Amosando publicacións coa etiqueta 6º EP. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 6º EP. Amosar todas as publicacións

13.5.26

Biblioteca creativa: "Unha formación... DE CINE!"

 Os pasados martes 5 e 12 de maio o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria recibiu a formación de Andrés Sanjurjo, da produtora Acariño Films. Con el viviron a experiencia de como é realmente planificar, elaborar e gravar unha película.

Nun primeiro achegamento, explicoulles diferentes aspectos do cine: as súas fases, os planos, os equipos artísticos cos que contar para poder facer unha produción audiovisual... Despois, en grupos, o alumnado deseñou a súa propia curtametraxe, onde debían consensuar aspectos relevantes como, no só o guion e os actores, senón o vestiario, a escenografía, os cámaras ou os especialistas de son.

O seguinte martes, Andrés acompañou e guiou ao alumnado na realización de todas as tarefas para crear a súa propia curtametraxe: o alumnado repartiuse nos diferentes equipos, como dirección, cámaras, técnicos de son... A implicación de todo o alumnado foi incrible, consensuando cada decisión que había que tomar e actuando como verdaderos profesionais deste marabilloso sector.

Grazas pola implicación, Andrés! Cativada e profesorado aprendimos moitísimo! 

Se clicades aquí, podedes ver o guion elaborado, con mooooita axuda de Andrés, por cada un dos grupos de alumnado. Clica na imaxe para acceder á galería!



Esta actividade está enmarcada dentro do programa Biblioteca Creativa da Consellería de Educación.

15.10.25

AS NOSAS LETRAS: Fina Casalderrey

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Iniciamos curso coa exposición trimestral adicada a autorías galegas, AS NOSAS LETRAS!

No 1º trimestre celebramos a escrita de Fina Casalderrey, mestra, escritora e membro da Real Academia Galega. Autora que é imprescindible coñecer e... ler!

Ao tempo, a exposición é un excelente recurso para apoiar o itinerario lector de 6º de primaria, que acolle no Plan lector 2025-26 o exemplar de Fina, Dúas bágoas por Máquina. Exemplar ao que tamén darán tratamento no programa solicitado no presente curso: Clubs de lectura.

Leo anímate a... marabillarte con Fina Casalderrey!

1.4.25

Encontro con Berta Dávila


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 1º e 6º de primaria mantiveron un encontro con Berta Dávila autora de O libro grande dos números pequenos e O Concurso dos Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos)

Entre poesía e narrativa a escritora foi respondendo a todas as preguntas, que non foron poucas, arredor dos dous exemplares que forman parte dos títulos incluídos no Plan Lector 2024-25 do centro.

Ao tempo, asinou todos os exemplares de cada nen@ para que tanto os que iniciaron etapa de primaria como os que a rematan conten na súa biblioteca persoal cun libro de calidade en lingua galega e... asinado pola autora!

Agradecer a Xerais que nos facilitara o encontro e a Berta a súa dispoñibilidade e amabilidade para compartir o seu tempo c@s nen@s e profes do Milladoiro.

18.2.25

Encontro con Icía e Xosé Manuel Varela

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 5º e 6º de primaria mantivo un encontro cos autores de "Cantareiras", Icía e Xosé Manuel Varela.

Un libro no que fan un percorrido polo legado da música e a poesía popular: Pandereteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás; mulleres homenaxeadas o Día das Letras Galegas 2025.


Pecharon o encontro cantando e tocando, para celebrar a nosa rica tradición oral: patrimonio inmaterial que debemos conservar e preservar; así como realizando unha entrevista en Radio Balea, polo alumnado de 5º de primaria, que a continuación podedes escoitar:

Agradecemos a Icía e Xosé Manuel a súa dispoñibilidade para vir a presentarnos o seu libro, que xa forma parte do catálogo da nosa biblio, con dedicatoria incluída.

.

23.4.24

Encontro con Eva Mejuto: "O día que choveron gatos"

Damos continuidade ao noso Mes das Letras 2024 co encontro entre o alumnado de 6º de primaria e a autora Eva Mejuto, facilitado pola editorial Xerais.

O título do Plan Lector Anual da aula de 6º de primaria, "O día que choveron gatos", motivou o encontro para coñecer, en persoa, a escritora do libro. Ao tempo, Eva respondeu a todas as preguntas en relación co libro e con moitos outros títulos da súa autoría: a súa traxectoria vital e literaria.

Encontro con Eva Mejuto

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecemos a Eva a súa dispoñibilidade e amabilidade, o alumnado quedou encantado de coñecela e presentarlle as súas creacións artísticas ao redor do libro, mesmo puido levar un borrador da segunda parte do mesmo, escrita por Alejandro García, para a exposición de aula.

Encontro con Eva Mejuto

Achegamos o podcast gravado en Radio Balea, partindo dalgunhas das preguntas-respostas realizadas na biblio, para que o seu paso polo noso cole perdure en... escrita, imaxe e son.

Estaremos atent@s a próximas publicacións da autora.

22.3.24

Formación Biblio Creativa: E-textiles

O alumnado de 6º de primaria desenvolveu a formación de Biblio Creativa da man de Cati e Flor de Maker Store (Carballo).

Os e-textiles foron o contido protagonista: tecidos que inclúen compoñentes electrónicos como baterías, LEDs, sensores...

Nen@s desenvolvendo as súas habilidades creativas, artísticas e pensamento computacional, habilidades do século XXI.

Biblio Creativa

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Unha vez máis, Cati e Flor primaron o proceso sobre o produto final, un proceso altamente creativo e de autocoñecemento.

Un fin de trimestre entre fíos condutivos, LEDs e... creatividade!

7.3.24

Semana da Prensa: encontro con Abraham Carreiro

O alumnado de 5º e 6º de primaria mantivo un encontro dixital con Abraham Carreiro, director e editor do xornal da xente miúda: O Papagaio.

Un encontro que lles permitiu coñecer, de primeira man, a evolución do xornal desde a súa primeira publicación no ano 2016. Ao tempo, Abraham interesouse por Leo, a nosa serea lectora, e ilustrou, paso a paso, O Papagaio saudando a Leo; así como animou a nen@s a ilustrar o seu propio papagaio. Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da xornada.

Encontro con Abraham Carreiro

Agradecemos o bo facer e a amabilidade de Abraham Carreiro e esperamos contar cada curso coa súa colaboracion para seguir divulgando, dinamizando o xornal da xente miúda: O Papagaio.

7.3.23

Encontro con Ana Romero Masiá

No día de hoxe, o alumnado de 6º de Infantil, 5º e 6º de Primaria mantiveron un encontro con Ana Romero Masiá, historiadora e nomeada membro correspondente da Real Academia Galega no ano 2022. Ana, nos veráns da década dos anos oitenta e como membro do Instituto de Estudos Galegos de Santiago, fíxose cargo dos traballos de posta en valor do castro de Borneiro, un dos xacementos arqueolóxicos castrexos máis interesantes da zona.

Co gallo da Semana da Muller 2023 e en relación co seu proxecto sobre os castrex@s, a aula de 6º de Infantil elexiu a Ana Romero como galega imprescindible para coñecela en persoa e entrevistala en Radio Balea. Entrevista e biografía que presentarán esta semana na nosa biblio ao resto de compañeir@s.

Agradecemos a Ana Romero a súa amabilidade e bo facer. Encontro do que tod@s saíron sabendo un pouco máis dos castros galegos, grazas a unha Muller Galega: Ana Romero Masía.

Encontro con Ana Romero

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos 




19.10.22

Cancioneiro de Buño: presentación na sede da RAG

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Cancioneiro de Buño, un dos exemplares doado polo Concello de Malpica a nosa Biblioteca, foi presentado, no día de onte, na sede da Real Academia Galega.

A esta presentación asistiu o noso alumnado de 5º e 6º de Primaria acompañados polos seus titores. Na presentación deron boa conta das coplas recollidas no libro que aúna dous mundos creativos: a olería e a literatura popular. Premendo na seguinte imaxe accederedes ao álbum de fotos da xornada.

Imaxe Real Academia Galega

Voltaron da presentación co noso exemplar asinado polo editor literario, o cal recolle na dedicatoria a importancia de valorar e salvagardar o noso rico pasado.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Agradecemos a doazón dos exemplares por parte da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes do noso Concello, así como a saída complementaria do noso alumnado para asistir á presentación na sede da RAG.

Educando en comunidade!

Axenda 2030: ODS 4

20.6.22

Graduación promoción 2013-2022



E chegados a fin de curso 2021-22, unha promoción máis que remata a súa andaina escolar no CEIP Milladoiro.

Unha celebración na que elas e eles foron protagonistas da súa graduación. Graduación emotiva e significativa porque viviron o último ciclo de Primaria como heroínas e heroes ante a covid-19, soportando protocolos sanitarios que cortaron a súa liberdade persoal e social. 

Desexámoslles feliz singradura, retomando a merecida liberdade e recordando que a súa escola sempre terá as portas abertas para tod@s.

17.6.22

Aprender a Investigar: AS NOSAS LETRAS!

Imaxe CEIP Milladoiro. Malpica

O alumnado de 6º de Primaria despide a súa andaina escolar no CEIP Milladoiro presentando o podcast MillaInforma: AS NOSAS LETRAS!. Programa no que, grazas ao traballo desenvolto ao longo do curso na área Aprender a Investigar, nos resumen a vida e obra de diversos autores galegos e autora galega.

Desexámosvos unha nova travesía chea de aprendizaxes de vida, sen olvidar as vosas raíces: Galicia.

Feliz singradura nen@s e parabéns pola vosa última produción en Radio Balea, a Radio na Biblio.

26.5.22

Visita de Xurxo Alfeirán: Malpica, a nosa vila

Visita Xurxo Alfeirán Chouciño
Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da visita

No día de onte, Xurxo Alfeirán Chouciño, veciño malpicán e mestre, xa xubilado, visitou a Biblio para contar ao alumnado de 4º e 6º de Primaria a historia que esconde cada unha das imaxes que amablemente nos cedeu para realizar a exposición final de fotografía en relación co PDI iniciado este curso.

Cartel exposición fotográfica e visita Xurxo Alfeirán

Ao longo do noso Mes das Letras puidemos recrearnos con cada unha das fotografías en branco e negro, a cor, da exposición Malpica, a nosa vila. Cada quen, cada aula reinterpretou o que foi observando, puido ler a historia malpicá narrada en imaxes.

Un privilexio que Xurxo nos relatase, coa pedagoxía que o caracteriza, quen fixo a primeira rampla do porto, o destino do edificio donado por Anselmo Villar Amigo como praza de abastos e que finalmente foi escola e ata Concello ou quenes eran os bañeiros, como daban os baños as mulleres na praia de Malpica.

Que necesario que @s nen@s coñezan o pasado, a historia da súa vila para medrar con raíces.

Agradecid@s a Xurxo pola súa inestimable colaboración e contribución, que non será a última pois achegounos ao colexio a súa exposición O ollo máxico para que tod@s experimentemos co sentido da vista.

Exposición O ollo máxico de Xurxo Alfeirán

12.1.22

Proxecto Terra: Sementeiras

Proxecto Terra 

O pasado 20 de decembro o alumnado de 6º E.P. recibiu un taller de formación sobre "Procesos e formas na cidade. Morfoloxía da nosa vila e a súa percepción" dentro do Proxecto Terra que solicitamos para este curso.

Traballaron os diferentes compoñentes da nosa vila e a percepción do espazo urbano en base a percepción da súa forma según Kevin Lynch. Posteriormente por grupos crearon unha maqueta esquemática de Malpica de Bergantiños. 

Podedes ver todas as fotos da xornada premendo na imaxe.

Coñecendo e valorando a nosa vila!




20.10.21

Obradoiros de igualdade: Cambiando o conto

Obradoiro Cambiando o conto_5º E. Infantil

FOTOS  E.I.

Esta semana da man da Asociación Visibles, que xa nos acompañou en pasados cursos escolares para ir cambiando o contoo alumnado de 5º de Educación Infantil e 5º e 6º de Educación Primaria realizaron obradoiros para tratar a igualdade e a análise crítica dos estereotipos de xénero partindo de contos tradicionais.

En 5º de Educación Infantil traballaron o conto de Ceniciento, onde este príncipe non quería ser tal cousa e o seu soño era ser veterinario. Despois de escoitar o conto animado pola música da ocarina, e analizar o que lle pasou coas labores domésticas, cada un imaxinou como sería Ceniciento e plasmouno nun debuxo. 

O alumnado de 5º e 6º E.P. traballou e realizou unha análise crítica sobre  os estereotipos de xénero da nosa sociedade, e reelaboraron contos tradicionais propoñendo finais e desenlaces alternativos.

Obradoiro Cambiando o conto_6ºA E. Primaria

FOTOS 5º E 6º EP

Agradecemos a Nuria e a Olalla o seu bo facer e destacar o vídeo que esta Asociación publicou polo Día Internacional das Mulleres Rurais (15 de outubro), no cal aparecen mulleres do noso Concello, da nosa comunidade educativa. Parabéns a todas elas e a Asociación polo fantástico produto final visibilizando as mulleres do rural.

Seguimos querendo cambiar o conto!

1.6.21

Encontro en liña con Ledicia Costas

E chegou o esperado encontro con...Ledicia Costas!

O alumnado de 5ºA, 5ºB e 6º de Primaria quedaron encantad@s da videoconferencia mantida coa escritora, que dende o primeiro minuto lles amosou a súa calor humana fronte á frialdade das pantallas.

Contestou a todas as preguntas que @s nen@s tiñan preparadas, entre todas as respostas foron coñecendo que...acaba de facer a cuarta entrega da colección Os Minimortos que xa está en edición, o seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta fala coreano, un dos personaxes favoritos entre todos os seus títulos é a Señorita Bubble ou que, como Ledicia lles confesou na presentación inicial, encántalle o chocolate en todas as súas formas. 

Picando na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos e vídeos curtos do encontro.

Agradecer a Ledicia a súa amabilidade por encontrarnos, unha vez máis, no Milladoiro e a Edicións Xerais pola súa mediación para que a xuntanza virtual se materializase.

O vindeiro curso esperamos poder contar con encontros en vivo. Ata entón...quedámonos co doce sabor literario de Ledicia Costas!

25.3.21

Contrato-programa: Ciencia en Movemento

Esta semana, dentro do contrato-programa para acadar a excelencia académica, o alumnado de 5º e 6º de Primaria participou no programa Ciencia en Movemento, o cal nos trasladou a nosa Biblioteca Escolar un Museo Científico coas seguintes temáticas: movemento de corpos, electricidade e magnetismo, natureza, minerais (cristalización), moto, efecto óptico, propiedades de líquidos e gases, materiais avanzados e informática.

Picando na imaxe accederedes ao álbum de fotos.