Aqueles talleres eran a FP das mulleres galegas. Lugares nos que se sentaban en círculo en sillas costureiras, lugares de charla e de bromas (Vai buscar a pedra de afiar as agullas, era un encargo frecuente para a recén chegada) de complicidades, de rivaliades, lugares de coñecemento moi especializado: multitude de tipos de oxais, de sisas, de cuellos, de petos, de telas...cada un co seu nome propio. Autenticos templos de aprendizaxe. O mundo en feminino.
Traballo senlleiro da conciliación familiar, podía facerse na propia casa. Tódolos fogares tiñan un cuarto da costura cando aínda non era moda que cada fillo tivese o seu dormitorio.. Esta fonte de ingresos, nunca suficientemente valorada, permitiu pagar o transporte dos fillos para ir estudar, pagar a letra do coche ou do piso recén adquirido, pagar...Senlleiro tamén en innovación e documentación: da máquina de levar na cabeza, pasaron á de pé e á automática. Calquera costureira era quen de interpretar complexos planos, tamén chamados patróns, e lía con facilidade revistas extranxeiras sabendo que burda significa centro de documentación de moda.
Logo chegou o listo para levar e a confección barata. E foron desaparecendo as tendas de telas e os talleres. Algunhas, tentaron facerlle a competencia á producción industrial etiquetando co seu nome as prendas que saían do seu taller. Pero non sobreviviron.
Hoxe. Cada mañá, un exército silandeiro de mulleres percorre os camiños (agora en coche) para entrar a tempo nos talleres industriais nos que se sentan en filas de costas unhas ás outras, descoñecen o proceso completo da cofección e cobran infrasalarios. Pero están aseguradas. E cosen, en xeral, para unha firma masculina.
Na lembranza de Carme, Maruxa, Tiluca, Victoria, Reme, Loli e todas cantas vos fixeron a roupa.
Nota: na foto, María Miramontes
Completo a celebración con esta canción que, a min segue a pórme os pelos de punta. No primeiro plano fala de emigración, e ademáis... ¿lemos ente liñas?