Amosando publicacións coa etiqueta 4ºEP. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 4ºEP. Amosar todas as publicacións

13.5.26

Biblioteca creativa: "Unha formación... DE CINE!"

 Os pasados martes 5 e 12 de maio o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria recibiu a formación de Andrés Sanjurjo, da produtora Acariño Films. Con el viviron a experiencia de como é realmente planificar, elaborar e gravar unha película.

Nun primeiro achegamento, explicoulles diferentes aspectos do cine: as súas fases, os planos, os equipos artísticos cos que contar para poder facer unha produción audiovisual... Despois, en grupos, o alumnado deseñou a súa propia curtametraxe, onde debían consensuar aspectos relevantes como, no só o guion e os actores, senón o vestiario, a escenografía, os cámaras ou os especialistas de son.

O seguinte martes, Andrés acompañou e guiou ao alumnado na realización de todas as tarefas para crear a súa propia curtametraxe: o alumnado repartiuse nos diferentes equipos, como dirección, cámaras, técnicos de son... A implicación de todo o alumnado foi incrible, consensuando cada decisión que había que tomar e actuando como verdaderos profesionais deste marabilloso sector.

Grazas pola implicación, Andrés! Cativada e profesorado aprendimos moitísimo! 

Se clicades aquí, podedes ver o guion elaborado, con mooooita axuda de Andrés, por cada un dos grupos de alumnado. Clica na imaxe para acceder á galería!



Esta actividade está enmarcada dentro do programa Biblioteca Creativa da Consellería de Educación.

26.5.25

Formación Radio na biblio

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 4º e 5º de primaria desenvolveron a formación de Radio na biblio con Damián Alonso, de Ponte... nas Ondas!

As/os biblioaxudantas/es de Radio na biblio (5º de primaria) e o alumnado que os sucederá o vindeiro curso (4º de primaria) traballaron técnicas de expresión oral xunto coa edición dun guión e a súa posterior gravación.

O vindeiro curso, máis (in)formación!

13.5.24

Encontro con Jorge Campos

Encontro con Jorge Campos
Premer na imaxe para acceder ao álbum de fotos

O pasado venres 10 de maio o alumnado do 2º ciclo de primaria mantivo un encontro con Jorge Campos.

Encontro con Jorge Campos

Jorge Campos, ilustrador e autor, iniciou o encontro con contidos básicos de banda deseñada: historia, partes dun cómic... Posteriormente, respondeu a todas as preguntas en relación co seu exemplar: "Capitán Lentella", título do Plan Lector Anual da aula de 4º de primaria; así como asinou os exemplares de tod@s, con ilustración incluída, e tamén nos deixou asinada a lámina das ilustracións que realizou.

O alumnado puido ver o proceso de ilustración, en vivo, dos diversos personaxes de "Capitán Lentella" e recibiu a boa nova, de boca do autor, da próxima publicación de "Capitán Lentella 2"; o que levou a que o alumnado de 4º de primaria pida para o vindeiro curso que se inclúa nos títulos do Plan Lector este exemplar en 5º de primaria (petición recibida e... aprobada!)

Encontro con Jorge Campos

Só nos queda dicir que foi un auténtico pracer contar con Jorge Campos, pola súa dispoñibilidade, bo facer e amabilidade en todo momento. Ao tempo, dicir que Jorge quedou encantado coa produción propia que elaborou o alumnado de 4º de primaria, coa súa titora Belén como orientadora e guía do proceso, ao redor do título.

Encontro con Jorge Campos

Engadir que Jorge foi o encargado de realizar o póster do presente curso, "Unha biblioteca escolar en viñetas", da Asesoría BEGA e que temos publicado na columna do presente blog.

O vindeiro curso... máis encontros!


29.3.23

Formación Radio na Biblio

 Formación Radio na Biblio

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos da xornada

Un curso máis contamos con Ponte... nas Ondas! para levar a cabo a formación de radio escolar co alumnado de 4º de primaria, que o vindeiro curso serán biblioaxudantes de Radio na Biblio.

Da man de Damián, @s nen@s de 4ºEP aprenderon a usar o programa de gravación e edición de audio; así como técnicas de expresión oral, realización, por parellas, dun guión e posterior gravación do mesmo.

Unha nova experiencia formativa que aporta maior autonomía a nen@s para o uso de Radio Balea, a Radio na Biblio do CEIP Milladoiro.

28.11.22

Premiad@s: VIII Concurso de Traballo por Proxectos

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos 

Estamos en hora boa! A aula de 4º de E. Primaria, do curso 2021/22, resultou premiada no VIII Concurso de Traballo por Proxectos.

Na modalidade de Investigación e Tratamento da Información presentaron a Tarefa Integrada desenvolta no último trimestre no Laboratorio Documental: Malpica, a nosa vila, enmarcada dentro do noso Mes das Letras 2022

Na memoria presentada recollen, ademais, os restantes laboratorios de aprendizaxe implementados ao longo do curso 2021/22 en relación co PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!

Un curso que estivo marcado pola pandemia, con protocolos sanitarios que afectaron á natural socialización escolar; mais puideron seguir divertíndose aprendendo e sendo artífices das súas propias aprendizaxes mediante Tarefas Integradas que abarcaron diversas áreas, entre elas a área de Aprender a Investigar. Área esta que non lles era allea, dado que dende E. Infantil e 1º ciclo de E. Primaria aprenden por descubrimento: sendo, facendo, sabendo e convivindo; e sempre ao abeiro da Biblioteca Escolar-LeoLab: espazos creativos e recursos bibliográficos, dixitais, tecnolóxicos, audiovisuais... para tod@s.

No día de hoxe realizamos a entrega dos diplomas correspondentes e de dous agasallos lúdicos para compartir na aula. Un premio ao traballo feito... con corazón!

Parabéns a tod@s, unha dotación económica para tod@s: educación de calidade no rural.

26.5.22

Visita de Xurxo Alfeirán: Malpica, a nosa vila

Visita Xurxo Alfeirán Chouciño
Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da visita

No día de onte, Xurxo Alfeirán Chouciño, veciño malpicán e mestre, xa xubilado, visitou a Biblio para contar ao alumnado de 4º e 6º de Primaria a historia que esconde cada unha das imaxes que amablemente nos cedeu para realizar a exposición final de fotografía en relación co PDI iniciado este curso.

Cartel exposición fotográfica e visita Xurxo Alfeirán

Ao longo do noso Mes das Letras puidemos recrearnos con cada unha das fotografías en branco e negro, a cor, da exposición Malpica, a nosa vila. Cada quen, cada aula reinterpretou o que foi observando, puido ler a historia malpicá narrada en imaxes.

Un privilexio que Xurxo nos relatase, coa pedagoxía que o caracteriza, quen fixo a primeira rampla do porto, o destino do edificio donado por Anselmo Villar Amigo como praza de abastos e que finalmente foi escola e ata Concello ou quenes eran os bañeiros, como daban os baños as mulleres na praia de Malpica.

Que necesario que @s nen@s coñezan o pasado, a historia da súa vila para medrar con raíces.

Agradecid@s a Xurxo pola súa inestimable colaboración e contribución, que non será a última pois achegounos ao colexio a súa exposición O ollo máxico para que tod@s experimentemos co sentido da vista.

Exposición O ollo máxico de Xurxo Alfeirán

25.3.22

Na horta cos meus amig@s

Programa saúde e benestar emocional_Asociación Vieiro

Esta semana a aula de 4º de Primaria iniciou o Programa de saúde e benestar emocional promovido pola Asociación Vieiro de Carballo, a cal lle estamos moi agradecid@s por achegarnos programas tan necesarios na escola e a custe cero.

O programa consta de 8 sesións nas que da man de Fani (psicóloga da Asociación) @s nen@s, a través da recreación de contos nos que as hortalizas son as protagonistas, coñecen situacións persoais que poden vivir nesta etapa evolutiva: celos, burlas, diferenzas físicas/culturais, presión de grupo, resolución de conflitos...; contribuíndo á maduración psicoafectiva e a adquisición de hábitos de saúde e benestar emocional.

A primeira sesión foi todo un éxito, tod@s se identificaron coas características dalgunha das hortalizas protagonistas; aínda que non sexa doado reflexionar sobre como son e como me sinto.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos do programa que se irá incrementando segundo se vaian desenvolvendo as 8 sesións (1 sesión semanal)

Coidando de NÓS, coidándonos!

14.2.22

Obradoiro Radio na Biblio: 4º e 5º EP

Obradoiro Radio na Biblio

O mércores 9 de febreiro o alumnado de 4º de Primaria e 5º de Primaria, no presente curso Biblioaxudantes de Radio na Biblio, desenvolveron un obradoiro de Radio da man dos profesionais da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas!

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da xornada.

Coa profesionalidade de Xerardo Feijoo aprenderon a edición dun podcast no programa Audacity e con Damián Alonso a comunicación: volume, entoación, dicción...

Pecharon o obradoiro tod@s no patio cunha posta en práctica da Radio en directo, a cal podedes escoitar a continuación. Esperamos que vos guste, nós pasámolo xenial!Un luxo de formación para seguir medrando con Radio Balea... a nosa Radio!