tanto o seu blogue como a páxina do museo só se atopan nunha lingua: o castelán.
E, digo eu, que se pagamos o edificio e está na Coruña... debería falar coma nós ¿ou non? Ademáis, chamándose con nome tan do país, seguro que naceu por aquí, así que.... debería aprender, porque a ciencia tamén se pode explicar en galego
Esperamos do museo que serva, de verdade coma motor da curiosidade e a aprendizaxe.

2.3.12

BN (IV)-Unha nova Rosalía

O xornal Certo Xornal achegounos o pasado día 24 unha nova, NOVA d eevrdade: a publicación dunha fotografía inédita de Rosalía de Castro.
A imaxe, reflicte unha muller fachendosa, con xoias e moi elegantemente vestida que mira á cámara chea de dignidade e orgullo: unha señora.
Vamos... nada que ver coas fotografías que ata o momento coñeciamos de Rosalía na que nos ofrecía unha imaxe de muller coitada, triste, vestida con descoido...
Un achádego magnífico para conmemeorar o 125 aniversario do seu nacemento.
Esta nova imaxe cadra moito millor coa poeta universal que coñecemos: a muller que rompendo con tódolos tabúes do seu tempo non só escribiu senon que o fixo en galego e tocando tódolos temas.
¿Que clase de persoa hai que ser para escribir A xustixa pola man, por exemplo? Pois, non precisamente  unha mulleriña malpocada, non; máis ben unha muller intelixente, orgullosa, sagaz, valente e cun grande sentido do humor..
Na miña opinión: a muller que reflicte esa fotografía.
De como a figura de Rosalía foi tratada por literatos e historiadores, dá fe o feito de que aínda non dispoñamos dunha biografía súa completa e definitiva. Si, hai estudos parciais e espallados pero... non esquezamos que foi unha muller nun mundo de homes. E que, o seu propio marido, un literato de cuarta fila,  foi un deles, un dos que pretenderon reducir a súa figura chegando mesmo a destruir cartas, poemas e outros materiais despois da súa morte.
Pero ela levántase orgullosa desde a súa obra e o coñecemento que hoxe temos dela fai que se nos revele cada día con máis forza, coma unha literata de tamaño universal.
Colle calquera dos seus poemas e comproba que é tal a súa universalidade, que puido ser escrito... onte mesmo.
Como exemplo: Xan, cantado e musicado polo grupo Quempallou:

23.2.12

BN (III)Ciencia de alto nivel na escola pública galega

Hoxe temos que felicitar ó CPI de Dices (Rois), a Laura e a María (dúas alumnas dise centro), ós profesores que as animaron a chegar tan alto como podían e a tódolos nenos e nenas que acuden cada día ós centros públicos de educación.

Resulta que estas dúas mozas veñen de gañar un concurso no que se dirimía saber quen conseguiría que o seu experimento fose efectuado no espazo: na ISS
O contido do experimento podedelo consultar en calquera web e, ademáis, vouvos deixar o video no que elas mesmas o explican. Pero, o que hoxe me parece unha nova EXCELENTE é que se trate dun centro rural, público e galego.
Agora que cada día temos que escoitar como somos insultados e vapuleados, que calquera sen pedrille permiso ó entendemento pode porse a opinar sobre a escola pública, os profesores e profesoras, a medicina públicas.... e descalificar canto se lle ocurra. Agora... precisamos destes exemplos.
E eu, que algo saberei desto, asegúrovos que as Lauras e as Marías, e os profes que as animan diariamente e lles transmiten a confianza e os coñecementos suficientes coma para destacar deste xeito... ¡están nacendo tódolos días!
Serei unha romántica pero...¿que queredes? a min estas novas emociónanme.
Deixovos o video. E mirade que soltiñas falan en inglés ¡dá xenio velas!

Ampliar a nova

20.2.12

BN (II) Enrugas

A película galega de animación Enrugas, conseguiu onte un doble galardón na entrega dos principais premios anuais do cine español: os Goia.
Foron o Goia á Millor Longametraxe de Animación e o Goia ó Millor guión adaptado.
Esto último marca de verdade un fito na historia do cine pois, por primeira vez unha película de animación cólase entre os recoñecementos que non lle son específicos. De feito competía, por exemplo, con La piel que habito.

A película foi feita pola coruñesa Perro Verde Films, e conta coa música de Nani García executada pola Real Filharmónica de Galicia.
É sabido o peso que o cine de animación galego ten no mundo pero estes premios axudan a visibilizar o traballo e a valía.
Xa o libro, que en Galicia foi editado por El Patito Editorial, tivo un grande éxito probablemente pola actualidade do tema ( a enfermidade de Alzheimer e as residencias de anciáns) pero non só... O que realmente é marabilloso é o tratamento que nel se fai dese inmenso drama: con tenrura, con humor, con esperanza, con delicadeza... con amor!
Se xa no seu día recomendamos a súa lectura, hoxe convidamos a ir ó cine e disfrutar coa película.
En canto se dite en DVD, prometemos incorporala ós noso fondos.

É unha boa nova, non só polo que ten de premio e relevancia. Máis aló diso, pon de manifesto que non sempre é preciso marcharse para triunfar. Non.
Podemos crear riqueza aquí.
Somos quen.

10.2.12

Boas novas I: Humor e cerebro feliz

Imos inaugurar hoxe unha nova sección que tentaremos manter tódalas fins de semana: trataremos de ofrecervos cada semana unha boa nova. Porque se producen tódolos días descubrimentos, sucesos, pasos adiante... que fan que vivamos máis felices. Por que a carón de toda esa sarta de despropósitos que vemos nos telexornais, milleiros de cidadáns en todo o mundo traballamos para avanzar, para vivir nun MUNDO MELLOR.
Pensamos que é necesario pois, cada vez con máis frecuencia e mesmo sen decatarnos, poñemos a mirada só nas cousas negativas de canto vai/nos vai sucedendo. E precisamos manter unha certa dose de optimismo: en nós mesmos e na Humanidade.
Inauguramos hoxe esta sección co estudo levado a cabo pola catedrática de Bioquímica da Universidade de Navarra Natalia López Moratalla e presentado este luns no XL Seminario de Centros Educativos desa universidade.
No seu estudo, a profesora explica o mecanismo cerebral que nos fai rir, concluíndo que a risa é convivencia: "Las personas que nos hacen reír nos hacen felices no tanto porque nos hacen pasar un buen rato, sino porque en el fondo, cuando nos reímos, aunque las cosas estén muy negras, todo se relativiza un poco y eso nos fortalece mucho el cuerpo también"
AQUI un artigo que explica o mecanismo
Conclusión: rir, modifica o noso cerebro, fortalece o carazón e xenera respostas físicas positivas.
Pois... Alá! A rir toda a fin de semana!