Amosando publicacións coa etiqueta 1º trimestre. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1º trimestre. Amosar todas as publicacións

20.12.24

Bo Nadal e Feliz 2025!

Bo Nadal e Feliz 2025 de bibliotecamilladoiro

No día de hoxe, último día lectivo do trimestre, celebramos a chegada do Nadal practicando as 12 badaladas e visualizando as diversas postais remitidas polos grupos-aula a diferentes entidades, tal e como podedes ver premendo nos seguintes enlaces aos blogs de ciclo:


Pechamos a xornada con teatro, "Maruxiña" de Aurora Artes Escénicas, e entrega das cartas ao Carteiro Real grazas á colaboración da ANPA Ventorrillo e ao Concello de Malpica.
Bo Nadal e Feliz Aninovo 2025 a tod@s!

5.12.23

Exposición de Nadal 2023

Exposición de Nadal 2023

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un ano máis, chegan as luces e os agasallos de Nadal: chegan os libros!

Os libros brillan con luz propia para emocionar, para saber, para ler en viñetas... para tod@s!

A nosa humilde homenaxe a O Hematocrítico, falecido o pasado 27 de novembro, que tanta luz nos deixa coa súa obra e parte da cal quixemos destacar na zona colgante da exposición. O noso máis sentido pésame para os seus seres queridos. O Hematocrítico sigue vivo en cada un dos seus libros e só nos queda dicir o que recolleu Ruth Caramés na súa viñeta do diario Nós:

GRAZAS!

Exposición de Nadal 2023

A guía de Nadal 2023, que xa está na imprenta e en formato dixital nunha próxima publicación, será entregada o último día lectivo para que poidades pedir os vosos regalos en forma de libro, para iluminar o voso Nadal e... todos os días do ano!

4.12.23

Leo le... NOVIDADES!_1º trimestre

Leo le... NOVIDADES!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do 1º trimestre o expositor de novidades foise renovando, segundo adquirimos e catalogamos os novos exemplares.

Libros diversos para atender ao PDI que nos ocupa e outras temáticas de interese: álbum ilustrado, libros de divulgación ou consulta, biografías, narrativa, poesía, ensino...

Grazas ao orzamento plambe e ao orzamento de centro seguimos adquirindo exemplares de calidade para nutrir o catálogo da nosa biblio.

No 2024... máis!

29.11.23

Leo le... ENSINO!

Leo le... ENSINO!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Seguimos alimentando a formación e a información mediante a exposición que, desde comezo de curso, divulgamos: Leo le... ENSINO!

Unha exposición que se vai renovando ao longo do curso e que é imprescindible como recurso documental para a mellora da nosa práctica docente, para apoiar/nutrir o deseño de tarefas integradas, para aprender ao longo da vida.

Continuará...


27.11.23

Receitando lecturas... polo 25N!

Conmemoramos o 25N... receitando lecturas de vida!
Ao longo do mes de novembro experimentamos coa luz ultravioleta e receitamos lecturas, seguindo o PDI que nos ocupa e a proposta mensual.
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Parabéns a tod@s pola lectura activa ao redor de valores e actitudes esenciais para a convivencia, así como polos diferentes experimentos realizados nas aulas (visitar os blogs de ciclo)
Seguimos querendo... cambiar o conto! 


3.11.23

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Leer más publicaciones en Calaméo

No mes de novembro a lectura activa e a medicina, en relación co PDI que nos ocupa, serán o punto de partida da experimentación e do tratamento de valores para a igualdade e a convivencia.

As exposicións ubicadas no corredor e no escenario da biblioteca acollen exemplares diversos: álbum ilustrado, poesía, narrativa... para receitar lecturas de vida.

Leo le... 25N!
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un mes para experimentar na nosa lingua e para valorar a lectura activa como ferramenta de construción educativa e social que facilita o cambio.

Magosto 2023: entre castañas... anda o xogo!

Magosto 2023

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos da xornada

Un curso máis, a castaña foi protagonista dos xogos tradicionais que realizamos co gallo do noso Magosto 2023.

Unha xornada lúdica e gastronómica, pois finalizamos o día degustando as ricas castañas asadas.

Benvido... outono!

29.9.23

Proposta de actividades_1º trimestre


Presentamos a proposta de actividades anuais e do 1º trimestre en relación co PDI "Medicus curat natura sanat"

Unha proposta que dá continuidade a actividades que nos son propias: laboratorios de aprendizaxe, Galicómic, DichoLeo...; así como aquelas outras que teñen como finalidade dar tratamento á lectura, á escritura, á comunicación, á educación para a saúde e en valores.

Actividades todas elas que estarán presididas pola aprendizaxe por descubrimento, aprendizaxes emocionantes e vívidas, aprendizaxes cooperativas para dar resposta a múltiples preguntas, retos...

Un trimestre para coidarnos, para coñecernos, para respectarnos...

ODS Axenda 2030

7.12.22

Exposición de Nadal 2022

Exposición Nadal 2022

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos a segunda exposición do 1º trimestre, esta adicada ao Nadal.

Unha exposición que acolle exemplares na nosa lingua para explorar diversos mundos lectores: poesía, banda deseñada, de consulta, narrativa, música...; atendendo a temáticas varias e educación en valores para a vida.

Algúns dos exemplares recóllense na guía de Nadal 2022 que entregaremos a toda a comunidade educativa o último día lectivo do trimestre porque...

Exposición Nadal 2022

AGASALLAR UN LIBRO É AGASALLAR...

O MELLOR AMIGO!

2.12.22

Radio Voz Escolar - Radio na Biblio: Radio Balea

Antía Leal de Radio Voz
Nen@s de 5ºEP en Radio Balea

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A comezos do mes de novembro recibimos un correo da Asesoría BEGA comunicándonos que o noso colexio fora proposto pola Consellería de Educación para o programa Radio Voz Escolar: proxecto de Radio Voz en colaboración coa Consellería de Educación.

A nosa escola, como centro LIA.2, promove mediante os diversos laboratorios de aprendizaxe que nos son propios o coñecemento e uso responsable da información en múltiples formatos. Laboratorios que son implementados nos diversos espazos creativos que conforman a nosa BE-LeoLab, así é o caso do Laboratorio de Son que se desenvolve na nosa Radio na Biblio: Radio Balea.

No día de hoxe recibimos no cole a Antía (xornalista de Radio Voz) e Sonia (xefa técnica). Antía deu unha breve charla ao alumnado de 5º de E. Primaria, no presente curso biblioaxudantes de Radio na Biblio, para logo gravar no estudio de Radio Balea o programa MillaInforma, que se pode escoitar premendo no seguinte enlace:

Radio Voz: Radio na Biblio

Ademais da parte teórica e técnica da radio tamén conectaron en directo con Radio Voz Bergantiños, saudando a Fran o seu locutor, como se pode ver no seguinte vídeo.

Unha nova experiencia de vida, un agasallo de Nadal adiantado, que seguro @s nen@s non olvidarán; así como os bos consellos para a mellora na emisión de podcasts que lles deixaron Antía e Sonia, as cales agradecemos a súa amabilidade e bo facer.

A informarse... escoitando o podcast final!Seguiremos informando desde Radio Balea, a radio nas ondas!


28.11.22

Decálogo 3D polo 25N

Presentamos, en formato dixital, o Decálogo 3D: Diálogo + Dereitos + Dignidade creado, entre Leo e todas as aulas, para pechar o mes de novembro arredor da conmemoración do 25N.

Lecturas para a vida, lecturas para reflexionar, para dialogar e... seguir educando en igualdade todos os días do ano.

Asemade, achegamos as imaxes das diferentes sesións de ciencia compartida... na nosa fala!, conmemorando o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. Premendo na seguinte imaxe, d@s máis cativiños do Milladoiro (3 anos) e o alumnado de 3ºEP, accederedes á galería de fotos.

3 anos e 3ºEP

Un mes de experimentación compartida, na nosa fala, e lecturas para a vida!


24.11.22

Polo 25N... Iriña bailarina

No día de hoxe, @s nen@s de E. Infantil, 1º, 2º e 3º de E. Primaria acudiron ao Centro Cívico para desfrutar da actuación de Teatro Ghazafelhos con Iriña bailarina.

Unha obra baseada no libro, de mesmo título, de Cristina Justo e Paloma Rodríguez. Exemplar editado por Embora dentro da colección "A igualdade conta" para dar tratamento á igualdade de xénero e aos estereotipos sociais. Premendo na imaxe accederedes ao exemplar rexistrado no catálogo da nosa Biblio.

Imaxe catálogo BE Milladoiro. Malpica

Agradecemos á ANPA Ventorrillo a xestión e organización dunha actividade complementaria que nos permite seguir dinamizando cultura, educando en valores de vida... porque seguimos querendo cambiar o conto.

Centro Cívico Malpica

22.11.22

Celtia Figueiras: Lúa quere viaxar a... Marte!

Celtia Figueiras

Premer na imaxe para acceder a máis información

Hoxe @s nen@s de E. Infantil e 1º ciclo de E. Primaria puideron desfrutar dunha actividade cultural na nosa lingua e dando tratamento á igualdade de xénero: a gatiña Lúa quere ser astronauta.

Celtia Figueiras, acompañada dos seus títeres, realizou unha marabillosa contada baseada nun libro da súa autoría: Lúa quere viaxar a... Marte!, ilustrado por Marcelo P. Fernández e editado por Guindastre (a disposición na nosa Biblio)

Agradecemos ao Consorcio Editorial Galego que siga achegándonos cultura na nosa lingua. 

21.11.22

Leo le... NOVIDADES!_1º trimestre

Leo le.. NOVIDADES!

Premer na imaxe para acceder ao álbum de fotos

Un curso máis, Leo le... NOVIDADES!

A imaxe pertence á segunda exposición de novidades deste 1º trimestre: álbum ilustrado, exemplares de consulta, de ensino, de Lectura Fácil, poesía, narrativa; un mundo lector diverso.

En próximas publicacións... novidades de Banda Deseñada para todas as idades.


 

Leo le... ENSINO!

Premer na imaxe para acceder ao álbum de fotos

No presente curso inauguramos unha nova exposición, Leo le... ENSINO!, coa finalidade de divulgar e dinamizar lecturas tan necesarias e nutritivas para a formación continua.

Seguiremos alimentando a información e a formación, indispensables para unha educación de calidade.

 

14.11.22

NUNCA MÁIS!_20 anos despois

Imaxe catálogo KOHA

No día de onte, 13 de novembro de 2022, cumpríronse 20 anos da maior catástrofe ecolóxica: o afundimento do Prestige, buque petroleiro que tinguiu de negro a nosa costa galega.

Hoxe, recordamos a marea negra e a marea de solidariedade, a marea branca, que asolagaron a nosa fermosa terra: Galicia.

Do exemplar ¡NUNCA MÁIS! A ollada da infancia, dispoñible na nosa Biblioteca (premer na primeira imaxe para acceder ao catálogo) e publicado por Kalandraka, extraemos unha páxina con acrósticos que resumen moi ben o que sentimos ante tal traxedia, mais tamén o que agromou de tanta impotencia e rabia ante o acontecido: solidariedade, esperanza e unha chamada ao sentido común para que non pase...

NUNCA MÁIS!

Imaxe interior exemplar ¡NUNCA MÁIS!

4.11.22

Magosto 2022: entre castañas anda o xogo!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos e vídeos.

Celebramos o noso tradicional Magosto coa castaña como protagonista dos xogos desenvoltos no patio e no pavillón.

Despois de divertirnos xogando, baixamos ao patio para desgustar as castañas asadas e bailar coa música do Grupo Milladoiro. Unha fantástica xornada entre castañas e música tradicional.

Agradecer o esforzo de toda a nosa comunidade (profesorado, persoal non docente, colaboradores...) para que o noso Magosto poida seguir celebrándose.

3.11.22

Novembro 2022: Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Exposición Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Iniciamos o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, co deber de coñecer e transmitir ciencia na nosa lingua. Seguimos a ver moi necesario máis libros de consulta (Ciencias Naturais, Ciencias Aplicadas...) na nosa fala, faise imprescindible que as editoriais aposten pola divulgación científica, para peques e maiores, en Lingua Galega.

No corredor do 1º andar, xa está a disposición, de tod@s, a exposición Leo le... Ciencia en Galego, con exemplares en galego e para traducir ao galego, para seguir preguntando, sendo curios@s, investigando, experimentando... (premer na imaxe para acceder á galería de fotos da exposición) Recursos aos que sumamos os incluídos na seguinte publicación. 

NÓS imos compartir ciencia na nosa fala: o alumnado de 2º e 3º ciclo de E. Primaria expoñerá o método científico dos experimentos que argallen ao alumnado de E. Infantil e 1º ciclo de E. Primaria.

Pecharemos o mes de novembro experimentando coas gafas anáglifo e o mural Visión 3D. Seleccionaremos unha lectura, polo 25N, para compartir na aula e extraer unha valoración final; de maneira que entre tod@s elaboremos a nosa produción propia, o Decálogo 3D: Diálogo + Dereitos + Dignidade.

Un mes no que CIENCIA, FALA e IGUALDADE serán palabras clave, porque seguimos querendo cambiar o conto.

ODS-Axenda 2030

Xandobela: xogando co patrimonio

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A nosa Biblio acolleu, no día de hoxe, unha actividade cultural promovida por Xandobela, que mediante o xogo achegou ao alumnado de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria o noso patrimonio.

Da man de Nerea, pedagoga e educadora social, coñeceron o proxecto Xogando co patrimonio e desenvolveron a actividade, participativa e lúdica, "Pegadas do noso": lendas, adiviñas, música, seres mitolóxicos...; Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Agradecemos proxectos como o de Xandobela, que achegan información arredor do patrimonio galego aos máis pequenos para seguir valorando e salvagardando o noso.

Grazas a Nerea polo seu bo facer e polo agasallo final: un carné de investigador-a da cultura galega para cada nen@.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Na Biblioteca Milladoiro encantounos Xandobelar (palabra collida da xerga dos canteiros que significa xogar) co patrimonio.