Mostrando entradas con la etiqueta Lestes virens. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lestes virens. Mostrar todas las entradas

sábado, 31 de octubre de 2015

Cabaliños do demo e libeliñas

E agora os odonatos, e dicir, os cabaliños do demo e libeliñas. É este outro campo que nos gusta e do que tamén facía tempo que non falábamos. De feito é este un mundo practicamente novo para min e que fun descubrindo entrada a entrada neste blog.
Algúns dicen que está de moda entre os naturalistas estos dos cabaliños do demo e libeliñas. Pode ser certo ou non, o que si está claro é que son uns bichiños ben agradecidos para a fotografía.
Polo tanto paso a compartir con todos vos as últimas citas que veño recollendo acompañados dunhas cantas imaxes deles.

-Gaiteiriño dríade Lestes dryas: uns 10 exemplares o 17/08/2014 na charca de A Lagúa (As Nogais), máis de 100 exemplares o 09/06/2015 no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro), máis de 100 exemplares o 23/07/2015 nunha charca temporal no Pico do Sol preto das alzadas do Pan do Zarco (Navia de Suarna) e máis de 50 exemplares o 21/08/2015 outra vez no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro).
Gaiteiriño dríade Lestes dryas: 2 machos (parte superior), 2 femias (parte inferior) e 1 parella en tándem.

-Gaiteiriño noivo Lestes virens: uns 20 exemplares o 17/08/2014 na charca de A Lagúa (As Nogais).
 Gaiteiriños noivos Lestes virens en tándem por A Lagúa (As Nogais).

-Donceliña grácil Coenagrium scitulum: 9 exemplares o 09/07/2015 na charca de Reboira (A Fonsagrada).
Donceliña grácil Coenagrium scitulum na charca de Reboira (A Fonsagrada).

-Donceliña de copa Enallagma cyathigerum: 4 exemplares o 09/06/2015 no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro).

-Donceliña vermella Pyrrhosoma nymphula: 1 exemplar o 30/05/2014 nunha charca por Riomao (As Nogais).
Donceliña vermella Pyrrhosoma nymphula por Riomao (As Nogais).

-Libeliña de cu azul Aeshna cyanea: 1 femia ovopositando o 16/08/2015 nunha charca formada nunha pista forestal preto da Pena do Pico (Becerreá) e 1 macho o 19/09/2015 na mesma.
Femia de libeliña de cu azul Aeshna cyanea ovopositando preto da Pena do Pico (Becerreá).

 Macho de libeliña de cu azul Aeshna cyanea na mesma charca fotografada por Pío A. de la Peña.

-Emperador grande Anax imperator: 5 exemplares o 09/06/2015 no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro).

-Libélula azuleira Libellula depressa: 1 exemplar o 17/08/2014 na charca de A Lagúa (As Nogais) e 2 machos e unha femia o 09/07/2015 na Charca de Reboira (A Fonsagrada).

-Libélula celeste Orthetrum coerulescens: 1 femia o 08/09/2015 nunha charca formada nunha pista forestal preto da Pena do Pico (Becerreá).
Femia de libélula celeste Orthetrum coerulescens preto da Pena do Pico (Becerreá) fotografada por Pío A. de la Peña.

-Lavacú azafrán Sympetrum flaveolum: uns 20 exemplares o 21/08/2015 no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro).
 Lavacús azafrán Sympetrum flaveolum en tándem no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro).

-Lavacú de Fonscolombe Sympetrum fonscolombii: 7 exemplares o 09/06/2015 no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro).
 Lavacú de Fonscolombe Sympetrum fonscolombii no Pozo do Lago Maior (Pedrafita do Cebreiro).

viernes, 1 de marzo de 2013

Esperando á primavera

Pasou febreiro, e nas montañas da Fonsagrada foi un continuo ir e vir de xeadas e nevaradas que xa apetece deixar atrás. Pero non imos deixar de valorar a necesidade destos fenómenos meteorolóxicos no ciclo anual das estacións e de alegrar a vista cos paisaxes que nos ofreceron.

Xeada na Fonsagrada a fin do mes de febreiro.

Os Ancares nevados desde A Fonsagrada.

Pero xa apetece outra cousa e por suposto xa está ás portas a esplendorosa primavera. As primeiras floracións xa se poden observar nas especies de flora máis temperás, como as de Narcissus pseudonarcissus a fin do mes de febreiro, e o resto que está por vir e que xa esperamos con ganas.

Narcissus pseudonarcissus en floración a fin de febreiro preto de Mendreiras (Baleira).

E así como esperamos á primavera tamén teremos novas observacións de interesantes especies como poden ser as libélulas e bolboretas, así que mentres tanto recordemos algunhas feitas na tempada pasada de 2012.

Primeiro lembrarnos de dúas especies de odonatos das que aínda non faláramos neste blog. Por unha banda Orthetrum coerulescens, observado preto de O Sesto (Baleira) a mediados de agosto do 2012. Por outra banda Lestes virens, especie da que vimos unha boa poboación tamén a mediados de agosto do 2012 na charca de Reboira (A Fonsagrada).

Orthetrum coerulescens en tándem preto de O Sesto (Baleira).

Lestes virens na charca de Reboira (A Fonsagrada).

E agora lembrarnos das bolboretas, das que tamén esperamos interesantes observacións. Aproveitamos e citamos agora dúas observacións tamén de agosto de 2012. Unha observación de Coenonympha pamphilus preto de Xestoso (Baleira) e outra de Hipparchia alcyone preto de O Cádavo (Baleira).

Coenonympha pamphilus preto de Xestoso (Baleira).

Hipparchia alcyone preto de O Cádavo (Baleira).

Así que a esperar que xa queda pouco.